Punto

O Compos conseguiu en Barraña un punto importante contra un Boiro que a piques estivo de dar a sorpresa. Un mal partido por parte dos dous equipos sobre un campo cheo de auga con escasas ocasións e erros que puideron deixar tocado a un equipo que non puido aproveitar a derrota desta mesma mañá do Bergantiños. Aínda así, un punto importante no treito final que mantén, polo de agora, ao equipo no segundo posto á espera do que faga a UD Ourense nos 45 minutos do derbi e o Barco fronte ao Paiosaco. 


Primeira metade sen nada.
Os dous equipos saltaron ao terreo de xogo sabedores de que calquera erro podería saír moi caro a calquera. Con iso, ningún buscou arriscar durante uns corenta e cinco minutos rematando un primeiro tempo aburrido, sen perigo en ningunha das dúas escadras, cos porteiros como espectadores. 
Os nosos, algo superiores en traballos ofensivos, non foron quen de poñer en apuros a unha defensa boirense que se mostrou moi segura evitando algún que outro susto. Non obstante, nada que destacar antes do tempo de lecer, que cambiou o ritmo do xogo. 

Algo de ritmo. 
O paso por vestiarios fixo que os dous equipos aumentasen un pouco o ritmo do encontro. Foi tal a mellora do xogo que o Boiro tardou algo máis de cinco minutos en ter a primeira clara, nunha contra, grazas á velocidade dos seus atacantes. Unha primeira ocasión que, ademais, supuxo o primeiro tanto do encontro que asinou Álvaro Casas no intento de sacar a pelota sobre a liña, sen sorte. 
Por debaixo no marcador e cos dous primeiros trocos xa realizados, os de Yago Iglesias melloraron ata o punto de non precisar moito máis de cinco minutos para obter a primeira clara sobre a portería defendida por Rodri, cun testarazo de Remeseiro que saiu por moi pouco. 
Mais a sorte decidiu dar as costas ao equipo branquiazul, que precisou de tempo para poder asinar un punto merecido á par que importante. Un gol, obra de Piscu coa cabeza a cinco minutos para o final, que serve para volver cun empate dun campo complicado mantendo a calidade de invicto lonxe do Vero Boquete de San Lázaro, onde haberá que facer bo o resultado a vindeira fin de semana contra o Choco. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Piscu, Sergio Pereira; Mon (Samu, min. 56), Remeseiro (Santi, min. 70); Ares, Josiño (Miki, min. 56), Abelenda; e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelo para Mon. 
GOLES: 1-0 51' Casas en p.p., 1-1 86' Piscu.
CAMPO: Barraña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario