Fin do 'tourmalet'

O 'tourmalet' branquiazul toca ao seu fin este domingo para dar comezo ao treito final da tempada, no que os nosos buscarán certificar a súa clasificación para a promoción de ascenso por segundo ano consecutivo. Diante, un Centro de Deportes Barco que quere a súa segunda vitoria deste 2019 e a súa terceira xornada consecutiva sen perder, encamiñando o seu mellor momento en moito tempo. Dúas xeiras en xogo no que será o final do 'tourmalet' para a Esedé e o comezo para os de Valdeorras, aínda con opcións de entrar entre os catro primeiros.


De máis a menos.
O Barco foi na primeira volta un dos grandes equipos da categoría, ocupando o posto que a día de hoxe é para o Compos. Non obstante, nas 10 primeiras xornadas desta segunda volta, o equipo baixou o nivel e a intensidade do xogo con 5 empates e 4 derrotas, gañando só en Calabagueiros contra un Silva que tamén quere facerse co cuarto posto, único que a día de hoxe parece non ter un dono claro con ata cinco equipos que pelexarán por el ata o final de liga. Un histórico do fútbol galego que quere chegar por primeira vez na súa historia á categoría de bronce intentando superar o seu cuarto posto, insuficiente para ascender, en 1989.
Quintos clasificados, superando na táboa a equipos coma Alondras e Arosa, con 46 puntos e a só 3 dunha UD Ourense que pasa polo peor momento da súa exitosa historia. Un grande do fútbol ourensán que asinou un total de 13 vitorias, só 1 nesta segunda volta, 7 empates e 9 derrotas. O cuarto máximo goleador da categoría, con 45 tantos, e que recibiu tantos coma os nosos, 34, deixando a súa porta a cero en 10 ocasións.
Fortes na casa, sendo o quinto mellor local do grupo, media liga superan os seus números cando sae de Calabagueiros. Con 18 puntos de 42 posibles, gañaron nos campos dos equipos que pelexan por sobrevivir na Terceira ademais da Grela e no Couto, superando ao Ourense CF, sempre na primeira volta. Por outro lado, non asinaron o seu primeiro empate ata decembro repartindo puntos co Choco, Vilalbés e Paiosaco. Por contra, volveron sen nada de 6 citas, caendo por máis dun gol de diferenza na Malata e o Candocia, anotando un gol en ámbolos dous casos.
A nivel individual, no cadro valdeorrés destacan dous xogadores polo gran traballo feito en labores ofensivas. Juanito fixo un total de 13 tantos mentres que David Álvarez asinou un total de 11 sendo os dous uns fixos no once xogando gran parte dos minutos nos plans de Manolo Pérez.

O mellor momento.
Os dous equipos chegan a esta cita no mellor momento da segunda volta, polo menos a nivel de resultados. E é que os dous veñen de puntuar nas últimas semanas co Compos achegándose ao primeiro posto da clasificación, algo que parecía case imposible no arrinque da segunda volta. Tres triunfos consecutivos, e a mira posta no cuarto, fan que o equipo teña o máis alto a tiro. Pola súa parte, o Barco quere a súa terceira xornada consecutiva sen perder e a segunda vitoria en Calabagueiros.
A Esedé parecía contar con problemas en defensa nos minutos finais dos partidos recibindo goles xa sen tempo de reacción privándoos da vitoria fronte Paiosaco e Bergantiños. Uns erros que se arranxaron para superar ao Racing de Ferrol nun gran partido, malia recibir ata 3 goles, e que se mantivo nas vitorias contra a UD Ourense no Couto e o Porriño Industrial no Vero Boquete encadeando dúas xornadas consecutivas sen recibir gol por terceira vez esta tempada.
Pola súa parte, o Barco acabou cunha xeira de 10 xornadas sen gañar coa vitoria en Calabagueiros diante dun Silva que chegaba directo á loita pola cuarta posición. Menos sorte tiveron á hora de sacar algo positivo da Porta Santa, onde recibiron un gol no comezo do segundo tempo e tiveron que asinar o empate a vinte minutos para o final malia xogar cun home menos pola expulsión de Marchena.

Valdeorras, terra imposible.
Nun total de 13 ocasións mediron forzas Compos e Barco, 6 deses enfrontamentos con sede no Barco de Valdeorras. Un pobo onde, ao longo da historia, nunca gañou o equipo branquiazul. De feito, de 18 puntos posibles, só 2 chegaron a Santiago grazas aos últimos empates con Yago Iglesias no banco do equipo santiagués.
Despois de catro derrotas entre 1987 e 1990, a chegada do adestrador ribeirense supuxo tamén a consecución de dous empates consecutivos nun campo historicamente imposible para un Compos que segue sen ser quen de sumar de tres. Dous empates nos que se repetiu o 1-1 no marcador con goles de Diego Rey e Omar Navarro, neste caso en propia porta para igualar o resultado hai un ano con menos de cinco minutos para o final.
Máis sorte houbo para gañar no Vero Boquete na primeira volta despois de case 30 anos do último triunfo branquiazul fronte aos valdeorreses. Un gol de Brais Abelenda foi suficiente para deixar sen nada a un Barco que chegaba nun gran momento para medirse contra un Compos que non saiu ben parado do 'tourmalet' da primeira volta.

E fin!
A parte supostamente máis dura toca ao seu fin. Os rivais máis duros do grupo xa se enfrontaron cos nosos e os resultados non puideron ser mellores. O empate contra o Bergantiños para comezar e as vitorias contra Racing de Ferrol, UD Ourense e Porriño con só a derrota diante do Arosa nun mal partido.
O Barco, pola súa parte, arrincará o seu 'tourmalet' particular contra o Compos. Despois, Arosa, Racing de Ferrol, Ourense, Porriño Industrial e Bergantiños puidendo ser de boa axuda para os intereses dos nosos na loita polo primeiro posto.

Dúas baixas máis.
Xa con Alex Ares recuperado totalmente e dispoñible para ser titular e a sanción de Brais Abelenda superada, Yago Iglesias poderá ter ao seu cargo a dúas das pezas máis importantes. Por contra, perderá a Rubén por lesión, cuxo tempo de recuperación é aínda descoñecido, e Sergio Pereira, que viu o quinto cartón amarelo fronte ao Porriño Industrial. Os dous únense a Alberto, que está a piques de rematar o prazo de recuperación para volver ao verde.
Por outro lado, Naveira chega a esta cita con catro cartóns amarelos, polo que podería perderse o partido contra o Boiro de ver o quinto.

Os primeiros en xogar.
O Compos non será o que abra a xornada mais si será o primeiro dos que pelexan polo primeiro posto da clasificación que salte ao terreo de xogo. Calabagueiros abrirá as súas portas para un partido que dará comezo ás 17:15h, un horario un tanto inusual para os encontros dos nosos, mentres que o UD Ourense-Racing de Ferrol e o Somozas-Bergantiños arrincarán 45 minutos máis tarde. As entradas terán un prezo de 13 euros en venda anticipada, que se poden adquirir no Vero Boquete, e 15 euros nas billeteiras do campo ourensán.
Por contra, quen non poida achegarse ao Barco de Valdeorras poderá seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma no do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario