Un mal Compos non foi quen de puntuar en Calabagueiros nun partido que, unha vez máis, se decidiu pola mínima cun gol nos minutos finais, cando o equipo branquiazul buscaba con insistencia a portería defendida por Blanco. Un partido nun campo que se antolla imposible para os nosos despois de dous empates consecutivos dende a chegada de Yago Iglesias á Esedé. Un gol de Juanito Bazo, suficiente para deixar os tres puntos no Barco de Valdeorras despois dun primeiro tempo con pouco fútbol e un segundo no que, malia ir de menos a máis, as ocasións non foron suficientes para conseguir algo mellor e xa se sabe que quen perdoa acaba pagando.
Primeiro tempo sen fútbol.
Un partido que arrincou con algo de retraso por problemas coa colocación da afección visitante, non contou con moito que contar durante os primeiros corenta e cinco minutos. Unha primeira metade con pouco fútbol, moitas imprecisións por parte dos dous equipos e marcada polas perdas de tempo pola lesión de Jorge.
No primeiro tempo, as ocasións chegaron por parte dun Centro de Deportes Barco con algo máis de intensidade no seu xogo mais sen fortuna para mandar a pelota entre os tres paus salvando Anxo sen problemas as máis claras dos locais. Por contra, na outra portería, só Aythami asinou unha ocasión de perigo logo dun saque de porta defectuoso de Blanco que marchou por liña de fondo.
Quen perdoa, paga.
Se hai un guión que se repite en moitos partidos do Compos é o de pagar as ocasións perdoadas. O equipo arranxou os problemas do primeiro tempo e pasou a mandar na posesión do esférico no segundo. Non obstante, as ocasións sobre a porta de Blanco tardaron vinte minutos en chegar con Brais Abelenda e Marcos Remeseiro como factor común das máis claras. O extremo de Bembibre foi tivo a mellor ocasión cun disparo que sacou sobre a liña o gardamallas mentres que o centrocampista coruñés non só buscou asistir ao anterior senón que, ademais, perdoou logo dun mal disparo de Chechu, moi activo en traballos ofensivos. Este segundo foi tamén o encargado de poñer o esférico na área para que Naveira, cun testarazo picado, mandara a pelota ao pau.
Unha vez máis.
Bergantiños, Arosa, Somozas, Ourense CF, Lugo B, Paiosaco, Racing de Ferrol... e Barco. Unha gran lista de equipos á que se une o cadro valdeorrés de equipos que anotaron algún gol importante ao Compos nos minutos finais.
Neste caso, a sete minutos para o final do tempo regulamentario e despois dunha xogada con ata tres ocasións a prol dos nosos, chegou o tanto á contra. Aproveitando un rexeite de Anxo, centro de Diego Tato e gol de Juanito Bazo para dar un triunfo de ouro aos locais que, non obstante, non poden facerse co premio do cuarto posto logo do triunfo da UD Ourense sobre o Racing de Ferrol, facendo así que haxa un troco no máis alto da táboa.
ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Chechu, Naveira; Samu, Remeseiro; Miki, Alex Ares (Santi, min. 76), Brais Abelenda (Josiño, min. 69); e Aythami.
CARTÓNS: Ningún.
GOLES: 1-0 83' Juanito Bazo.
CAMPO: Calabagueiros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario