O partido do ano

E chegou. Non no mellor momento, cos dous equipos en horas baixas e obrigados a gañar para non perder a pista a un Bergantiños que, sen facer ruído, é líder da categoría. Dous equipos que conseguiron só 2 puntos dos últimos 9 en xogo e que non se poden permitir non volver á senda da vitoria nun dos enfrontamentos con máis emoción de toda a nosa terra. Un enfrontamento cheo de rivalidade e que, sen dúbida, nos deixará unha gran tarde de fútbol no Vero Boquete de San Lázaro.


Malos comezos.
Tanto na primeira coma na segunda volta, o Racing de Ferrol cóstalle arrincar a máquina. Un equipo que conseguiu 8 vitorias consecutivas na primeira volta e outras 9 xornadas consecutivas máis sen perder, puntuando en case unha volta enteira, e que só caeu en 3 ocasións. Non obstante, o bo facer dos homes de Emilio Larraz non está a ser suficiente para sacar ao equipo das Eiroas do máis alto dunha clasificación moi apretada na pelexa polos postos que dan opción a xogar a promoción de ascenso.
Con problemas para coller o ritmo á competición en agosto e setembro, suman tamén un comezo de segunda volta que deixa moito que desexar con só 2 triunfos nestas 7 primeiras datas, nas que os empates están a ser protagonistas sumando outros 4. Por contra, só o Silva foi quen de gañar aos de verde nun partido con 2 expulsados e un gol dos coruñeses xa no tempo engadido, evitando un novo reparto de puntos para os ferroláns, que non contaron coa sorte que si tivo o Compos para gañar na Grela.
En total, o Racing suma 53 puntos, a só 1 do líder e con 4 de vantaxe sobre o seu principal perseguidor, a UD Ourense. Un equipo que asinou un total de 15 vitorias, 8 empates e só 3 derrotas, que demostran o bo facer en defensa. A iso hai que engadir que anotaron 47 goles, sendo o segundo equipo con mellor ataque da liga neste aspecto, e só recibiron 21, superados neste caso polo cadro ourensán.
Moi fortes na Malata, sendo o único equipo que non perdeu ningún partido na casa, a domicilio trátase dun dos mellores equipos da liga, superado por un Bergantiños que, ademais, xogou un partido máis nas Eiroas. Con 23 puntos de 36 posibles, gañaron 7 enfrontamentos en campos coma A Lomba, Barraña ou o Anxo Carro sendo incapaces de sumar de tres lonxe da casa ata outubro. En canto a empates, volveron con reparto de puntos do Morrazo e do Couto. E non se pode non falar das derrotas asinadas no Candocia, con goleada incluída, na Porta Santa e na Grela fronte a tres equipos perigosos.
A nivel individual, o cadro ferrolán conta con algúns dos mellores xogadores da categoría. Comezando con Diego Rivas baixo paus, en defensa está o ex compostelanista Catú e futbolistas experimentados coma Garrido ou Seoane. O mellor do equipo está, sen dúbida, no centro do campo. Con pezas experimentadas coma Borja Hernández ou Pau Bosch, a maxia e a calidade chega das botas de Pablo Rey. E no ataque, o gol en persoa. Joselu volve á que foi a súa casa e na que superou os 60 goles en 2 tempadas para buscar aumentar a súa conta particular, que a día de hoxe conta con 10 tantos.

100 anos.
Fundado en 1919, o Racing de Ferrol é un dos equipos máis antigos da nosa terra. Un dos equipos que máis tempadas pasou na categoría de prata do fútbol español, cun total de 34 mais sen conseguir mellorar nunca o segundo posto acadado en 1940, resultado que daquela non daba opción a ascender de categoría. A iso hai que engadir, ademais, unha prata na 'Copa do Xeneralísimo' en 1939 caendo por goleada fronte ao Sevilla en Barcelona.
Un histórico do fútbol galego que non pasa polo seu mellor momento pero que ten un gran récord na categoría despois de asinar un total de 97 puntos na Terceira galega na tempada 2012/13, a piques, ademais, de facer 100 goles. Unha tempada que rematou cos de verde campións de liga e ascendendo sen complicacións. Posteriormente, 5 tempadas consecutivas na Segunda B con ata 3 promocións de ascenso xogadas sen a sorte precisa para voltar a unha Segunda división que abandonaron alá por 2008.
Agora, loitan co presuposto máis alto da categoría e un grupo de xogadores de categoría superior entre os que destacan pezas fundamentais do último ascenso branquiazul como foron Catú e Joselu. A eses dous hai que engadir a Pablo Rey, figura máis importante dun dos mellores equipos de Galiza.

100 goles.
Compos, 53 goles. Racing de Ferrol, 47 goles. Os dous equipos con máis gol da categoría miden forzas no Vero Boquete de San Lázaro nun encontro onde se asegura o gol... ou non. Ben é certo que son dous conxuntos moi ofensivos, cuns ataques que meten medo alá por onde van pero que, como deixaron claro na primeira volta na Malata, ás veces a pelota non quere entrar.
Eses 100 goles levan moitos nomes. Un total de 22 xogadores, entre os dous equipos, saben xa o que é anotar polo menos un gol no que vai de tempada. 11 goleadores por equipo entre os que hai que destacar a xogadores coma Pablo Rey, autor de 15 tantos, ou Aythami, que con 12 é o máximo artilleiro do Compos. Ademais, haberá que ter en conta a xogadores coma Brais Abelenda, Alex Ares, Santi, Joselu ou Juan Antonio. Sete xogadores que, entre todos, anotaron 71 goles.
Entre eses nomes hai dúas parellas que poden ser determinantes nesta cita. Por parte da Esedé, Brais Abelenda, ex racinguista, e Alex Ares poderán marcar diferenzas sobre o verde se teñen unha boa tarde. Dous referentes nun centro do campo cada vez máis reforzado e no que os nosos gañan os partidos. Pola súa parte, as esperanzas do Racing pasan porque Pablo Rey e Joselu, un vello coñecido que volverá á que foi a súa casa e na que anotou un gol coa camisola verde, teñan unha tarde de bo fútbol. Sen dúbida, dúas parellas fundamentais e que dan aínda máis nivel a este partido, xa de por si doutra categoría.
Para evitar que eses xogadores poidan dar o mellor de si, as defensas. Comezando por Anxo e Diego Rivas, que apuntan ser os gardamallas titulares e os que intentarán deixar as súas respectivas portas a cero como fixeron na primeira volta Lorenzo e o propio Rivas. Por diante, dúas grandes defensas que o darán todo. A defensa de 3, que tantos froitos lle está a dar a Yago Iglesias, estará fronte a unha das probas máis duras do campionato mentres que Larraz terá que preparar unha zaga de 4 xogadores entre a que se espera a Catú, ademais de Diego Seoane, Villarejo e Pau Bosch formando unha liña defensiva xa habitual que se repetiu en case toda a liga.

Emoción ata o final.
Nin Compos nin Racing foron quen de gañar a pasada fin de semana. Dous equipos que están a levar camiños moi semellantes nas últimas datas asinando, ámbolos dous, só 2 puntos de 9 posibles nas 3 últimas xornadas.
O Compos non puido arrincar con bo pé o mes de marzo. A segunda parada do 'tourmalet' branquiazul deixou malas sensacións e un mal resultado na visita á Lomba. A chuvia, que marcou o estado do terreo de xogo, non foi máis que algo que engadir como nota negativa ao xogo do equipo. Sen ideas, sen controlar o centro do campo, sen a posesión e sen conseguir atopar ningún oco na firme defensa do Arosa. Un penalti, ademais, fixo que Sylla estragase a boa actuación de Anxo baixo os paus dando o triunfo aos arlequinados.
Máis emoción houbo sobre o verde da Malata. Un Racing que chegaba de perder na Grela recibía a un dos equipos que xa lle gañaron na primeira volta. Unha sorpresa que a piques estivo de darse de novo en Ferrol co Paiosaco remontando un gol de Joel a cinco minutos para o final. Non obstante, o cadro local non dixo a súa última palabra ata o engadido, cando Pablo Rey asinou o tanto do empate definitivo.

Clásico moi igualado.
Compos e Racing de Ferrol enfrontáronse nun total de 43 ocasións ata o de agora en partido oficial. Un gran número de enfrontamentos entre a Segunda B e a Terceira división que, no global, deixan unhas cifras moi igualadas cunha lixeira vantaxe a prol do cadro ferrolán.
Dende que se enfrontaran por primeira vez alá polo ano 1963, nunha primeira tempada que rematou con 2 empates, e que, case 56 anos despois, deixaron 13 triunfos branquiazuis, entre os que destacar o conseguido hai 5 anos cun 'hat-trick' de Joselu; 16 triunfos verdes, con algunha que outra goleada importante, e 14 empates, 6 deles sen goles.
En Santiago, os resultados remataron con vantaxe branquiazul nun total de 8 ocasións, cun 4-1 na última visita dos ferroláns na Terceira división. Por contra, a vitoria visitante chegou noutras 7 citas sempre en partidos nos que o Compos foi incapaz de marcar un gol. En canto aos empates, 6 en total, repetíndose en 3 ocasións a igualada sen goles e noutras 3, o empate a 1 tanto.
En canto ao partido da primeira volta, na Malata, o resultado non deixou a ninguén satisfeito. Os dous equipos tiveron ocasións para, como mínimo, evitar que o partido rematara co resultado inicial. Por parte dos locais, ata tres balóns ao pau con Joselu como peza fundamental no ataque, mentres que Santi errou un penalti, cando minutos antes o colexiado invalidou un gol por fóra de xogo a Josiño.

Sen máis baixas.
Yago Iglesias non terá excesivos problemas para organizar a convocatoria para este domingo. Sen sancionados, mais con Brais Abelenda, Sergio Pereira e Mon apercibidos de sanción e que se perderían o enfrontamento, tamén importante, que se xogará o vindeiro sábado no Couto fronte á UD Ourense. Por contra, os que non poderán estar sobre o verde do Vero Boquete serán, unha semana máis, Alberto e Lorenzo, recuperándose das súas respectivas lesións. 

A cita máis esperada. 
Hai máis de dúas semanas que se fixo oficial o horario e, ás poucas horas, saíron á venda de xeito anticipado nas oficinas do clube branquiazul, onde se poderán adquirir ata o venres a prezo reducido. O prezo de ditas entradas é de 5 euros para aboados, ao que engadir que haberá que ensinar o abono na entrada ao campo, e 12 euros para público xeral na bancada de Tribuna se se adquiren antes do sábado mentres que estarán a 15 euros na billeteira o mesmo día de partido. Os mesmos prezos, 12 euros en venda anticipada en Ferrol e 15 no campo o domingo, para os afeccionados rancinguistas que se despracen, os cales estarán situados na bancada de Preferencia. 
Por contra, quen non poida achegarse ao teatro dos soños branquiazuis, poderá seguir o enfrontamento a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Ademais, poderá escoitarse a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube. Non será televisado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario