Bergantiños e Compos asinaron un empate no sobranceiro da xornada na Terceira galega. Segundo e terceiro clasificados saltaron ao terreo de xogo sabendo xa da derrota do Racing de Ferrol na Grela e a oportunidade de asaltar o primeiro posto os primeiros e de achegarse os segundos no que foi a primeira cita do 'tourmalet' compostelanista. Unha Esedé que, malia ser superior durante boa parte do encontro, perde a terceira posición en favor da UD Ourense.
Superiores.
Contra un Bergantiños forte na casa, o Compos saltou ao terreo de xogo coa intención de facer o seu xogo e evitar, sobre todo, que puideran chegar balóns a un Rubén Rivera sempre perigoso. Un primeiro tempo que se puido poñer de cara de non ser por un Cristopher que evitou case todo o que chegou á súa área. Case porque aos poucos minutos de dar comezo o xogo, a piques estivo de transformar en gol a primeira ocasión Santi, que mandou o esférico fóra por moi pouco.
Unha puntería, a que lle faltou a Santi, que si demostrou ter Diego antes da media hora de xogo na que foi a primeira chegada dos carballeses sobre a portería defendida por Anxo. O centrocampista non perdoou poñendo o primeiro no marcador logo dunha xogada que arrincou cun centro de Rubén Rivera e un toque, para deixar ben a pelota, de Cano. Un gol que só serviría para espertar á mellor versión branquiazul.
Antes do gol local, só a ocasión antes citada e outra á que non chegou Miki por moi pouco antes de que sacara a pelota un defensa. Despois do gol, a reacción que puido case deixar encamiñada unha vitoria antes do tempo de lecer. E é que só cinco minutos fixeron falta para que o Compos tirase de corazón para empatar, cun gol de Aythami a pase de Santi e logo dun roubo en campo contrario de Brais Abelenda.
Co gol chegaron os mellores minutos para os nosos en todo o primeiro tempo, deixando dez minutos de clara superioridade sobre o verde das Eiroas. Non obstante, tanto Aythami coma Mon non foron quen de bater a Cristopher mentres que Alex Ares, dende fóra da área, nin sequera atopou o camiño á portería.
Canariazo!
O guión dos primeiros intres do segundo tempo foi o mesmo que o dos últimos quince minutos do primeiro. Un Compos superior e buscando a portería defendida por Cristopher, con Alex Ares probando ao gardamallas na primeira e Aythami na segunda, con Cano respondendo cunha oportunidade que sacaría Anxo cunha gran estirada.
Cómodos sobre o céspede artificial das Eiroas, non tardaría en chegar a maior xenialidade da cita. Aythami recibe un balón en longo para, á reviravolta, picar a pelota por enriba do gardamallas local. Segundo nas filas do canario nesta cita e un dos tantos máis fermosos da xornada que deixaba ao equipo por enriba no marcador facendo xustiza ao que se estaba a ver.
Por diante no marcador, era o momento de xogar cos tempos. Sen arriscar, sen permitir balóns en campo propio e perdendo todo o tempo posible, o Compos foi por diante sen ver perigar a súa vantaxe no marcador e, ao mesmo tempo, sen arriscar en ataque conformándose coa vitoria a quince minutos para o final, cando Yago comezou cuns trocos pensando en aguantar o marcador.
De novo sen tempo.
Repetindo o feito nos minutos finais contra o Paiosaco, o Compos non viu arriscar a vitoria contra un Bergantiños que non chegara á porta defendida por Anxo en todo o segundo tempo, agás unha oportunidade que salvou o padronés recén comezado o acto. E repetindo o feito polos veciños laracheses, esta vez xa no engadido, o Bergantiños acabou coas opcións branquiazuis cun gol de Cano cun golazo imparable. Un gol que valía un empate e o primeiro posto para os carballeses.
Agora, cun punto máis no peto e unha oportunidade desperdiciada para achegarse ao máis alto da clasificación, o Compos terá que preparar a segunda saída consecutiva, á Lomba. Nesta ocasión, o Arosa será o que mida as forzas dos nosos a unha semana do mellor partido da tempada no Vero Boquete.
ALIÑACIÓN: Anxo; Casas, Uña, Piscu; Mon, Samu; Miki, Santi (Josiño, min. 85), Alex Ares (Remeseiro, min. 75), Brais Abelenda; e Aythami (Naveira, min. 81).
CARTÓNS: Amarelo para Casas, Abelenda, Anxo e Remeseiro.
GOLES: 1-0 28' Diego, 1-1 33' Aythami, 1-2 54' Aythami, 2-2 94' Cano.
CAMPO: As Eiroas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario