Chegamos ás portas da parte máis dura do campionato. Un partido previo ao que será a parte onde os nosos deberán demostrar se están ao nivel para pelexar por un dos postos na promoción de ascenso ou ben, como é o obxectivo da tempada, facerse co primeiro posto en maio. O Vero Boquete abrirá as súas portas para recibir a un Paiosaco que, logo de catro derrotas consecutivas, quere dar un paso adiante para fuxir dos postos de descenso.
Negra segunda volta.
O Paiosaco visitará o Vero Boquete de San Lázaro nun moi mal momento. O equipo verdibranco encadea catro derrotas consecutivas e un total de cinco xornadas sen coñecer a vitoria sumando só 1 punto de 15 posibles no que vai de ano. Trátase do peor equipo do que vai de segunda volta sen aínda puntuar.
En total, os laracheses están fóra dos postos de descenso logo de sumar 24 puntos, 1 máis ca un Boiro que marca a día de hoxe os postos de perigo. 7 triunfos, 3 empates e 13 derrotas para un equipo forte na casa mais non tanto cando sae da Porta Santa. De feito, ante a súa afección conseguiron gran parte dos seus puntos incluíndo a vitoria asinada fronte ao Racing de Ferrol pola mínima na primeira volta. Ademais, trátase do segundo equipo con menos goles a favor no que vai de campionato con 20 fronte aos 19 do Porriño. Por contra, recibiron un total de 39 goles, superando o gol e medio de media por xogo.
A domicilio, o cadro dirixido por Juan Riveiro non é quen de encadear bos resultados, asinando só 2 vitorias, ámbalas dúas pola mínima fronte Silva e Ourense CF, e outros tantos empates, tamén facendo un gol no Municipal de Laracha e na Senra. Ao anterior hai que engadir que as súas derrotas fóra da casa, 7 ata o de agora, acabaron con pouca diferenza de goles agás as derrotas encaixadas fronte Arosa e UD Ourense, repetindo nos dous casos un 4-0 en contra quedando sen ver portería ao igual que nas dúas últimas visitas ao Morrazo e ás Eiroas.
A nivel individual, nun equipo con pouco gol, destacan Otero e Eloy con 4 goles cada un. Ademais, outros 8 xogadores máis saben xa o que é marcar coa camisola do Paiosaco na Terceira división, categoría na que se estrean e na que loitan por continuar un ano máis.
Os primeiros.
Catro categorías de fútbol nacional cun gran número de equipos galegos e, malia non ser o mellor situado nin moito menos, o Compos si é o equipo da nosa terra co maior número de goles a favor, superando os 2 de media por partido. 49 goles en 23 xogos superando en boa parte aos asinados ata o momento por Celta e Depor e dobrando, incluso, a cifra do Lugo. Unha cifra á que só o Racing de Ferrol se aproxima con 42 tantos.
A piques de chegar aos 50 goles, suman a día de hoxe 5 menos dos que o ano pasado situaban ao equipo de Yago Iglesias líder da clasificación cun total de 54 puntos, servindo un gol por punto. Non obstante, supéranse os 39 acertos do Compos dirixido por Anxo Casalderrey e Fredi que asinaron o último ascenso dos nosos ata o momento.
Ao anterior hai que engadir que nas tres últimas citas, a Esedé suma un total de 11 goles a favor. 5 dianas fronte ao Céltiga, 4 contra o Alondras e 2 na Grela, sitúan ao Compos como o mellor equipo ofensivo da liga con moita diferenza. Por contra, Lorenzo recibiu 3 goles noutras tantas xornadas co novo plantexamento da defensa de tres centrais.
Só un precedente... na primeira volta.
En partido oficial, sen ter en conta o partido de pretempada na Porta Santa de 2016, só se conta cun precedente na historia entre Compos e un Paiosaco que hai catro anos ascendeu á Preferente para pasar tres tempadas na parte alta da táboa. Un só xogo que data do pasado mes de setembro, na primeira volta.
4 vitorias nas 4 primeiras xornadas e a Esedé visitaba unha Porta Santa na que só asinaran, ata ese momento, 2 derrotas en todo o 2018. E, logo dun primeiro tempo igualado baixo unha intensa néboa, o equipo meteu unha marcha máis para manter o pleno de triunfos cos goles de Casas, Santi e Alex Ares por partida dobre fronte ao conseguido por Otero para os locais, sen opción ningunha de sacar un resultado positivo.
Dificultades para os dous.
A pasada xornada supuxo dificultades tanto para Compos coma para Paiosaco. Non obstante, uns conseguiron tres puntos moi importantes nun campo moi difícil mentres que os outros, tamén a domicilio, non conseguiron bater a un dos grandes da categoría.
O Compos arrincou o encontro na Grela algo mellor mais as forzas fóronse igualando co paso dos minutos. O Silva, con facilidades para crear perigo en xogadas a balón parado, fixo o primeiro gol do encontro superada a media hora de xogo e aí deixou de buscar a portería defendida por Lorenzo. Isto deu ás a un equipo que se amosou superior e que conseguiu o tanto do empate a vinte minutos para o final, cun gol de Aythami. Mellores sobre o terreo de xogo, o segundo forzouno tamén o canario e, contra un equipo que rematou con oito xogadores, Alex Ares fixo o segundo e definitivo dende os once metros.
Pola súa parte, o Paiosaco puxo contra as cordas ao Bergantiños nas Eiroas chegando ao treito final do encontro cun punto asegurado. Mais o plantel superior dos carballeses fixo que a pelota, máis despois que antes, entrara na portería de Rama. Un gol de Rubén Rivera a dez minutos para o final que valía ouro para un Bergantiños que mantén a distancia con respecto ao Racing de Ferrol e que pon terra de por medio co terceiro clasificado, un Compos ao que recibirá dentro de dez días.
Ás portas.
A visita do Paiosaco ao Vero Boquete supón a tranquilidade antes da tormenta. O partido contra os laracheses suporá a porta ao máis duro desta segunda volta, con seis partidos que marcarán o obxectivo real do equipo branquiazul.
A vindeira fin de semana arrinca o 'tourmalet' particular dos nosos coa visita ás Eiroas. Logo do enfrontamento ante o Bergantiños, a seguinte pedra no camiño é o Arosa na Lomba, supoñendo a segunda saída consecutiva. Polo Vero Boquete pasará o actual líder, o Racing de Ferrol, para o mellor partido da liga mentres que sete días despois haberá que visitar O Couto para bater a un dos rivais máis duros. A calma chegará de novo contra o Porriño Industrial, tamén en Santiago, mentres que esta dura loita rematará terá fin en Calabagueiros pechando así o mes de marzo. Mes e medio de fútbol que marcará o obxectivo final dos nosos.
Recuperando efectivos.
Para esta nova cita, Yago Iglesias recuperará aos sancionados que non puideron estar na Grela. Uña, Piscu e Remeseiro poderán volver ao equipo titular, recuperando ademais así o esquema que tantos éxitos lle está a dar ao equipo. Por contra, non poderá estar no terreo de xogo Aythami por acumulación de amoestacións chegando sen problema ao encontro nas Eiroas.
Por outro lado, Mon e Sergio Pereira non poderían estar contra o Bergantiños por sanción de ver un cartón. O centrocampista, habitual nesta segunda volta, chega con 9 cartóns amarelos, mentres que o lateral fai o propio con 4.
De novo na casa.
O Vero Boquete recibirá a un Compos que quere sumar a cuarta vitoria consecutiva, manténdose invicto no que vai de segunda volta. Un partido que arrincará ás 17 horas e para o que as entradas, para non aboados, terán un prezo de 10 euros mentres que os menores de idade pasan de balde.
Por contra, quen non poida asistir ao teatro dos soños branquiazul poderá seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario