O Compos, como era de esperar, superou a un Porriño Industrial que non foi quen de frear unha goleada con clara cor canaria. Aythami, que segue aumentando a súa conta particular, foi o gran artífice dun triunfo que sitúa ao equipo a só un punto do Racing de Ferrol, que segue líder da categoría despois de empatar fronte ao Bergantiños, co que hai empate de puntos na loita pola segunda posición.
Os nomes propios dun partido sen moito que contar, con claro dominio local, foron Rubén, autor do primeiro tanto, e Aythami, que con catro goles asinou a súa mellor tarde como xogador branquiazul. Ademais, Josiño e Saro deixaron unha gran actuación sobre o verde nunha moi boa tarde de sol, calor e gran fútbol.
Con tranquilidade.
O partido arrincou con calma baixo unha moi boa temperatura no Vero Boquete. Tal foi así que as primeiras chegadas con algo de perigo correron a cargo dun Porriño Industrial que aproveitou a velocidade e o físico do seu dianteiro para poñer en apuros á defensa branquiazul, adiantada coa intención de reforzar un centro do campo onde se comezou a forxar a vitoria.
Quince minutos de igualdade antes de que o Compos prendera a maquinaria e buscara con insistencia a portería defendida por Miguel. Non obstante, non fixo falta máis que unha ocasión entre os tres paus para abrir a lata. Unha xogada que comeza cun roubo en tres cuartos do campo e que remata con Josiño poñendo a pelota para a chegada de Rubén, que volveu aproveitar a súa titularidade para aumentar a súa conta particular.
E arrinca o festival.
Os setenta minutos restantes non tiveron moito máis que contar. O dominio do Compos foi total e en ataque destacou sobre o resto un dianteiro que, a día de hoxe, suma xa 17 goles na súa conta particular. O primeiro diante do Porriño, co que inaugurar a súa conta, chegou logo dun centro que peta nun defensa e queda perfecto para que o canario non teña máis que controlar e rematar a porta baleira.
Superada a media hora, xa cunha vantaxe que parecía significante, chegou unha nova incursión perigosa de Rubén pola banda deixando atrás ao seu par e poñendo a pelota para Aythami. O canario, neste caso, pegoulle dende a frontal poñendo a pelota directamente na escadra, lonxe do alcance do gardamallas.
Na segunda metade, xa co encontro sentenciado, o terceiro na conta particular de Aythami foi un agasallo especial. Un agasallo de Alex Ares, que fabricou unha gran xogada e asistiu ao dianteiro que non tivo máis que empurrar o esférico ao fondo das mallas. Un gran gol co que pechaba o seu primeiro 'hat-trick' coa elástica branquiazul.
A goleada pechouna, quen senón, Aythami co cuarto gol nun partido doado. Unha xogada que iniciou Mon, o último en entrar ao terreo de xogo, e que rematou o canario de novo a porta baleira, xa co porteiro batido. 'Póker' do canario que pechaba a mellor actuación do curso nun partido para enmarcar.
Os demais resultados acompañaron.
Á vitoria do Compos hai que sumar outros tres resultados que deixan as cousas moito máis de cara. O empate sen goles nas Eiroas entre Bergantiños e Racing de Ferrol deixa a tiro o primeiro posto da clasificación. A UD Ourense encadeou a súa cuarta derrota consecutiva, contra o Arosa, que o mantén non obstante entre os postos altos. Por outro lado, o Alondras non puido facer a súa terceira vitoria seguida perdendo na casa contra o Choco e sen conseguir aproveitar a caída do cadro ourensán.
ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Chechu, Sergio Pereira; Samu, Remeseiro; Miki (Mon, min. 73), Josiño (Santi, min. 60), Rubén (Alex Ares, min. 41); e Aythami.
CARTÓNS: Amarelo para Sergio Pereira.
GOLES: 1-0 20' Rubén, 2-0 26' Aythami, 3-0 37' Aythami, 4-0 56' Aythami, 5-0 90' Aythami.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario