Dous puntos menos

O Compos volveu puntuar despois de dúas derrotas e o fixo cun empate logo dun bo encontro no que deixaron boas sensacións. Moi superiores ao rival, os de Yago Iglesias non puideron facer máis dun gol, insuficiente á hora de conseguir o premio merecido. Un gol de Santi, despois dun gran número de ocasións sobre a meta defendida por Cacharrón, e outro de Escobar serviron para deixar o enfrontamento en táboas sobre o verde artificial da Cheda.


Fermoso primeiro tempo.
Cunha ocasión de Santi aos vinte segundos de partido arrincaba un primeiro tempo que se presumía cheo de emoción e cos nosos tentando levar o peso do xogo. Liñas adiantadas e presión dende a zaga lucense para buscar un erro defensivo dos locais que non chegou. Unha superioridade branquiazul que durou case vinte minutos cos branquivermellos só capaces de rachar esa intensidade dos nosos cun fútbol de toque, lento en defensa e buscando balóns longos polas bandas para probar a Anxo.
Santi e Aythami foron, sen dúbida, os nomes propios dos nosos en traballos ofensivos mentres que Uña convertiuse, unha vez máis, nunha dor de cabeza constante para os atacantes locais con Escobar buscando materializar as mellores ocasións atopándose sempre coa defensa branquiazul ou ben con Lorenzo, que volveu a un partido oficial despois da oportunidade para Anxo.
A iso hai que engadir, unha semana máis, uns minutos de fútbol no centro do campo onde os nosos non puideron impoñerse tanto recibindo dous cartóns que puideron marcar o rumbo do encontro.

Segundo tempo de dominio.
O segundo tempo arrincou do mesmo xeito que o primeiro. Un Compos superior e que buscaba levar o ritmo do encontro mais incapaz de materializar as boas oportunidades, numerosas, sobre a portería defendida por Cacharrón con Brais Abelenda, Aythami e Santi como nomes propios dun partido que non tivo o mellor desenlace posible. 
Foi o dianteiro lucense o encargado, logo de quince minutos, o autor dun gol que parecía cambiar o rumbo dun equipo en horas baixas. O tanto co que se adiantaban os nosos chegaba segundos despois dun disparo ao pau de Miki cuxo rexeite caza Abelenda para centrar a Santi e que este non perdoe coa zurda. Un bo gol máis que merecido para un Compos moi superior. 

Escobar.
Logo do tanto branquiazul, o encontro foi aínda máis para os nosos, donos do esférico e autores das mellores chegadas sobre a porta contraria, pero sen a sorte precisa para asinar o segundo gol da mañá, tan necesario coma merecido para un Compos cada vez máis superior. 
Desaparecidos en ataque, o Lugo B non precisou de máis ca unha oportunidade para evitar que os tres puntos viaxaran cara Santiago. O balón que queda morto na área, Uña non é quen de despexar e aparece Escobar. O dianteiro albivermello tira pero a pelota peta en Lorenzo, que tampouco pode sacar a pelota da área e non perdoa á segunda. 
Autor dun gran número das ocasións locais e do gol co que conseguiron evitar a primeira vitoria branquiazul deste novo ano. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Piscu, Uña, Naveira; Samu (Ares, min. 73), Mon; Miki (Josiño, min. 89), Abelenda, Santi; e Aythami (Rubén, min. 66).
CARTÓNS: Amarelos para Samu, Aythami, Piscu, Mon e Uña.
GOLES: 0-1 60' Santi, 1-1 79' Escobar. 
CAMPO: A Cheda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario