En cadro

A cuarta xornada desta segunda volta chega cun gran enfrontamento na Grela. Compos e Silva medirán as súas forzas buscando manter o bo estado de forma co que arrincaron esta metade final da tempada. Un Compos que suma dúas vitorias consecutivas, ámbalas dúas con goleadas, fronte a un Silva que só coñece a vitoria neste 2019.


O conxunto máis en forma.
O Silva chega a esta fin de semana coa intención de sumar a súa sexta vitoria consecutiva. Un equipo que non arrincou a liga ben mais soubo xogar ben as súas cartas nas últimas xornadas para aumentar distancias con respecto aos postos de descenso chegando xa á zona media da clasificación despois de ocupar un dos postos baixos ata o pasado mes de decembro.
Décimos, suman un total de 31 puntos, quedando a 9 da parte baixa e a 12 da alta. Un equipo que fixo un total de 9 vitorias, 5 delas nas 5 últimas datas, 4 empates e outras 9 derrotas, 6 delas nas 7 primeiras xornadas. Trátase, ademais, dun equipo que suma os mesmos goles a favor que en contra: 30.
Na Grela, os resultados non acaban de chegar. Despois de 11 xornadas, os coruñeses asinaron un total de 11 puntos grazas a 3 vitorias, contra Alondras, Céltiga e Ribadumia, e 2 empates, fronte Choco e Laracha, aos que engadir outras 6 derrotas, quedando sen puntuar na casa ata a sexta ocasión na que puideron xogar ante a súa afección.
A nivel individual, nun equipo con grandes figuras, destaca Aarón. O coruñés, que chegou á Grela este mesmo verán procedente das filas do Racing de Ferrol, fixo un total de 7 goles no que vai de liga. A el hai que engadir a Marcos, Michi Leal e João Paulo con 4 tantos cada un. 

Cinco. 
O Silva igualou, fronte ao Paiosaco, a xeira de resultados do arrinque de liga dos nosos. Cinco vitorias consecutivas que serviron ao cadro coruñés para fuxir dos postos baixos superando a rivais da parte alta da clasificación. Comezando na Cheda, superando pola mínima ao Lugo B, Céltiga e Alondras caeron na Grela mentres que Bergantiños e Paiosaco non puideron puntuar nas visitas do cadro coruñés ás Eiroas e a Porta Santa, onde anotaron Carlos Gómez e Marcos cando os locais estaban xa cun home menos. 
Pola súa parte, non son cinco se non dúas as vitorias consecutivas, a día de hoxe, dun Compos que recuperou as boas sensacións perdidas no final da primeira volta a golpe de goleada. Nove goles anotados entre Céltiga e Alondras serviron para recuperar as grandes sensacións grazas, en boa parte, ao cambio de sistema co que gañar mais loitas no centro do campo. Cinco goles no Salvador Otero e outros catro no Vero Boquete, contra o Alondras, serven para chegar con grandes sensacións a unha cita difícil. 

Campo pequeno e difícil. 
A Grela, campo pequeno de herba artificial, é difícil para os nosos. Dúas visitas ao feudo coruñés sufrindo para conseguir puntuar, algo que só se conseguiu o pasado ano nun gran partido en ataque dos nosos. E é que na primeira visita á Grela, Movilla e Renan Zanelli fixeron os dous tantos para os locais mentres que David Rey buscou, sen sorte manter ao equipo no partido. Na segunda, o curso pasado, chegou unha das mellores actuacións de Primo para, con tres goles, asinar un novo triunfo branquiazul. 
Na primeira volta, no Vero Boquete, fixo falta unha remontada na segunda metade, con dous goles en dous minutos de Scalon en propia porta e Santi, para darlle a volta ao tanto asinado por Michi Leal superada a media hora de xogo. 

En cadro.
Aquí chegan os problemas de verdade. Cun plante curto, con 20 xogadores, Yago Iglesias terá que facer unha milagre para sacar unha convocatoria de 16 homes para este domingo. E é que, ademais da baixa coñecida de Alberto, o adestrador ribeirense non poderá contar con Uña, Piscu nin Marcos Remeseiro por acumulación de amoestacións, chegando seguro aos partidos máis duros desta segunda volta. A eses catro hai que engadir a Samu, pendente da evolución da súa escordadura de nocello. 
Por outro lado, pensando no encontro fronte ao Paiosaco, Aythami chega a esta cita apercibido de sanción. Con catro cartóns amarelos, non podería estar na seguinte cita no Vero Boquete de ver un máis na Grela. 

Mañá de domingo.
De novo haberá que madrugar. A Grela abrirá as súas portas o domingo ás 12:30 horas para acoller un dos grandes partidos desta xornada entre dous conxuntos nun inmellorable momento de forma. Un partido para o que o prezo das entradas non será excusa xa que, coma sempre, o Silva non cobra entradas nos seus partidos. 
Por contra, quen non poida achegarse á Coruña, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma da Esedé. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario