A saída máis dura

UD Ourense e Compos medirán forzas este sábado nun partido entre terceiro e cuarto clasificado, coa intención de manterse preto do máis alto da clasificación. Dous equipos que queren seguir aumentando distancias con respecto aos principais perseguidores polos postos de promoción de ascenso. Un partido que, ao igual que o da primeira volta, chegará cheo de emoción e igualdade entre dous conxuntos que non están a pasar polo seu mellor momento, despois de 2 derrotas consecutivas os locais e 2 saídas sen gañar os visitantes.


A mellor defensa, en horas baixas.
Dende que comezou o curso, a UD Ourense demostrou ter unha das mellores defensas do campionato. Recibindo poucos goles e sen arriscar en ataque, sendo o segundo equipo da zona media-alta con menor número de tantos ao seu favor. Un equipo que chega de 4 ascensos consecutivos e que este ano está ante o reto máis duro da súa curta historia, o cal está a superar dependendo de si mesmo para pelexar polo quinto ascenso consecutivo e chegar así á categoría na que morreu o Clube Deportivo Ourense, razón pola cal naceu este novo clube alá por 2014.
O Ourense ocupa, despois de dous terzos do campionato, a cuarta posición logo de perder o posto co Compos a pasada fin de semana. Coa permanencia como obxectivo principal, chegan a esta parte do campionato cun total de 49 puntos, superando en 6 ao Alondras, o seu máximo perseguidor. Isto pasa grazas a 13 vitorias, a maior parte grazas a vantaxes mínimas, e 10 empates que o colocan como o segundo equipo que máis veces rematou co marcador igualado superado só polo Choco. Por contra, é o equipo con menos derrotas, neste caso empatado co Racing de Ferrol, con 4 enfrontamentos perdidos en case 30 xornadas chegando a metade nas dúas últimas datas. En canto a goles, o equipo de Fernando Currás, con 34 a favor e só 22 en contra, demostra que o mellor ataque é unha boa defensa.
Na casa, no Couto, os números son envexables. Cos mesmos puntos que o Compos no Vero Boquete, 29 de 42 posibles, e un dos mellores equipos cando actúa de local. Diante dunha das afeccións máis numerosas e fieis da Terceira galega, 8 dos seus xogos remataron en vitoria, 5 en empate e só a visita do Silva deixou sen puntuar aos de vermello significando, ademais, a terceira ocasión na que non conseguiron ver porta na casa neste curso. Foi, ademais, a quinta derrota da UD Ourense na casa en toda a súa historia.
A nivel individual, hai que destacar unha vez máis á súa defensa, liderada por Pato baixo paus e ao que acompañan homes coma os tamén ex branquiazuis Josu e Germán. En labores ofensivas chama a atención a figura de Hugo García, con 8 goles, e Rubén Durán con outros 6 como máximos anotadores.

Ao revés. 
Se tomamos como referencia as 4 últimas xornadas, o último mes de liga, a clasificación tería moitas diferenzas. E é que os equipos da parte alta parecen estar de acordo en perder puntos á vez. Tal é así que dos equipos que agora ocupan os postos de promoción de ascenso, ningún puido asinar máis dunha vitoria. Tal é así que Compos e Bergantiños son, neste caso, os equipos con máis puntos con 5 de 12 posibles mentres que o cadro ourensán fixo 4 e o Racing de Ferrol, que non gaña dende a visita ao Salvador Otero, só foi quen de empatar en 2 ocasións. Unha hipotética clasificación que, neste sentido, liderarían Céltiga, Polvorín e Arosa, de menos a máis facendo 10 de 12 puntos. 
Con isto vimos dicir que os dous equipos pasan por un momento duro do campionato. O Compos, que superou ao Racing de Ferrol a pasada fin de semana, deixou boas sensacións ata os quince minutos finais, nos que se viron superados polo cadro verde estragando unha vantaxe de 2 goles. Unha vitoria que, non obstante, serviu para ascender un posto na táboa quedando, ademais, a só 3 puntos do cadro departamental e un máis do líder, un Bergantiños que encadea 3 xornadas sen coñecer a vitoria. 
Pola súa parte, a UD Ourense está metido de cheo no peor momento da tempada. Un equipo que en toda a primeira volta só perdera na visita a Calabagueiros. Unha única caída que se triplicou nas últimas datas con 3 derrotas nas 5 últimas xornadas ás que engadir 1 empate máis. O Silva conseguiu o máis desexado na historia do cadro ourensán: o triunfo no Couto, mentres que a Porta Santa foi, tamén para os de vermello, imposible para un dos grandes despois de perder alí, na primeira volta, o Racing de Ferrol e sufrir o Bergantiños. 

Primeira visita á UD Ourense. 
Non será, nin moito menos, a primeira visita do noso Compos ao Couto mais si o será á UD Ourense en partido oficial. Segunda vez, por outro lado, na que estes dous equipos se vexan as caras na Terceira división despois de facelo na primeira volta, no Vero Boquete, nun partido onde o empate deixou todo aberto para definirse nesta segunda metade do campionato. Un partido onde Pato foi protagonista e no que Alex Ares e Alfredo asinaron os goles. 
En canto ás visitas dos nosos ao Couto, hai que botar a vista 6 anos atrás para vivir a derradeira ocasión na que Compos e CD Ourense se viron as caras. Foi nun partido onde o estado do terreo de xogo marcou moito o ritmo e un gol de Iker Alegre foi suficiente para deixar os tres primeiros puntos da campaña en terras ourensás. 
Unha longa historia entre dous equipos con máis de 50 anos de enfrontamentos co Compos capaz de gañar na Cidade das Burgas en só 3 ocasións, repetíndose en 2 a vitoria pola mínima. Pola súa parte, 10 triunfos locais e só 2 empates demostrando as complicacións dos nosos para, polo menos, puntuar. 
A parte, o equipo de Yago Iglesias visitou tamén o campo ourensán para medir as forzas co Ourense CF a finais do ano 2017. Un partido que tamén tivo serias complicacións para os branquiazuis, que non puideron pasar do empate grazas aos goles de Edu Otero e Alex Ares. 

Segundas partes non son boas. 
Van xa case 4 meses nos que o Compos non é quen de deixar a súa portería a cero. O equipo de Yago Iglesias non sabe o que é manterse sen recibir ningún gol dende a visita a Espiñedo, onde o partido contra o Arenteiro rematou con empate sen goles. Dende aí, 13 enfrontamentos nos que o Compos recibiu, polo menos, 1 gol. De feito, a conta ascende a 22 tantos encaixados neste tempo fronte aos 31 anotados polos atacantes branquiazuis. 
Esta xeira ten un factor común moi importante: as segundas partes. E é que despois do tempo de lecer, o equipo parece que busca xogar co tempo e acaba pagándoo caro. Foi así como chegaron 16 deses goles dende decembro con 11 deles nos 15 últimos minutos, supoñendo as derrotas contra Somozas e Arosa e os empates diante de Polvorín, Paiosaco e Bergantiños. 

Lorenzo dispoñible e Mon baixa.
Convocado xa contra o Racing de Ferrol, Lorenzo podería estar no once titular este sábado se Yago quere rotar baixo paus. O gardamallas padronés está totalmente recuperado da súa lesión que o apartou dos campos durante un mes compartindo enfermaría con Alberto, quen aínda terá que estar apartado dos terreos de xogo polo menos dúas semanas máis, logo de pasar polo quirófano o 18 de febreiro. 
Outro que tampouco estará sobre o verde do Couto é Mon. O centrocampista xogou o treito final do partido contra o Racing de Ferrol vendo un cartón amarelo que o deixará fóra desta cita, sendo a segunda vez que se perde un partido por acumulación de amoestacións despois de quedar fóra no enfrontamento ante o Arenteiro. Por outra parte, Naveira, Sergio Pereira e Brais Abelenda chegan a esta cita con 4 cartóns e non estarían a vindeira fin de semana contra o Porriño en Santiago. 

Sábado pola tarde. 
O Compos terá que visitar O Couto este sábado ás 18:30h tendo un día menos para preparar a cita e recuperar forzas despois da dura loita fronte ao Racing de Ferrol. Un partidazo para o que as entradas terán un prezo de 12 euros en Tribuna e 10 en Preferencia, sen separación de afeccións ao igual que pasou no encontro da primeira volta no Vero Boquete. 
Por contra, para quen non poida achegarse a Ourense, poderá seguirse o encontro a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube santiagués. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario