Capítulo 2

Segundo paso. O Compos terá este domingo unha dura visita a un campo de onde sacar os tres puntos non é tarefa doada para ninguén. A Lomba abrirá as súas portas para recibir a un equipo que quere rematar coa xeira de dous empates consecutivos mentres que o Arosa, que só gañou un partido no que vai de ano, quere acadar a súa terceira vitoria en Vilagarcía en tres meses.


Mala segunda volta.
O Arosa non está a ter a súa mellor segunda volta. Non obstante, o equipo vilagarcián segue con intencións de seguir vivo nunha loita pola promoción de ascenso que agora mesmo só pasa por gañar aos rivais da parte máis alta da táboa. De feito, o equipo arlequinado está, a día de hoxe, a 11 puntos dun Compos que pecha os postos privilexiados da clasificación.
Con 36 puntos, os arousáns son sétimos na táboa separados por onde puntos da parte alta e por un menos dos postos de descenso nunha liga que non se decidirá ata a última xornada, con todo moi aberto. Un equipo que suma 10 vitorias, 6 empates e 9 derrotas, todo iso grazas a 39 goles a favor, que os sitúan entre un dos equipos con máis acerto, e 27 en contra, sendo o quinto equipo con menos goles recibidos da categoría.
Un equipo que non está a ser capaz de convertir A Lomba no fortín que foi os últimos anos. Un campo no que só puideron quedar 18 puntos de 39 posibles. 5 foron os rivais que non conseguiron sacar nada positivo do campo vilagarcián, entre os que destaca un Silva no seu mellor momento. O  reparto de puntos, algo ao que empeza a acostumarse o Compos, chegou en só 3 ocasións, 2 deles nesta segunda volta, mentres que 5 enfrontamentos deixaron sen puntos aos locais, caendo pola mínima ata en 4 citas.
A nivel individual, o equipo de Rafa Sáez conta con dúas pezas importantes no centro do campo que serán baixa segura por lesión. Sidibé e o ex branquiazul Manu Rodríguez. Non obstante, o adestrador arlequinado si poderá contar con xogadores do nivel de Quique Cubas, Julio Rey, o gardamallas Manu Táboas ou, quen merece mención a parte, Sylla. O dianteiro senegalés é unha peza fundamental no seu equipo confirmándose como o xogador, xunto con Rubén Rivera, con máis gol da categoría con 17 tantos no seu casilleiro.

Minuto 90.
O partido non remata ata que o colexiado o di. Así ten que entender un Compos que non empezou con bo pé o seu 'tourmalet' persoal da Terceira. Logo de recibir un gol no 90 contra o Paiosaco no Vero Boquete, o guión nos minutos repetiuse nas Eiroas contra o Bergantiños. Uns resultados que deixan dúbidas respecto ao traballo do equipo, ao plantexamento nos minutos finais dos partidos.
Superiores durante os noventa minutos, malia recibir o primeiro gol do encontro e logo de remontar con dous tantos de Aythami, o equipo baixou a intensidade nos minutos finais. Cos trocos, a única misión era defender as posibles acometidas dun Bergantiños que só chegara en dúas ocasións nos noventa minutos regulamentarios. Non obstante, cando o partido xa parecía estar a piques de morrer, chegou a sorpresa local. Un gol de Cano que deixaba sen opcións de sumar de tres e recortar puntos ao que sería novo líder da categoría con este empate. 
Pola súa parte, o Arosa non puido pasar do empate contra o Paiosaco. A Porta Santa quedou sen ver goles malia o bo xogo realizado polos vilagarciáns, que non puideron contra dez nin, tampouco, adiantarse dende os once metros, errando Sylla un penalti nun segundo tempo con vinte máis de vinte minutos de clara superioridade arousá, mais sen a puntería precisa para levarse tres puntos que poderían ser de ouro fronte un Paiosaco que encadea dous empates consecutivos. 

Un clásico galego. 
Compos e Arosa medíronse en numerosas ocasións dende que en 1963 se viran as caras por primeira vez en Vilagarcía. Dende aquel momento, os nosos conseguiron un total de 20 triunfos fronte ás 4 vitorias arlequinadas e os 9 empates. 
En terras arousás, os nosos conseguiron nada máis e nada menos que 9 vitorias mentres que 3 enfrontamentos remataron con triunfo local e 4 repartos de puntos. Un enfrontamento que non remata con vitoria para algún dos dous bandos dende hai 10 anos, cando os nosos conseguiron un importante 2-5 co que aumentar diferenzas con respecto aos seus perseguidores. 
En canto á ultima visita branquiazul á Lomba, o partido rematou con reparto de puntos despois dos goles de Javi Pazos para os locais no primeiro tempo e para Samu, que asinaba a igualada, no segundo tempo con tempo suficiente para poder asinar, por parte dalgún dos dous conxuntos, un triunfo que non chegou. 
Por outro lado, o enfrontamento da primeira volta chegou con moita emoción e os vilagarciáns no seu mellor momento. Un partido no que se adiantaron os visitantes cun gol de Luis mentres que Alex Ares asinaría, xa na segunda metade, o tanto do empate que puido case ser definitivo. Por contra, nos minutos finais, un penalti a prol dos arlequinados rematou con gol de Sylla e triunfo arousán a menos de dez minutos para o final. 

O mellor equipo da segunda volta. 
Dous empates consecutivos non deberían facer esquecer o gran arrinque de segunda volta dun Compos que non perde dende a derradeira xornada da primeira metade do campionato fronte ao Ourense CF. Dende aquel partido, 3 empates contra Lugo B, Paiosaco e Bergantiños e outras tantas vitorias consecutivas anotando un total de 16 goles e recibindo ata 8 tantos, a metade nestas dúas últimas citas. Un equipo forte e no que está a mellorar a figura de Aythami, que se está a convertir nunha peza fundamental na loita do gol conseguindo 4 tantos nas 3 últimas citas nas que xogou. 
Agora,  o equipo quere seguir sumando nesta parte dura do campionato pelexando por manterse vivo na loita polo primeiro posto do campionato despois de dúas xornadas nas que non se puideron aproveitar os esvaróns dos equipos da parte máis alta. 

Sergio Pereira e Mon, en perigo. 
A día de hoxe, Yago Iglesias conta con dúas baixas importantes para o gran encontro en Vilagarcía. Lorenzo, que podería estar preto de volver logo de mancarse nun adestramento, e Alberto, a un mes de recibir a alta se todo vai ben, serán baixa segura tanto fronte ao Arosa coma nas seguintes datas. Por outro lado, sen sancións, Mon e Sergio Pereira chegan apercibidos e non estarían para recibir ao Racing de Ferrol en Santiago de ver un cartón amarelo.

Segundo paso.
Este 'tourmalet', que arrincou a pasada fin de semana nas Eiroas, terá a súa segunda parte tamén lonxe de Santiago. Neste caso, A Lomba de Vilagarcía abrirá as súas portas o domingo ás 17 horas para acoller un dos partidos máis interesantes da categoría e o cal estará considerado, por parte do clube local, como 'medio día do clube' polo cal as entradas terán un prezo de 12 euros se se mercan antes do venres ou ben 15 euros na billeteiras. Os aboados locais terán que pagar 5 euros mentres que os menores de 16 anos pasan de balde. 
Por contra, quen non poida asistir ao encontro, poderá seguirse a través da conta de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario