A vitoria, na Illa

Despois do empate fronte ao Lugo B na Cheda, nun encontro onde os nosos recuperaron boas sensacións e mereceron facerse cos tres puntos, o Compos buscará o triunfo que escapa dende o pasado mes de decembro no Salvador Otero contra un Céltiga en horas baixas. Un partido entre dous equipos obrigados a gañar para, neste comezo da segunda volta, achegarse ao bo camiño polos seus respectivos obxectivos, moi diferentes neste curso.


Primeira volta para esquecer.
Os da Illa de Arousa, cuxo obxectivo non é outro que a permanencia, non puideron facer unha boa primeira metade do campionato rematando na penúltima posición da táboa. Non obstante, o comezo da segunda serviu para dar vida aos de Javier Rey cun triunfo na Porta Santa que os deixa a só dous puntos dos postos de permanencia, que agora mesmo marca o Lugo B.
Con 17 puntos en 20 xornadas, os arousáns conseguiron un total de 5 vitorias, 2 empates, na Malata e en Espiñedo, e 13 derrotas entre as que destaca a sufrida fronte ao Ourense CF no Salvador Otero, onde recibiron un total de 8 goles protagonizando a maior goleada do que vai de curso. A todo o anterior hai que engadir un total de 16 goles a favor, que o sitúan como o segundo equipo con menos gol da categoría, e os 39 en contra que o fan liderar a clasificación de goles encaixados xunto co Ribadumia.
Para moitos, xogar na casa é sinónimo de fortaleza. Non é o caso dos da Illa de Arousa, que só conseguiron 6 de 27 puntos posibles diante dos seus afeccionados. 2 triunfos, contra Paiosaco e Choco, e 7 caídas con 5 por 2 ou máis goles de diferenza. Un equipo que non foi quen de deixar a súa porta a cero nunca no Salvador Otero, só foi quen de facelo en Porriño, e que quedou sen marcar en ata 6 enfrontamentos ante os seus.
Con xogadores coma os ex do Compos Juanín Rey ou Jacobo, Diego Lamas foi unha das pezas fundamentais con 3 goles para un equipo con ata 13 autores diferentes. A el hai que engadir a chegada de Edu Otero procedente do Ourense CF, co que fixo 4 goles debutando con gol na Porta Santa cos seus novos compañeiros. Ademais, Sebas González, dende o Gerena, e Igor Sevivas, do Arenteiro, reforzaron as filas do conxunto branquivermello.

Manter o feito na Cheda.
Malia non conseguir o mellor resultado posible, o encontro na Cheda contra o filial do Lugo deixou moi boas sensacións despois das dúas últimas derrotas consecutivas dos nosos. Un arrinque de segunda volta case inmellorable de non ser porque as ocasións, numerosas, non quixeron entrar na portería defendida por Cacharrón. Por sorte, a cara do partido, Santi fixo un gol co que soñar. Por contra, a cruz, un erro de Uña en defensa custou dous puntos de ouro.
Quen, ademais de boas sensacións, conseguiu un bo resultado foi o Céltiga. Os de Javier Rey, que chegaban logo de 9 derrotas consecutivas, racharon cunha xeira moi negativa cun triunfo na Porta Santa contra o Paiosaco grazas aos goles de Pillado, Edu Otero e Pazos, facendo inútil o asinado por Eloy para os locais.

Tres décadas.
Compos e Céltiga medíronse por primeira vez hai máis de 30 anos. 33 anos de fútbol entre dous históricos do fútbol galego que, por contra, non chegaron a verse as caras durante case vinte anos. Enfrontamento con clara cor branquiazul despois de 11 vitorias dos nosos, 2 empates e 2 derrotas arousás, as dúas na Illa.
Reducindo o pasado ao Salvador Otero, o Compos non foi quen de sumar de tres ata a terceira visita, logo de 2 derrotas consecutivas. Os triunfos branquiazuis, 4 en 7 citas, péchanse ata o momento cun 0-5 asinado a finais de 2017, na primeira volta do curso pasado con 3 goles de Santi e 2 de Alex Ares.
Algo máis recente está a vitoria branquiazul no Vero Boquete na segunda xornada do campionato grazas aos goles de Sergio Pereira, Brais Abelenda e Aythami.

Tres xornadas.
Un Compos en horas baixas chegará ao Salvador Otero coa única intención de rachar unha das xeiras máis negativas dos nosos dos últimos meses. E é que os de Yago Iglesias só conseguiron 1 dos 9 últimos puntos en xogo igualando o peor momento da primeira volta coas derrotas de Bergantiños e Arosa e empate fronte ao Racing de Ferrol, aumentando esa xeira negativa unha semana máis co empate na Malata. 
Ao anterior cabe engadir que o Compos non gaña a domicilio dende a visita ao Lourambal, cando superou ao Porriño Industrial por 0 goles a 2, obra de Casas e Aythami. Dende esa saída, 4 empates a domicilio e a derrota no Candocia para entrar nunha dinámica de resultados negativa despois de 10 puntos de 12 posibles nas 4 primeiras saídas do campionato. Non obstante, algo positivo nos enfrontamentos dos nosos fóra do Vero Boquete é que só quedaron sen marcar nos empates contra Racing de Ferrol e Arenteiro, aos que aumentar a vitoria en Porriño para ter os partidos nos que os nosos non recibiron ningún gol. 

Chechu e Casas poden estar.
Presentado en Santiago a comezos desta mesma semana, Chechu Meneses podería estar ás ordes de Yago Iglesias este mesmo domingo. Xunto co balear, outro que pelexará por un posto no centro da defensa será Álvaro Casas, que xa pode volver ao equipo logo dunha semana fóra por sanción. Por contra, non poderá estar, unha semana máis Alberto, pechando fases na súa recuperación.
Por outro lado, Remeseiro, Piscu e Uña chegan a esta cita apercibidos de sanción de non poderían estar fronte ao Alondras a vindeira fin de semana de ver un cartón amarelo na Illa. 

Domingo de chuvia. 
A chuvia e o frío marcarán unha nova tarde de domingo. Na Illa de Arousa, no Salvador Otero, non será para menos e alí buscarán os tres puntos Compos e Céltiga a partir das 16:45 horas. O campo arousán, un dos máis fermosos da nosa categoría, e que recibirá aos afeccionados con entradas a 10 euros. 
Por contra, quen non poida viaxar á Illa, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e oficial do clube branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario