Agasallo en forma de goles

Compos e Racing deixaron unha gran tarde de fútbol sobre o verde do Vero Boquete. Noventa minutos de máxima emoción e intensidade con opcións para os dous equipos. Tres puntos de ouro para un Compos que aproveitou os erros dos outros tres equipos da parte alta para ascender á terceira posición da táboa quedando só a 4 puntos do Bergantiños, que se mantén como líder malia caer fronte ao Arosa. 
Alex Ares, que deixou unha nova actuación para o recordo con tres tantos, e Aythami asinaron os goles dun Compos que a piques estivo de repetir unha das mellores goleadas da historia deste Clásico galego mentres que Armental, Juan Antonio e Villarejo fixeron os tantos para un Racing que, malia intentalo ata o final, non puido levar nada positivo de Santiago. Un partido difícil de esquecer. 


Gran comezo. 
Sabedores da importancia do xogo, os dous equipos quixeron saír ao terreo de xogo sen deixar nada no vestiario. O Racing buscou con insistencia a portería defendida por Anxo nos primeiros minutos de xogo, con Joselu incapaz unha vez máis de bater a escadra branquiazul, e o Compos, esperando para poder abrir ocos en velocidade, abrindo o xogo polas bandas. E foi así, grazas a un novo cambio de sistema de Yago Iglesias en defensa, como chegou o primeiro tanto do encontro. 
Co conxunto visitante atacando, balón para Marcos Remeseiro que abre á banda para Miki e este, logo de chegar á liña de fondo, puxo un balón raso para Aythami, que bateu a un Diego Rivas que saiu un pouco tocado desa acción e tivo que ser substituído minutos despois sen poder continuar. 
Co resultado en contra, o equipo de Larraz buscou o empate durante uns minutos con insistencia mais sen a sorte que adoita ter Joselu de cara a porta. Non obstante, entre Anxo e unha gran versión de Chechu durante todo o primeiro tempo, salvaron o que puido ser o empate en varias ocasións aumentando as opcións dun Compos que, pouco a pouco, foi mellorando no centro do campo, lugar onde transcurriron os últimos minutos do primeiro tempo. 

Outros quince minutos sen freo. 
O segundo tempo arrincou do mesmo xeito que o primeiro coa diferenza de que, neste caso, foi o Racing o que tivo a sorte de cara para marcar antes, nunha segunda metade que tivo de todo. Un gol que chegou logo dun erro de Chechu á hora de buscar un pase ao porteiro e que non desaproveitou Armental para definir ante Anxo e asinar a igualada no marcador.
Un novo partido se abría no Vero Boquete e as pantasmas das xornadas pasadas parecían achegarse. Non obstante, un penalti de Catú sobre Aythami, no que non tivo dúbidas o colexiado, rematou co segundo tanto branquiazul, obra dun Alex Ares que merece mención a parte. 
E así, co resultado de novo favorable, apareceu esa versión do Compos que pode con calquera. O equipo prendeu a apisoadora con Miki pisando o acelerador protagonizando as dúas seguintes ocasións con perigo sobre a portería defendida agora por Chema mais sen a sorte precisa para aumentar diferenzas malia marcar un novo gol que non subíu ao marcador por fóra de xogo. 

Alex Ares, doutra categoría. 
Compos e Racing. Dous equipos de categoría superior e con xogadores que ben poderían estar loitando por cousas mellores na Segunda B. Entre eles quixo destacar un home en especial. Un home que leva o '10' ás costas como os mellores xogadores da historia deste deporte e que no Vero Boquete volveu dar unha mostra do seu nivel. 
Autor do segundo gol branquiazul, neste caso dende os once metros, sen dubidar nin un momento e pegando á pelota con decisión, quixo dar unha lección de fútbol aínda mellor ao longo dos 70 minutos que estivo sobre o terreo de xogo. O eumés, que a balón parado demostrou unha calidade excelente, non só atinou dende os once metros senón que, ademais, clavou no primeiro pau un lanzamento de falta directo ante o que nada puido facer Chema para evitar o que era o 3-1 con aínda media hora por diante. 
Por se iso non fora suficiente, Ares pechou o seu primeiro 'hat-trick' particular para deixar encamiñada a vitoria compostelanista. Unha xogada que arrincou nas botas de Remeseiro, cun roubo e un pase para que o mediapunta quedase so diante do gardamallas. No man a man non fallou cun balón por debaixo das pernas de Chema poñendo no marcador unha vantaxe que parecía case insalvable.

Oportunidade aproveitada.
Os vinte minutos finais trouxeron consigo os trocos e a reacción verde, posiblemente un da man do outro. Buscando reforzar forzas e evitar sustos, Yago buscou mellorar en liñas defensivas. Non obstante, meter ao equipo atrás non foi máis que un erro que non tardou en aproveitar o Racing de Ferrol cun gol de Juan Antonio logo dun centro de Seoane dende a banda dereita. Un gol que, polo momento, non parecía supoñer gran cousa.
O medo empezou a entrar no corpo da afección local a menos de dez minutos para o final. Armental pon un balón lateral e, no segundo pau, apareceu Villarejo chegando dende atrás para poñer o 4-3 que sería definitivo pero que, non obstante, abriu a porta á posibilidade dun empate que preto tiveron os visitantes nos intres finais, nos que algúns xogadores quedaron sen folgos.

Agora, o equipo terá que loitar por manter a terceira posición contra a UD Ourense no Couto o vindeiro sábado no que será outro dos grandes partidos da categoría. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Chechu, Naveira; Samu, Remeseiro (Santi, min. 81); Miki, Abelenda, Ares (Mon, min. 69); e Aythami (Piscu, min. 87). 
CARTÓNS: Amarelos para Casas, Naveira, Anxo e Mon. 
GOLES: 1-0 7' Aythami, 1-1 47' Armental, 2-1 53' Ares, 3-1 61' Ares, 4-1 69' Ares, 4-2 75' Juan Antonio, 4-3 82' Villarejo. 
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario