O fútbol, ás veces, é xusto

Nun partido difícil, nun campo aínda máis difícil, o Compos soubo sacar un premio merecido despois de noventa minutos de loita. O Silva, que buscou a vitoria con moi pouco fútbol, quedou sen nada nun encontro onde foron por diante durante case corenta minutos, aínda con vantaxe a falta de vinte para o final. Os quince minutos finais concentraron toda a emoción cos goles de Aythami e Alex Ares, de penalti, nun treito final no que os locais remataron con tres expulsados, os tres á vez xusto antes de que o eumés transformase a pena máxima coa que a vitoria viaxou cara Santiago. 


Moi pouco fútbol. 
A primeira parte sobre o verde sintético da Grela comezou co Compos buscando levar a iniciativa. Sen atoparse de todo cómodos e contra un rival que se pechou no seu campo buscando, a base de faltas, evitar as xogadas ofensivas dos nosos, os de Yago Iglesias tiveron a primeira oportunidade de gol no arrinque nas botas de Miki, que non puido sequera rematar. Foi a primeira e case única ocasión dos branquiazuis para poñerse por diante nuns primeiros corenta e cinco minutos onde non foron quen de estar cómodos sobre o céspede. 
O Silva, que se limitou a frear as acometidas visitantes a base de faltas e crear perigo só a balón parado. E así, nun saque de banda, chegou o primeiro gol do xogo a prol dos coruñeses. Centro dende a banda de Lorusso, a pelota peta nun xogador e queda para que João Paulo non teña máis que marcar a pracer. O gol típico do Silva e que provocaba algunha que outra dúbida con máis de cincuenta minutos por diante. 

De menos a máis.
Se durante o primeiro tempo non se puido ver a mellor versión do Compos, si se puido no segundo. Contra o equipo que mellores resultados estaba a colleitar nas últimas xornadas, os santiagueses presentaron un fútbol serio, sen caer no xogo duro dun Silva que se viu nunha inferioridade numérica merecida nos minutos finais chegando ao minuto 80 con ata seis amoestados, mais aínda con once sobre o terreo de xogo. 
Media hora de centros que non atoparon rematador, co Silva cada vez máis nervioso e o Compos máis dono do partido, remataron co premio máis que merecido. Un gol de Aythami nunha xogada rápida, que comeza nas botas de Lorenzo e pasa pola testa de Santi, remata co canario marcando cun disparo picado. Un fermoso gol parar poñer un pouco de xustiza na Grela. 
Este empate foi máis que suficiente para facer crer aos homes da Esedé na vitoria. O asedio constante sobre a portería defendida por Guillermo mantívose e en menos de dez minutos caeu o premio final en forma de penalti, de novo sobre Aythami, e no que chegou a polémica que cambiou o treito definitivo coas expulsións de Lorusso, por cartón vermello directo, e Scalon. Dende os once metros non perdoou Alex Ares para poñer por diante ao Compos. Ademais, mentres a celebración do gol, Michi Leal viu o segundo cartón amarelo deixando aos seus con oito a falta de sete minutos máis o engadido. 
O final tivo aínda máis emoción co Silva buscando de novo o empate, tendo dúas oportunidades de perigo coas que puxeron en apuros a un Lorenzo seguro baixo paus acompañado dunha defensa en cadro ante as baixas de Piscu e Uña e a presenza dun Casas que estivo a piques de non chegar ao encontro. 

Agora, coa terceira consecutiva no peto, hai que preparar o enfrontamento contra o Paiosaco no que non poderá estar Aythami e para o que Yago Iglesias recuperará efectivos. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Casas, Chechu; Mon, Samu (Josiño, min. 63); Miki, Santi, Ares, Abelenda; e Aythami (Naveira, min. 88). 
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Pereira, Mon e Aythami. 
GOLES: 1-0 35' João Paulo, 1-1 72' Aythami, 1-2 83' Ares.
CAMPO: A Grela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario