Este equipo quere máis

O Compos quere máis e demostrouno no Couto. Triunfo para a historia nun campo onde non se gañaba dende hai 20 anos contra un rival que recibiu a súa sexta derrota na casa en toda a súa historia. Un partido difícil mais que soubo manexar á perfección un equipo que durmirá segundo na clasificación, abrindo distancia con respecto ao cadro ourensán na pelexa pola terceira praza. Un segundo triunfo consecutivo, grazas aos goles de Brais Abelenda e Rubén, no que o equipo quedou sen encaixar ningún gol por primeira vez dende o mes de novembro. 


Polas bandas. 
Sabedores do alto nivel de esixencia que supón xogar un partido no Couto, os homes de Yago Iglesias saltaron ao terreo de xogo sen arriscar e probando á defensa local a través de rápidas internadas polas bandas, con Naveira e Miki como pezas importantes en traballos ofensivos. Non obstante, e como era de esperar, o muro defensivo da UD Ourense foi moi difícil de superar, case sen ocos. 
Os centros dende as bandas sucedéronse nun primeiro tempo onde o Compos quixo xogar a pelota con Aythami, que fixo un traballo insuperable malia non conseguir o premio do gol, e Brais Abelenda coa misión de finalizar cada acometida sobre a portería dun Pato que tivo moito traballo ao longo dos primeiros corenta e cinco minutos solventando cada ocasión sen grandes problemas. A iso hai que engadir o gran traballo dunha defensa que evitou que os atacantes branquiazuis puideran chegar aos centros. 
O perigo chegou á porta local primeiro nas botas de Chechu, que non atinou coa portería, e despois nas dun Josiño moi activo pero sen sorte para anotar o seu gol. Un gol que chegou á terceira, no derradeiro minuto do primeiro tempo, con Josiño como asistente, logo dunha gran xogada, e Brais Abelenda no papel de goleador supoñendo un pau importante para o Ourense no momento máis duro posible. 

De máis a menos. 
A saída do conxunto local ao segundo tempo provocou algunha que outra dúbida nun Compos obrigado a facer un segundo tanto para pechar a vitoria. Os de Fernando Currás, que non conseguiran producir perigo sobre a portería defendida por Anxo no primeiro tempo, fixeron tremer a vitoria santiaguesa nos primeiros intres con dez minutos nos que puideron facerse con algo máis grazas ás chegadas de Codeso e Alfredo, sen a fortuna precisa para igualar o resultado. 
Co paso dos minutos volveu a superioridade dun Compos incapaz de producir perigo sobre a portería de Pato. Aínda así, entre interrupcións e faltas sobre un Aythami que tivo que deixar o terreo de xogo tocado, o segundo gol non chegaba mantendo con vida ao Ourense fronte a un equipo experto en encaixar goles nos minutos finais dos encontros. 

Final de infarto. 
Os quince minutos finais, dende o 80 de xogo ata que sinalou o final do encontro o colexiado, chegaron cheos de emoción, intensidade e incerteza con ámbolos dous conxuntos con opcións de levarse, cando menos, un punto. Mais, neste caso foi o Compos o que mellor soubo levar a presión e o ritmo do partido foi o equipo de Yago Iglesias con folgos suficientes para, xa no engadido, ter tres ocasións para pechar a segunda vitoria consecutiva. 
Remeseiro, que cos trocos quixo adiantar a súa posición sobre o terreo de xogo, buscou o seu gol ata en dúas ocasións perdoando por moi pouco na súa primeira chegada e superando a Pato segundos máis tarde pero en posición antirregulamentaria. Non obstante, á terceira chegou de novo a vencida con Miki arrincando a xogada cun pase para Santi, e este aproveitando a súa velocidade, púxoa para Rubén que non perdoou co seu terceiro gol do curso, aproveitando de novo os poucos minutos cos que conta despois da lesión que o tivo fóra case media tempada. Un premio máis que merecido para o arousán.

Sétima xornada sen recibir gol. 
Puntuar era importante no Couto pero tamén o era deixar a porta a cero. O equipo branquiazul pechou o seu sétimo partido sen encaixar gol, cuarta vez que o fai a domicilio, repetindo o resultado co que sumou de tres no Lourambal contra o Porriño. Dende a visita ao Arenteiro, alá polo mes de novembro, non había un encontro tranquilo, sen encaixar. Trece citas recibindo gol e que remataron cun gran traballo da defensa formada por catro homes que recuperou, con bos resultados, o adestrador para o encontro ante o Racing de Ferrol a pasada xornada encadeando dúas vitorias consecutivas co sistema habitual.

ALIÑACIÓN: Anxo; Sergio Pereira, Casas, Chechu, Naveira; Samu, Remeseiro; Miki, Brais Abelenda (Rubén, min. 77), Josiño (Santi, min. 77); e Aythami (Piscu, min. 87).
CARTÓNS: Amarelos para Remeseiro, Miki, Abelenda e Anxo.
GOLES: 0-1 44' Brais Abelenda, 0-2 94' Rubén. 
CAMPO: O Couto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario