Sen ideas baixo a chuvia

Domingo frío e con chuvia. Un mal día para un mal partido dun Compos que non puido volver da Lomba con nada positivo, nin sequera boas sensacións nesta segunda cita do 'tourmalet' branquiazul. De novo, ao equipo pódelle a presión e non é quen de aproveitar unha fin de semana na que ningún dos cinco primeiros sumou de tres sufrindo unha nova derrota en Vilagarcía contra un Arosa cun home menos e que se puxo por diante dende os once metros no segundo tempo.


Anxo e Javi Otero.
O partido pintaba difícil xa dende o arrinque e o xogo dos dous equipos non fixeron que as esperanzas branquiazuis puideran aumentar. O Arosa saltou ao verde da Lomba con intención de superar aos nosos e as ocasións sobre a porta defendida por Anxo non se fixeron esperar. Dúas ocasións con moito perigo en quince minutos deixaron mostra do gran nivel do gardamallas branquiazul, salvando námbalas dúas xogadas a un equipo que non apareceu sobre o campo ata a media hora de xogo.
Se o negreirés foi o protagonista por parte dos nosos no primeiro acto, Javi Otero o foi nos arousáns. O extremo local, que freou en falta a Abelenda cando quedaba so ante o gardamallas, viu un cartón vermello directo, un tanto riguroso, deixando ao seu equipo con dez a falta dunha hora para o final do enfrontamento. Non obstante, a inferioridade numérica non foi razón para baixar unha intensidade que foi suficiente para facerse co gran premio. 

Houbo algunha opción. 
Os primeiros instantes do segundo tempo, sen case fútbol, deixaron as únicas oportunidades dun Compos que estivo lonxe de volver da Lomba cos tres puntos, tanto por xogo coma por sensacións. Mon e Santi tiveron as mellores ocasións dos nosos nos segundos corenta e cinco minutos con Aythami facendo un gol que sería invalidado por fóra de xogo. 
Non obstante, as opcións branquiazuis desapareceron cun penalti de Piscu sobre Trapero a quince minutos para o final do tempo regulamentario. Un penalti que non perdoou Sylla dando os tres puntos de novo aos seus dende os once metros como xa fixo na primeira volta. 
Co Arosa por diante, desapareceu xa por completo un Compos incapaz de meterse no partido. Sen máis perigo por parte dos dous equipos, os arlequinados puideron asinar tres puntos importantes que lles permiten soñar na mesma fin de semana na que perderon Barco, Compos e Ourense. 

Agora, o equipo terá que traballar duro esta semana para afrontar o que será o partido máis importante do curso fronte ao Racing de Ferrol no Vero Boquete. Un partido para recuperar boas sensacións, bos resultados e manter as opcións de conseguir ascender na táboa. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Casas, Piscu (Remeseiro, min. 75), Uña; Mon, Samu; Miki, Santi (Rubén, min. 80), Alex Ares, Brais Abelenda; e Aythami.
CARTÓNS: Amarelos para Aythami, Casas, Abelenda e Piscu.
GOLES: 74' Sylla.
CAMPO: A Lomba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario