Comezamos. O máis duro chega xa cun duro enfrontamento a domicilio fronte un dos equipos máis duros da tempada no que os nosos deberán recuperar non só o camiño dos bos resultados senón que, ademais, o das boas sensacións perdidas fronte ao Paiosaco. Un partido complicado contra un Bergantiños que chega despois de ser o único que sumou de tres a pasada fin de semana de entre todos os equipos que pelexan polos catro postos da promoción de ascenso, conseguindo, ademais, igualar ao Racing de Ferrol no máis alto da clasificación.
Sen medo a nada.
Por segundo ano consecutivo, o Bergantiños preséntase como un dos favoritos na pelexa polo campionato. Cun plantexamento moi definido, que por segundo ano conta con Rubén Rivera como peza chave, e facilidades para ver porta, os de Carballo igualaron a puntos ao Racing de Ferrol a pasada fin de semana encadeando a súa terceira vitoria consecutiva nun derbi contra o Laracha que non se decantou cara o lado visitante ata o tempo engadido grazas ao segundo gol da tarde asinado por Cano.
O, arestora, segundo clasificado, empatado a puntos co líder logo de perder na primeira volta na Malata, suma un total de 52 puntos grazas a 16 vitorias, 4 empates e outras 4 derrotas, caendo só nas Eiroas ante o Silva. Un equipo que sabe aproveitar á perfección cada gol servíndolle só 38 para acadar os postos máis altos. Ademais, parte deste éxito chega grazas aos 24 goles recibidos, un de media por xogo.
Nas Eiroas, as cousas están a saír á perfección para o cadro carballés. Con 12 citas ante os seus, 8 remataron en vitoria coa curiosidade de que só contra o Arenteiro conseguiron máis dun gol de diferenza no marcador ao final dos noventa minutos mentres que as 7 restantes chegaron con emoción gañando pola mínima. En canto aos empates, 3 na casa, foron todos con goles contra equipos que pelexan pola permanencia e, tanto contra o Laracha coma contra o Lugo, obrigados a remontar un ou dous goles en contra sufrindo contra o Boiro un gol nos minutos finais que mandaba un punto cara Barraña. Pola súa parte, a única derrota colleitada en Carballo foi contra un Silva no seu mellor momento cun gol de Rubén Rivera para cada equipo e outro de Tiago para os coruñeses que poñía, nos intres finais do xogo, un 0-2 insalvable.
A nivel individual, pódese falar de grandes xogadores coma o ex branquiazul Borja Facal, Cristopher sendo un dos mellores porteiros da categoría ou Cano. Non obstante, a peza fundamental do equipo de Miguel Figueira non é outro que Rubén Rivera. O experimentado dianteiro coruñés, que o ano pasado fixo 19 goles nas 38 xornadas de liga, vai camiño de superar con diferenza esa cifra aos seus 33 anos con 17 goles en 23 partidos, 2 deles para darlle a vitoria aos bergantiñáns no Vero Boquete na primeira volta.
Dez xornadas encaixando.
Se ben é certo, o equipo branquiazul é o conxunto máis goleador do curso superando xa os 50 tantos no que vai de campaña, tamén se trata dun equipo que amosa problemas á hora de deixar a súa porta a cero. De feito, van xa 10 xornadas consecutivas nas que os nosos reciben polo menos un gol por cita. Dende o empate sen goles en Espiñedo, o equipo confirmou problemas á hora de defender, sobre todo a balón parado.
Eses problemas para deixar a porta a cero son unha constante dende comezos da tempada. De feito, só en 6 partidos quedaron tanto Lorenzo coma Anxo, este só en 2 ocasións, sen recibir ningún gol. Ao anterior hai que engadir que só na visita a Porriño os nosos conseguiron gañar sen encaixar de todas as saídas ata o momento.
Por outro lado, para tocar tamén o lado positivo, o equipo suma un total de 25 goles nas 10 últimas citas, dende a antes citada visita ao Carballiño. Ademais, mellorando o dato anterior, o equipo de Yago Iglesias só quedou sen marcar nos empates sen goles na Malata e Espiñedo, aínda que iso non evitou as 4 derrotas ata o momento, só 1 a domicilio.
A defensa de tres, a proba.
Despois de tres xornadas sen gañar, Yago Iglesias decidiu probar un novo sistema no Salvador Otero. Dous anos e medio despois de implantar o seu esquema, pasou a xogar con tres defensas reforzando o centro do campo. Un cambio que non puido ser mellor gañando os partidos dende atrás sen pasar grandes problemas para sumar de tres ante Céltiga e Alondras, asinando 9 goles. Non obstante, tanto Silva coma Paiosaco deixaron mostra dos problemas para defender a balón parado, ao que sumar a relaxación fronte aos laracheses.
Alondras e Silva, que chegaban nun gran momento de forma, non puideron cun gran Compos que a base de goles conseguiu volver aos postos altos quedando a 6 puntos do líder. Non obstante, As Eiroas marcará o gran estado de forma dos nosos.
O gol en persoa.
Con máis de dez anos de experiencia, pasando polas filas de equipos coma Deportivo, Leganés, Coruxo e Boiro entre outros probando tamén o fútbol austriaco, Rubén Rivera chegará ao Vero Boquete con máis de 140 goles ás costas. O dianteiro coruñés é un referente no fútbol galego e, xunto con Sylla do Arosa, o máximo artilleiro da presente liga con 17 goles.
Esta será a sexta vez na que se enfronte ao Compos ao longo da súa carreira despois de facelo co Bergantiños a pasada tempada, Coruxo e Montañeros, con estes dous equipos na categoría de bronce. Non obstante, só foi quen de anotar 3 goles nos seus enfrontamentos contra os nosos, todos na capital galega.
No outro lado estará un dianteiro que está a deixar grandes sensacións no seu primeiro ano no fútbol galego. Aythami é, sumando Liga e Copa do Rei, o máximo goleador branquiazul no que vai de curso con 11 tantos. Un fixo nos plans de Yago Iglesias que participou en todos os partidos oficiais agás no da pasada xornada contra o Arenteiro, no que causou baixa por sanción chegando descansado e con fame de gol a esta cita importante. Un dianteiro que fixo dous goles nos dous últimos partidos xogados e provocou o penalti co que Alex Ares faría o segundo e definitivo na Grela.
As Eiroas.
No Polígono Industrial de Bértoa, en Carballo, atópase o Municipal das Eiroas. Un campo de herba artificial, cun terreo de xogo cunha calidade inmellorable e unhas medidas semellantes ás de San Lázaro, o que fai que os nosos non pasen tantas dificultades para puntuar e incluso gañar ao Bergantiños a domicilio ata en dúas ocasións.
Esta será a sexta vez na que o Compos visite Carballo coa intención de traer os tres puntos ao igual que ocorreu tanto en 2017, con gol de Uña, coma en 2012, obra de Cardelle en propia porta e Mariño. A parte, outras 2 derrotas dos nosos e un empate sen goles hai case 30 anos.
As vitorias pola mínima entre os dous equipos estanse a suceder nos últimos cursos con tres enfrontamentos que remataron con só un gol de diferenza. Ademais, hai que ter en conta que nas dúas tempadas anteriores os dous equipos gañaron un partido por ano. Tendo conta o anterior, na primeira volta, na presente campaña, os carballeses conquistaron o Vero Boquete de San Lázaro grazas a dous goles de Rubén Rivera e outro de Cañi que fixeron insuficientes os tantos de Brais Abelenda e Marcos Remeseiro, que chegaron a poñer por diante ao Compos ata en dúas ocasións.
Igualdade e goles.
Nove goles sumaron Compos e Bergantiños nos seus partidos da pasada xornada. Dous enfrontamentos moi igualados e que se decidiron nos intres finais con premio para os carballeses e castigo para os nosos.
Un primeiro tempo de clara superioridade contra o Paiosaco levou aos nosos ao tempo de lecer con dous goles de diferenza, obra de Josiño e Santi en 45 minutos do de Bueu para enmarcar. Non obstante, a relaxación apoderouse do equipo de Yago Iglesias e o cadro larachés non desaproveitou a oportunidade asinando o gol do empate a un minuto para o asubío final.
Pola súa parte, o Bergantiños superou o derbi contra o Laracha nunha media hora con ata cinco goles. Unha vitoria que comezou con gol de Cano e que buscou evitar o cadro local con dous goles en dous minutos. Rubén Rivera puxo de novo o empate no marcador e, xa no engadido, Cano asinou o 2-3 definitivo.
Volve Aythami.
No capítulo de baixas, Aythami sae da lista despois da sanción mentres que Lorenzo, cunha escordadura de cóbado, seguirá unha semana máis fóra do terreo de xogo e Alberto, que pasou esta mesma semana por quirófano, estará sobre mes e medio lonxe do campo. Por outro lado, Mon e Sergio Pereira chegan con catro cartóns a esta cita e non estarían na Lomba de ver un máis.
Tarde de domingo.
As Eiroas abrirá as súas portas este domingo para acoller un dos partidos máis interesantes do campionato. Arrincará ás 17 horas e o prezo das entradas será de 15 euros para os afeccionados branquiazuis que se despracen a terras carballesas.
Por contra, quen non poida achegarse a Carballo, poderá seguirse o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario