Nunha xornada na que só un dos seis primeiros puido sumar de tres, o Bergantiños nos minutos finais, o Compos non puido pasar do empate contra o Paiosaco no Vero Boquete desaproveitando unha vantaxe de dous goles nun segundo tempo para esquecer. Unha cita na que Josiño, que fixo unha gran primeira metade, e Santi fixeron os tantos branquiazuis mentres que Edu e Iván fixeron o propio asinando a igualada no último minuto do tempo regulamentario. Ademais, Samu e Piscu tiveron que deixar o terreo de xogo mancados poñendo así unha nota aínda máis negativa ao xogo. A parte positiva foi a primeira titularidade de Rubén neste curso no partido número 100 de Yago Iglesias no banco da Esedé.
100 citas.
Chegando dende o Noia, que semanas antes descendera á Preferente, no verán de 2016, Yago Iglesias asinou ante o Paiosaco o seu partido número 100 de liga a cargo da Esedé. Un equipo que, nestes dous anos e medio sumou un total de 194 puntos, foi campión de liga nunha ocasión e un fixo de cara a gol, demostrando os plans ofensivos do adestrador ribeirense.
Unha cifra á que chegou logo de 57 vitorias, 22 empates, aos que engadir agora un máis, e 20 derrotas. Con 190 goles a favor e 104 en contra chegando case aos dous goles de media por partido.
Superioridad levada ao marcador.
Falando do que pasou sobre o terreo de xogo do Vero Boquete, o Compos saltou coa intención de facerse coa pelota e buscar a portería de Rama con perigo mais sen arriscar fisicamente, pensando máis da conta no 'tourmalet' que arrinca a vindeira fin de semana nas Eiroas. Así é que o Paiosaco puido aproveitar a calma para crear, con pouco, dúas ocasións de serio perigo sobre a portería defendida por Anxo, titular ante a lesión de Lorenzo.
Dez minutos de igualdade, cos nosos movendo a pelota e os laracheses buscando o mínimo erro e calquera oco que se abrira entre a defensa branquiazul para dar un susto. Con iso e a mellor versión de Josiño, moi activo ata o tempo de lecer, chegou o primeiro gol dos nosos, non sen antes un disparo de Santi que rexeitou Rama para que o de Bueu só tivera que pegarlle chegando dende atrás.
Tomado o bo camiño, o Compos seguiu na pelexa por un segundo gol que lle dera un pouco de tranquilidade. Ese segundo tanto, que non foi o da sentenza nin moito menos, chegou mediada a primeira metade con Santi como protagonista principal e Josiño, asistente, e Miki como actores secundarios. Un gran gol do dianteiro lugués para poñer terra de por medio co equipo moi superior sobre o verde.
Co segundo xa no luminoso e vinte minutos por diante para o final do primeiro tempo, o equipo permitiuse baixar a intensidade do xogo sen permitir tampouco ningunha opción aos visitantes, que pasaron a última media hora do primeiro acto sen crear ningunha ocasión de perigo.
Perdoar é o que ten.
A relaxación chegou ao Vero Boquete co segundo gol branquiazul. Fronte a un equipo que parecía inofensivo, os homes de Yago Iglesias decidiron xogar cos tempos. Non obstante, a saída do Paiosaco foi moi diferente, sabedores das súas opcións de manterse a intensidade do primeiro tempo. E se xa non tardaron en crear ocasións na primeira metade, menos tardaron na segunda en marcar un gol co que meter un pouco o medo no corpo. Un gol, que, a parte, mostrou unha semana máis os problemas á hora de defender as xogadas a balón parado. Non obstante, ese só sería o primeiro dos males para os nosos.
Co gol chegou tamén o primeiro troco, obrigado, nun Compos que sufriría durante todo o segundo tempo un fútbol duro que deixou tocados a Samu e Piscu, neste caso cun golpe na cabeza logo dun golpe contra Anxo nunha xogada a balón parado. A iso que engadir que a falta de efectivos no plantel branquiazul fixo que só Ares entrase para intentar reforzar un ataque que non provocou máis dores de cabeza a Rama ata o treito definitivo do xogo.
Entre falta e falta, o Paiosaco quixo buscar unha última ocasión para volver á casa cun bo resultado. E chegou no peor momento, no último minuto do tempo regulamentario case sen tempo de reacción posible. Obra de Iván, gran gol dende o pico da área poñendo a pelota fóra do alcance de Anxo. Un empate co que se marcha o Paiosaco grazas, en boa parte, a unha gran parada de Rama xa no engadido a tiro de Saro.
Agora, o equipo buscará volver ao camiño do triunfo contra o Bergantiños nas Eiroas na que será unha cita moi importante para o obxectivo final.
ALIÑACIÓN: Anxo; Casas, Chechu, Piscu (Saro, min. 73); Samu (Uña, min. 50), Remeseiro; Miki, Rubén (Ares, min. 63), Josiño, Abelenda; e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Rubén e Uña.
GOLES: 1-0 17' Josiño, 2-0 25' Santi, 2-1 50' Edu, 2-2 89' Iván.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario