O Compos volveu ao camiño do triunfo e fíxoo no mellor xeito posible. Os de Yago Iglesias golearon ao Céltiga nun gran encontro e cun segundo tempo para recordar. Un encontro que, ademais, quedará marcado pola estrea de Chechu no once titular nun equipo cun cambio de sistema, pasando a xogar con tres defensas e dous homes en punta. Ao anterior hai que engadir a mellor actuación de Alex Ares no que vai de tempada, asinando dous goles, o segundo dobrete de Brais Abelenda e o segundo na conta de Rubén logo de entrar unha vez máis dende o banco aproveitando á perfección os minutos cos que conta.
Dominio e tranquilidade.
O primeiro tempo dos nosos na Illa de Arousa foi tranquilo, coa posesión do esférico e ocasións na portería defendida por Marcos para chegar ao tempo de lecer cunha vantaxe superior. Unha serie de chegadas que arrincaron coa primeira oportunidade de inaugurar a conta particular de Chechu a balón parado. Unha ocasión que se sucedeu rapidamente co primeiro disparo, desde fóra da área, de Alex Ares que mandou a córner o gardamallas.
E chegou. Superado o cuarto de hora, á terceira chegou o gol. Alex Ares, o mellor do encontro, buscou asistir a Aythami mais o disparo do canario rexéitao o porteiro local. O balón recólleo Brais Abelenda e non perdoa diante de Marcos para inaugurar o marcador.
Xa por diante no marcador, os de Yago Iglesias a piques estiveron de ampliar distancias antes do tempo de lecer en varias ocasións. Un equipo moi ofensivo, con dúas puntas e outros catro xogadores en segunda liña de ataque, e que puido aumentar a conta tanto Santi, cun disparo que saiu logo de petar no pau, coma de Brais Abelenda e Aythami, autores das ocasións máis importantes dos minutos finais da primeira metade.
Pau.
A segunda metade arrincou cunha diferenza no marcador escasa e que non tardou en neutralizar o Céltiga. O equipo arousán, despois de só dez minutos dende a reanudación do xogo, aproveitou a primeira e única ocasión que tiveron diante de Lorenzo para buscar manterse con vida. Un gol de Aram nun córner que deixou claros, unha vez máis, os problemas dos nosos para defender as xogadas a balón parado.
E reacción para recordar.
Os últimos vinte minutos do Compos non serán doados de esquecer tanto na Illa como en Santiago. Demostrando un nivel moi superior ao das últimas datas, Alex Ares deixou mostras do nivel que o fan ser o mellor xogador da categoría. Acompañado por Brais Abelenda, o de Pontedeume puxo de novo por diante aos nosos logo dunha asistencia de Santi, pechando así unha boa chegada por banda do ex do Racing de Ferrol.
De novo por diante no marcador, en menos de dez minutos chegaron outros dous goles cos que sentenciar a vitoria branquiazul. O propio Brais Abelenda, autor do primeiro tanto e peza fundamental no segundo, non quixo desaproveitar a ocasión de aumentar distancias. Un tanto que naceu nun saque de falta de Alex Ares e que peinou, sen sorte, un defensa local.
Cos papeis cambiados, o cuarto arrincou nas botas do de Bembibre. Xogando para Ares, a pelota chegou polas botas de Miki e Aythami, que non dubidou en asistir ao eumés, que asinaba o seu dobrete logo de superar a Marcos no man a man.
Xa sen ningunha das dúas estrelas do encontro sobre o campo, Rubén quixo aproveitar unha vez máis os minutos cos que está a contar logo da súa recuperación. O vilagarcián, logo de menos de dez minutos sobre o terreo de xogo, non quixo perdoar para facer o quinto e definitivo da tarde pechando definitivamente unha xeira negativa nunha fin de semana na que acompañaron o resto de resultados.
Cinco goles, tres puntos e pechando unha xeira de tres xornadas sen gañar. Unha vitoria que non mete de novo aos nosos nos postos de promoción de ascenso pero que deixa unha diferenza de só un punto con respecto ao cuarto clasificado e seis co líder, que suma dous empates consecutivos.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Casas, Piscu, Chechu; Mon, Remeseiro; Miki, Santi (Josiño, min. 75), Alex Ares (Saro, min. 81); Brais Abelenda (Rubén, min. 79) e Aythami.
CARTÓNS: Amarelo para Aythami.
GOLES: 0-1 16' Brais Abelenda, 1-1 55' Aram, 1-2 67' Alex Ares, 1-3 74' Brais Abelenda, 1-4 77' Alex Ares, 1-5 87' Rubén.
CAMPO: Salvador Otero.

Ningún comentario:
Publicar un comentario