Entramos nas dez últimas xornadas do campionato. A recta final arrinca e a parte máis importante do campionato chega logo de superar a primeira parte do 'tourmalet' branquiazul, no que aínda quedan dous enfrontamentos contra rivais que buscarán evitar que a xeira de vitorias vaia a máis. E o primeiro que quere evitar que aumente a conta a tres triunfos consecutivos é un Porriño Industrial que visitará o Vero Boquete con poucas opcións de salvarse na que está a ser a súa volta á Terceira división despois de trece anos de ausencia. Un pechacancelas que chega, ademais, despois de gañar na casa ao Paiosaco e empatar, quince días atrás, fronte ao Alondras nun partido sen goles.
Un duro rival.
Malia pechar a clasificación, o Porriño Industrial demostrou ao longo da tempada ser un duro rival, poñendo as cousas difíciles na primeira volta aos equipos da parte alta, algo que non queda reflexado na actualidade fronte aos serios problemas cos que contan á hora de marcar gol sendo o equipo con menos acerto de cara á porta rival.
Ocupando o derradeiro posto na táboa con só 15 puntos, gañaron ata o de agora un total de 3 partidos contra Racing Vilalbés e Paiosaco tanto na primeira coma na segunda volta. A iso hai que engadir outros 6 empates conseguindo nos dous enfrontamentos do campionato empatar sen goles contra o Alondras. Por contra, caeron nun total de 19 enfrontamentos sufrindo as maiores goleadas na Lomba e fronte ao Racing de Ferrol, ámbolos dous casos perdendo por tres goles de diferenza. En canto aos goles, trátase do equipo con menos tantos a favor, con 23, e o segundo que máis encaixa, con 51 en contra, só superado polo Céltiga.
Un equipo que fixo gran parte dos seus puntos no Lourambal e que, cando saiu do Porriño, non foi quen de encadear bos resultados. De feito, non puntúan lonxe da casa dende que o fixeron por última vez no mes de outubro, na Porta Santa coa vitoria pola mínima diante do Paiosaco. Antes, dous empates sen goles na Magdalena e no Morrazo sendo incapaces de superar os 7 goles a favor e quedando sen marcar a domicilio dende o mes de xaneiro, cando caeron 5-4 na Senra contra o Ribadumia.
A nivel individual, contan cun grupo que mestura xuventude e experiencia entre os que está a destacar, polos seus goles, Richi. Autor de 4 goles, o dianteiro de Ponteareas é un fixo no once porriñés na súa segunda campaña na que busca aumentar a súa conta particular, que inaugurou a pasada tempada facendo 14 goles na Preferente Sur.
Dous campións.
O Vero Boquete de San Lázaro recibirá este domingo a dous campións da Terceira división. O Compos, vixente campión da categoría facéndose co título por quinta vez, e o Porriño Industrial, que fixo o propio hai 20 anos quedando ás portas do ascenso que asinou nese mesmo grupo a Ponferradina.
Non obstante, malia sumar entre os dous equipos un total de 41 tempadas na Terceira galega, nunca antes se viron as caras en partido oficial en Santiago, si no Lourambal no partido no que mediron forzas na primeira volta. Ese único precedente, que data do mes de outubro, rematou con vitoria branquiazul grazas aos goles de Álvaro Casas e Aythami, este último cunha gran definición superando a un gardamallas que non puxo as cousas nada doadas.
Unha semellanza.
Hai moitas diferenzas con respecto ás chegadas dos dous conxuntos a este partido, xa que nin o Compos partía naquela cita dende os postos de promoción de ascenso nin o Porriño o facía nos de descenso, dúas cousas que cambiaron logo dos 90 minutos. Non obstante, si hai un dato que se pode comparar con este momento e é o cadro que actuará de visitante, o conxunto porriñés, chega despois de sumar de tres, algo que fixo tamén na primeira volta.
O Compos, que na primeira volta chegaba a esta cita despois de empatar na Malata fronte ao Racing e na casa contra a UD Ourense, chega agora en mellor forma e, sobre todo, con mellores sensacións e resultados. Con dúas vitorias consecutivas e só pensando nunha terceira, o equipo de Yago Iglesias está nun momento de forma envexable e quere aproveitar unha nova oportunidade para seguir recortando distancias con respecto a Bergantiños e Racing de Ferrol, a 2 e 3 puntos respectivamente e que se enfrontarán entre eles nas Eiroas este mesmo domingo.
Pola súa parte, o Porriño Industrial ven de facer o mesmo que na novena xornada de liga. O Paiosaco convertiuse na vítima favorita dos de Manuel Losada superándoos tanto na primeira coma na segunda volta. Nesta ocasión, a pasada fin de semana, conseguírono grazas a un gol de Edu no segundo tempo. Unha vitoria que esperan acompañar do que sería o seu primeiro punto neste 2019 a domicilio, sendo incapaces de puntuar na Grela, no Salvador Otero, no Couto nin na Senra, onde caeron fronte ao Ribadumia por 5-4 sendo, ademais, a única saída desta segunda volta na que conseguiron ver portería.
Penúltima parada.
É o momento de botar unha ollada ao feito polos nosos neste 'tourmalet' que chegará ao seu fin a vindeira fin de semana en Calabagueiros. Unha serie de resultados que nada teñen que ver co feito na primeira volta, na que os nosos conseguiron un total de 8 puntos dos 18 en xogo. Nesta segunda parte do campionato, as cousas son tan diferentes ata o punto de que o equipo encadea 7 puntos con aínda dous enfrontamentos por disputar.
O Compos arrincaba esta parte crucial do campionato terceiro con 4 puntos sobre o quinto clasificado, igualado co cuarto e a 6 de Racing e Bergantiños despois do empate contra o Paiosaco. Unha serie de xogos que comezou co empate 'in extremis' nas Eiroas recibindo un gol no tempo engadido. Unha sorte que empeorou á seguinte fin de semana na Lomba encadeando a segunda terceira xornada sen gañar fronte a un rival que se adiantaba dende os once metros logo de xogar gran parte do encontro cun home menos. As boas sensacións, por contra, volveron no partido contra o Racing de Ferrol onde se puido vivir unha exhibición de Alex Ares suficiente para volver ao camiño da vitoria e evitar que os departamentais puideran afastarse na clasificación. E a cousa mellorou cun triunfo histórico no Couto diante da UD Ourense cun partido moi completo dos nosos.
Neste gran momento de forma do campionato hai que salientar unha peza que foi fundamental. Aythami Perera foi autor dos dous goles diante do Bergantiños e foi quen de abrir a lata contra o Racing de Ferrol, nunha goleada que completaría Alex Ares cun 'hat-trick'. O canario, que tivo que ser substituido no Couto por precaución, suma un total de 13 goles na súa conta e 6 nos últimos 6 partidos que xogou, conseguindo en Carballo o seu primeiro dobrete do curso.
Brais Abelenda, ausencia importante.
Brais Abelenda terá un merecido, e obrigado, descanso este domingo. O atacante branquiazul cumprirá ciclo de amoestacións logo de ver a quinta no Couto. O de Bembibre acompañará a Alberto na bancada, aínda lesionado, ocupando o posto que a pasada fin de semana tiña Mon, que volve estar dispoñible para o adestrador logo dunha semana de sanción. Outro que tamén podería volver, despois de ausentarse por lesión a pasada fin de semana, é Alex Ares.
Por outro lado, Naveira e Sergio Pereira chegan apercibidos de sanción logo de ter vistos 4 cartóns amarelos cada un.
Volta á normalidade.
Despois do máis duro, volvemos á normalidade no Vero Boquete. O domingo, o teatro dos soños branquiazul abrirá as súas portas para acoller un encontro que dará comezo ás 17 horas. Un partido para o que as entradas volverán ao seu prezo habitual de 10 euros con aboados e menores de 18 anos completamente de balde.
Por contra, quen non poida achegarse ao estadio, poderá seguirse o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma a oficial do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario