Por segunda xornada consecutiva, o Compos demostrou unha gran facilidade para poñer en perigo ás defensas rivais. O novo sistema de xogo cun centro do campo máis reforzado, volveu dar os seus froitos contra un Alondras que se mostrou inferior, e os goles chegaron para devolver ao equipo aos postos de promoción de ascenso. Santi en dúas ocasións, Aythami e Josiño fixeron os goles para os nosos mentres que Alex Rey anotou o tanto cangués nun final onde a piques estiveron de dar un susto.
Superioridade total.
Fronte a un equipo que visitaba o Vero Boquete nun momento de forma envexable, Yago Iglesias decidiu arriscar co debuxo táctico que serviu para golear no Salvador Otero. Coa intención de gañar a pelexa no centro do campo contra un equipo con grandes pezas ofensivas, as cousas non puideron ir mellor dende o arrinque. Un Alondras totalmente anulado en tódalas liñas, cos nosos gañando cada balón e presión abafante ante o intento de saír coa pelota por parte dos cangueses. Así se conseguiu evitar o perigo sobre a porta defendida por un Lorenzo que non tivo problemas ata o minuto 85.
Sen problemas en defensa, o ataque branquiazul tomou protagonismo dende o arrinque do xogo con dúas oportunidades de serio perigo nos primeiros quince minutos que desbaratou o gardamallas no man a man. Non obstante, despois das oportunidades de Brais Abelenda e Marcos Remeseiro, chegou o gol.
Din que á terceira chega a vencida e así pasou sobre o verde do Vero Boquete. Dúas oportunidades claras perdoadas e unha, con moita sorte, que supuxo o primeiro tanto do xogo. Un centro dende a dereita que non acerta a sacar o gardamallas, cáelle o esférico a Aythami e o canario, malia pegarlle mal, ten a sorte de que nin o porteiro nin o defensa son quen de evitar que a pelota entre na portería.
Asedio constante.
Co primeiro tanto no marcador, todo foi costa abaixo. A superioridade branquiazul sobre o Alondras foi total ata o tempo de lecer cun bo número de oportunidades sobre a portería defendida por Nucho vendo o segundo cada vez máis preto. Un segundo gol que chegou superada a media hora de xogo logo dun roubo da defensa e de que Santi, antes de bater ao porteiro, superase a un Jesús Varela incapaz de frear as constantes acometidas locais.
Dous de diferenza con aínda unha hora por diante e todo facía crer nunha nova vitoria branquiazul dada a facilidade á hora de realizar o seu xogo. Un gol que buscou antes do tempo de lecer Aythami con insistencia perdendo dúas novas batallas contra Nucho e outra coa defensa, anotando nesta ocasión en fóra de xogo segundos antes do final dos primeiros corenta e cinco minutos.
Rápida sentenza e calma.
Para evitar un susto, o Compos non dubidou en buscar un terceiro gol co que deixar o encontro visto para sentenza. Un tanto que chegou en escasos dous minutos dende a reanudación cun gran saque dende o curruncho de Remeseiro, que xa a piques estivo de marcar un gol olímpico no primeiro tempo, que cae nos pés de Santi e non perdoa conseguindo o seu dobrete particular, primeiro neste curso.
O terceiro serviu, ademais, para baixar a intensidade do partido sen correr riscos ante un Alondras incapaz de crear ningún perigo sobre a portería defendida por Lorenzo. Aínda así, a entrada ao campo de Josiño serviu para, grazas á súa velocidade, provocar algunha que outra ocasión de gol e, incluso, o cuarto tanto da tarde logo de superar a Nucho con algo de sorte xa que o seu disparo non entrou mais si o fixo o rexeite, que pegou no corpo do porteiro.
Reaccionan tarde.
Despois de máis de oitenta minutos sen achegarse ás inmediacións da portería de Lorenzo, o Alondras aproveitou a tranquilidade para recortar diferenzas nun final onde os cangueses tiveron nas súas botas incluso dous tantos máis.
Agora, o Compos terá que afrontar unha nova saída perigosa, nesta ocasión á Grela, coas baixas por sanción de Piscu, Uña e Remeseiro, amoestados nunha tarde con máis cartóns do debido.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Chechu, Casas (Uña, min. 72), Piscu; Mon, Remeseiro; Miki, Ares (Josiño, min. 49), Abelenda (Rubén, min. 64), Santi; e Aythami.
CARTÓNS: Amarelos para Mon, Piscu, Uña, Josiño e Remeseiro.
GOLES: 1-0 20' Aythami, 2-0 32' Santi, 3-0 47' Santi, 4-0 78' Josiño, 4-1 85' Alex Rey.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario