Compos e Choco buscarán este domingo tres puntos moi importantes sobre o verde do renomeado Estadio Municipal Vero Boquete de San Lázaro. Un partido entre un equipo que quere manterse na parte alta da clasificación, tarea complicada coa igualdade que hai entre os seis primeiros clasificados, e outro que intenta mellorar o seu arrinque de tempada que o sitúan a tres puntos dos postos de descenso. Un Choco que pasou de ser un rival polos postos altos a ser un máis na loita pola permanencia.
1 punto.
Se o equipo redondelán está a día de hoxe a só tres puntos dos postos de descenso é, en boa parte, polos resultado conseguidos lonxe de Santa Mariña. Fortes na casa, onde non perderon ningún partido ata o de agora, e febles a domicilio, onde só asinaron un empate en seis xornadas. Ademais, trátase dun equipo con gol tanto a favor como en contra, con só un gol anotado máis ca os recibidos.
Logo de doce xornadas de liga, suman un total de 15 puntos. Con 4 triunfos, algún importante como a goleada conseguida en Santa Mariña fronte ao Racing Vilalbés, 3 empates e 5 derrotas, o equipo dirixido por Gonzalo Fernández asinou un total de 18 goles, sexto equipo que máis viu portería, e recibiu un total de 17, 11 deles lonxe da casa.
En canto aos partidos como visitantes, chegarán este domingo a San Lázaro coa única intención de rematar coa xeira negativa de resultados que fan que non sumen de tres lonxe da súa afección. De feito, a domicilio, só conseguiron 1 punto de 18 posibles grazas a un empate na Grela hai dúas semanas. Antes, 5 derrotas, 4 delas pola mínima caendo só no Couto por máis dun gol de diferenza.
A nivel individual, contan cunha peza en defensa que non conta con minutos dende a segunda xornada. Javi, que chegou a Redondela hai dúas tempadas procedente das filas do Coruxo, ao que chegou dende Santiago. Ademais, xogadores coma Félix e Óscar Comís aseguran o gol nas filas od Choco con 5 e 4 goles respectivamente.
A última, en San Lázaro.
Mes de maio. Derradeira xornada do campionato regular. Un Compos campión pensando xa na promoción de ascenso, xogou a medio gas contra un Choco que chegaba a San Lázaro sen nada en xogo. Aí chegou a última vitoria do equipo redondelán grazas aos goles de Gabi e Chiqui, un triunfo que buscou evitar Tomás no treito final sen sorte.
Dende esa última visita a Santiago, medio ano sen poder sumar de tres lonxe de Santa Mariña en partido de liga e agora buscarán repetir os resultados conseguidos por Bergantiños e Arosa, únicos que puideron facerse co triunfo na capital galega.
Ao anterior hai que engadir que foi a única vitoria redondelá na capital galega ao longo da historia dos dous equipos, unha historia en común que arrincou alá polo ano 1963 co primeiro enfrontamento, que contou con dez citas en total, e nas que só gañou o cadro pontevedrés nunha ocasión. Ademais, 5 triunfos dos nosos, só un dende o 1965, e 4 empates.
Bo momento.
Sen dúbida, os dous equipos chegan nun bo momento a este partido. O Compos encadea a día de hoxe 5 xornadas consecutivas sen perder. Con 3 empates e 2 vitorias, os de Yago Iglesias chegan a esta cita coas 2 únicas derrotas encaixadas en San Lázaro, onde quedaron 4 dos 6 últimos puntos.
Pola súa parte, o Choco asinou 7 dos últimos 9 puntos en xogo grazas ás vitorias contra Alondras e Paiosaco, nos dous casos pola mínima, e o empate na Grela que supuxo o primeiro punto a domicilio de todo o curso. Ademais, hai que sumar outros 3 puntos en dúas xornadas máis, chegando con 10 de 15 puntos posibles no último mes. A iso hai que engadir que asinaron 6 goles nos 3 últimos encontros.
Só queda un!
A enfermaría branquiazul vacíase pouco a pouco e despois de recibir a alta David Uña, xa dispoñible para cando Yago Iglesias o vexa preciso, agora é Rubén o que fai traballo co resto dos seus compañeiros. O vilagarcián, que chegou a este arrinque de tempada lesionado, poderá contar cos seus primeiros minutos nas vindeiras datas. Pola súa parte, Alberto segue coa súa recuperación facendo traballo específico. Ademais, hai que inaugurar a lista de apercibidos de sanción con Mon, que viu o cuarto cartón amarelo a pasada fin de semana e podería non estar en Espiñedo.
Un recén ascendido.
O colexiado desta nova cita dos nosos será o ourensán Pérez Martínez. Recén ascendido á Terceira división será a súa terceira vez na categoría despois das vitorias do Silva no Morrazo e do Arosa sobre o Paiosaco na Lomba. Por outro lado, será a primeira ocasión na que imparta xustiza nun enfrontamento tanto do Compos coma do Choco.
Mesmo escenario con novo nome.
Cun novo nome, o Vero Boquete de San Lázaro, abrirá as súas portas este domingo ás 17 horas para presentar a primeira homenaxe á futbolista santiaguesa, agora nas filas do Beijing BG Phoenix chinés, gañadora de grandes títulos entre os que se atopa unha Copa de Europa sendo o maior fito conseguido por un futbolista da nosa cidade. Un enfrontamento para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para non aboados e de balde tanto para aboados coma para menores de 18 anos.
Por contra, quen non poida asistir ao Vero Boquete de San Lázaro, poderase seguir a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube, ademais de escoitarse na 'Esedé Radio', na web oficial do Compos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario