Proba de lume

O Compos buscará este domingo manter as boas sensacións fronte a un dos equipos en mellor estado de forma actualmente. O Alondras, que só perdeu 7 dos últimos 33 puntos en xogo, visitará o Vero Boquete de San Lázaro coa intención de esquecer o pau recibido na Grela hai dúas semanas, a súa única derrota dende outubro. Un enfrontamento con dúas xeiras importantes en xogo con dous históricos do fútbol galego que se viron as caras por primeira vez hai máis de 50 anos.


De menos a máis.
O Alondras comezou a liga sen sorte, perdendo as tres primeiras citas do campionato. Sen puntuar ata a visita á Lomba, non puideron pasar do empate nas seguintes tres datas rematando a décima xornada do campionato con 9 de 30 puntos posibles. A día de hoxe, once xornadas despois, os de Antonio Fernández son sextos na táboa con 35 puntos conseguindo unha xeira de resultados case insuperable asinando 8 vitorias, 2 empates e 1 derrota nos últimos 11 enfrontamentos.
Case intratables dende o pasado mes de novembro, só o Silva foi quen de deixalos sen puntuar mentres que, no Morrazo, empataron diante de Arenteiro e Somozas. Un equipo que, en total, asinou 10 triunfos, 8 deles nestes tres últimos meses, 5 empates e 6 derrotas, con 29 goles a favor, sendo o equipo da parte alta que menos precisa anotar para gañar, e 20 en contra, superados neste caso polo Racing de Ferrol e a UD Ourense.
Lonxe de Cangas conseguiron un total de 16 puntos despois de 5 vitorias, entre as que destacar a asinada na Lomba onde o Arosa non perdía dende maio de 2017, 1 empate no Couto contra a UD Ourense e 4 derrotas, co 3-0 fronte ao Barco como a máis avultada. Un equipo que, a domicilio, fixo 13 goles e recibiu só 11.
A nivel individual, contan con ata tres xogadores que coñecen ben ao seu seguinte rival. Jesús Varela, Yahvé e Iván Pérez volverán á que foi a súa casa na Segunda división B coa intención de sumar tres novos puntos. Ademais, hai que falar de Jonas, habitual nos plans do cadro cangués e autor dun total de 12 goles, sendo peza fundamental no ataque.

Sen problemas.
Despois de non conseguir os resultados esperados, Compos e Alondras chegaron á pasada xornada, segunda desta volta, para facer os deberes sen complicacións. Tanto os de Yago Iglesias coma os de Antonio Fernández foron quen de superar aos seus rivais conseguíndoo, ademais, cunha diferenza de goles cómoda, aínda que sufrindo por momentos para pechar o partido.
Logo do empate na Cheda, onde se viron superiores en case todo momento, o Compos superou sen excesivas complicacións ao Céltiga no Salvador Otero. Un partido que se puxo de cara cedo cun gol de Brais Abelenda, autor dun segundo tanto, e que completaron Alex Ares, con outro dobrete, e Rubén, quen está a aproveitar á perfección cada oportunidade que lle dá o adestrador ribeirense. Cinco goles que fixeron insuficiente o asinado por Aram no comezo do segundo tempo significando naquel momento o empate a un.
Algo máis sufriu o Alondras para esquecer a derrota na Grela. Fronte a un Paiosaco tamén inferior, os cangueses non puideron adiantarse ata mediado o segundo acto grazas a un gol de Osterholm. O dianteiro sueco non desaproveitou a oportunidade para adiantar aos seus e Yelco non perdoou, xa no tempo engadido, un segundo tanto que deixaba sen opcións aos laracheses.

Nin medos.
Se hai algo que está a deixar claro o Alondras é que non ten medo a ninguén. A súa sexta posición na táboa é unha mostra máis do bo traballo que está a facer un equipo que na primeira volta, contra os catro primeiros clasificados actualmente, só caeu contra o Barco. De feito, é o único equipo que puido sumar de tres no que vai de curso nas Eiroas e rabuñou un empate no Couto contra a UD Ourense e outro, neste caso sen goles, na casa contra o actual líder, o Racing de Ferrol.
Menos sorte tiveron co paso da mellor versión do Compos, a que amosou nas primeiras xornadas do campionato, polo Morrazo nun partido moi igualado e que se desequilibrou por moi pouco a prol dos nosos. Un enfrontamento no que se viron catro goles nos primeiros corenta e cinco minutos deixando encamiñada a vitoria para os nosos cos tantos de Brais Abelenda, Aythami e Miki, facendo curto o asinado por Jonas. Non obstante, no segundo tempo Champi recortou diferenzas en menos de cinco minutos convertindo aos locais nun perigo constante, mais mandando os tres puntos cara Santiago.

Cincuenta anos.
Compos e Alondras son, sen dúbida, dous históricos do fútbol galego. Tanto é así que entre ámbolos dous conxuntos pódense contar un total de 33 precedentes, co primeiro con data de 1963, meses despois da fundación do equipo da capital. E de pouco mais tarde, tres anos despois, data a primeira e única vitoria ata o momento do cadro de Cangas en Santiago superando aos nosos por 2-3. A iso hai que engadir, a prol dos cangueses, 4 empates nun enfrontamento que, ao longo da historia, nos deixou importantes goleadas.
Co 4-0 como resultado máis repetido, nun total de 4 ocasións; as goleadas branquiazuis sucedéronse ao longo da historia repetíndose en 2 tempadas consecutivas o 5-0 e, algo antes, un 6-0 que significou a vitoria con maior diferenza. Aos anteriores hai que engadir un 8-3 na tempada do último ascenso á Segunda B con ata catro dobretes asinados por Joselu, Martín, Jacobo Tato e Franqueira. 

Unha baixa segura. 
Para esta cita, tan dura coma importante, Yago Iglesias podería recuperar a Alberto no centro do campo. O negreirés xa está recuperado da lesión que o apartou dende o pasado verán e só precisa da confianza do adestrador para estrearse este curso. Por contra, non poderá ter á súa disposición a todo o equipo pois Samu, cunha escordadura de nocello, será baixa por segunda xornada consecutiva. 
No capítulo de sancións, de momento non hai ningunha baixa para esta fin de semana. Non obstante, Piscu, Uña, Remeseiro e Aythami, que viu tres cartóns nas tres últimas xornadas, chegan a esta cita con catro cartóns amarelos cada un e a posibilidade de non poder estar na Grela a vindeira fin de semana. 

De novo na casa.
Tres semanas despois de despedir a primeira volta no Vero Boquete de San Lázaro, o fútbol volve á capital galega este domingo ás 17 horas. Un enfrontamento no que se medirán Compos e Alondras e cuxas entradas terán un prezo de 10 euros para non aboados maiores de 18 anos, mentres que aboados e menores de idade poderán pasar totalmente de balde. 
Por contra, quen non poida achegarse ao teatro dos soños santiagués, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma da Esedé. Ademais, poderá escoitarse en directo na 'Esedé Radio', a través da web oficial do clube, e verse, previo pagamento de 2,99 euros, na web de Footters. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario