Nova ocasión desaproveitada

Xuntáronse dúas cousas este domingo en Santa Mariña. Un Compos incapaz de deixar boas sensacións a domicilio e a derrota do Bergantiños na tarde do sábado no Couto. Unha ocasión inmellorable para achegarse ao máis alto da clasificación e, como xa ven sendo habitual nos últimos anos, oportunidade desaproveitada polos homes de Yago Iglesias. Vitoria para un Choco que segue invicto na casa contra un rival que deixou unha moi mala imaxe sen poñer en perigo a porta defendida por Cortegoso ata os vinte minutos finais, cando pareceron espertar xa sen opcións de sacar algo positivo. 


Efectividade total. 
O partido en Redondela arrincou con gran igualdade e sen ocasións. Un partido pechado, sen moito fútbol e sen ocasións ata superar a media hora de xogo. Co Compos practicamente desaparecido sobre o verde, o pouco fútbol púxoo un Choco que aproveitou as dúas ocasións que tiveron nos noventa minutos para facerse cos tres puntos. 
O primeiro dos redondeláns, aínda no primeiro tempo, foi obra de Antón Vilas logo de gañar un balón dividido por alto a Piscu, protexer a posesión e poñela fóra do alcance de Lorenzo. Un gran gol que supuxo a inauguración do marcador en Santa Mariña contra unha Esedé que nin sequera foi quen de reaccionar. 
Ante esa falta de reacción, tanto nos intres finais do primeiro tempo coma nos iniciais do segundo, o Choco non quixo desaproveitar para poñer a que sería a sentenza no luminoso. Un segundo gol que comezou cun saque de Lorenzo que caza Comis e que remata, de novo con acerto, Félix Rial ante o gardameta padronés. 

A reacción, xa sen tempo.
Cunha vantaxe difícil de igualar, e máis aínda vendo como estaba a ser o encontro, chegaron dous trocos que pareceron mellorar a imaxe branquiazul. A entrada de Santi e Alex Ares supuxo que os homes de Yago Iglesias gozara un pouco máis da posesión do esférico e as ocasións sobre a portería de Cortegoso chegaran.
Comezando cun centro de Naveira que non foi quen de rematar Miki, hai que salientar un man a man errado de Josiño, unha posible ocasión de Aythami que tapou ben un contrario e un disparo de falta de Alex Ares ante o que o gardamallas tivo que facer unha gran estirada para evitar que os nosos puideran, xa tarde, meterse no partido.

Agora, o Compos terá moi pouco tempo para preparar a visita do Arenteiro ao Vero Boquete o xoves. A oportunidade para recuperar as boas sensacións, a boa imaxe e os resultados positivos no campo onde só o Paiosaco puido puntuar na segunda volta. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, Uña, Naveira; Mon, Remeseiro (Santi, min. 63); Miki (Rubén, min. 78), Josiño, Brais Abelenda (Alex Ares, min. 63); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Naveira e Santi.
GOLES: 1-0 39' Antón Vilas, 2-0 49' Félix.
CAMPO: Santa Mariña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario