Barraña mide a mellora

O Compos visitará este domingo un dos campos máis complicados do campionato. Barraña abrirá as súas portas para recibir a un equipo que buscará manterse polo bo camiño despois de dúas vitorias consecutivas. Diante, como local, un Boiro que encadea catro derrotas consecutivas despois de estar a dous puntos dos postos de promoción de ascenso. Un partido complicado nun campo historicamente complicado para os nosos.


Superando problemas.
O Boiro arrincou esta tempada logo de superar uns serios problemas que a piques estiveron de provocar a súa desaparición o pasado verán. Uns serios problemas nos que o anterior presidente, David Places, meteu ao clube e dos que o tivo que sacar no último momento o ex xogador do Compos, entre outros, Changui. O dianteiro boirense, ante a falta de xente que mantivera con vida o equipo, decidiu tomar o control da presidencia... e seguir un ano máis marcando goles para o equipo onde comezou a súa carreira deportiva.
Os goles de Changui e compañía levan ao cadro boirense á zona media da táboa cun total de 13 puntos. Catro vitorias e un empate, ademais de seis derrotas, avalan a un equipo cuxo obxectivo non é outro que o de manterse na categoría en tódolos sentidos. A iso hai que engadir un total de 13 goles a favor e 18 en contra, 10 deles nas 4 últimas citas.
En Barraña, onde xogaron un total de 5 encontros ata o de agora, só conseguiron sumar de tres contra Laracha e Ourense CF. Por contra, sen reparto de puntos en ningunha cita, os seus esforzos quedaron sen premio contra Ribadumia, Céltiga e Silva en tres derrotas nas que só puideron facer un gol.
A nivel individual contan cun gran número de xogadores con experiencia na categoría. Comezando pola portería defendida por Rodri e unha defensa con vellos coñecidos pola afección branquiazul, con Paco e Pablo Vidal nos laterais e Ander e Cardeñosa no centro da zaga, un forte centro do campo e unha dianteira con Changui como maior referente autor de 6 goles.

Campo complicado.
Historicamente, Barraña non é un campo doado para o Compos. Con visitas en Preferente e Terceira división, o Compos só puido celebrar un triunfo que data do mes de febreiro. Ademais, tres vitorias locais pola mínima e dous empates nun enfrontamento no que os nosos conseguiron puntuar sempre que viron portería.
Mais, esa pouca sorte coa que contaron os nosos ao longo da historia para ver porta no campo barbanzán compénsase co dato de que tódolos equipos que pasaron por alí no que vai de curso viron portería. De feito, o Boiro non deixa a súa porta a cero na casa dende o pasado mes de xaneiro, cando superaron por 3 goles a 0 ao Racing Vilalbés.

Moito gol sobre o verde.
Malia non contar cun referente de cara a porta, o Compos chega a Boiro sendo o equipo máis goleador do campionato. Un equipo con grandes atacantes dende o centro do campo cun bo xogo de toque e moito perigo de cara a porta dende as bandas. A iso hai que engadir a un total de 9 goleadores e a importancia da segunda liña, con Alex Ares e Abelenda con 4 goles cada un. Despois, na táboa aparecen nomes coma Santi ou Aythami, con 3 tantos.
Por parte do Boiro, boa parte dos seus tantos foron obra dun xogador cunha carreira na que suma máis de 300 goles. Changui, que volve aos seus inicios, recibirá na súa casa ao equipo que o fixo probar sorte por primeira vez na máxima categoría do fútbol nacional. Un dianteiro que leva 6 goles en 10 partidos, cun gol cada 140 minutos.

Vellos coñecidos.
Se hai algo claro nas filas do Boiro é que moitos coñecen moi ben ao Compos. Ata cinco pezas importantes nos plans do cadro de Barraña contan con pasado branquiazul ocupando toda a defensa boirense e o posto de dianteiro centro, dúas labores moi importantes no equipo dirixido por Rubén López. 
Na zaga, dous laterais que compartiron vestiario na 2011/12, en Preferente, conseguindo o ascenso á Terceira división logo dunha tempada para a historia. Paco e Pablo Vidal, donos das bandas en Barraña, comparten vestiario seis anos despois. Ademais, son os encargados de evitar os goles xunto a outros dous centrais que vestiron a branquiazul máis recentemente. Ander Bellido chegou a Boiro despois dun gran ano no Estradense no que gañou experiencia e demostrou un gran nivel logo dunha tempada nas filas do Compos onde non puido contar con minutos. Esa mesma tempada na que estivo na Esedé foi compañeiro doutro central que deixou o clube este pasado verán logo de ser campión de liga. E é que Cardeñosa volveu a Boiro para vestir a camisola branca catro anos despois da súa marcha rumbo ao Arosa, previo paso a San Lázaro.
Mención a parte merece o dianteiro boirense Changui. Aos seus 41 anos, o dianteiro volveu á súa casa para facerse cargo da presidencia e dos goles barbanzáns. Con máis de 20 anos de carreira profesional, que arrincou en Santiago defendendo as cores dun Compos co que puido debutar en Primeira, suma máis de 300 goles entre a Primeira división e a Primeira Autonómica, marcando en tódalas categorías. Un futbolista, non obstante, non moi querido en San Lázaro logo dunhas declaracións polémicas cando defendía as cores do Elche e se xogaba a permanencia no final da liga en Segunda ao igual que os nosos. 

Catro. 
O último mes quedará no recordo dos dous equipos por resultados non tan positivos como gustaría nas dúas escadras. O Boiro suma xa catro xornadas sen puntuar mentres que o Compos saiu como puido dunha mala serie de resultados con dous empates e outras dúas vitorias sufrindo que o deixan de novo en posicións privilexiadas.
Comezamos co equipo que fará de local este domingo. O Boiro conseguiu puntuar por última vez o pasado 7 de outubro na súa visita a Lugo. Contra o filial lucense, acadaron unha vitoria importante con remontada incluida e un gol de Manú no tempo engadido. A partir dese partido entraron nunha mala dinámica de resultados perdendo contra Céltiga, Alondras, Silva e, o pasado xoves nun dos partidos que abría a xornada 11, contra o Paiosaco na Porta Santa malia comezar por diante no marcador. 
Pola súa parte, o Compos non se presentou nas mellores condicións no 'Tourmalet' branquiazul perdendo contra Bergantiños e Arosa malia facer dous grandes partidos en canto a xogo, non así coa efectividade suficiente en defensa nin en ataque, errando un penalti por partido. Peor xogo mais mellor resultado chegou na Malata, contra o Racing de Ferrol, nun partido sen goles e co terceiro penalti perdoado polos nosos. E o bo fútbol, aínda que sen o resultado merecido, volveu contra a UD Ourense nun empate a un gol grazas á gran actuación de Pato na portería vermella. Un gran traballo que acompañou ao equipo tamén nas dúas últimas citas, contra o Porriño Industrial no Lourambal e o Barco en Santiago, volvendo ao camiño da vitoria un mes despois. 

Cinco anos despois.
O colexiado encargado de impartir xustiza este domingo será o coruñés Espasandín Cores. Con experiencia na Terceira, á que volve despois de catro anos, pasou pola Segunda B asubiando a equipos coma Rayo Majadahonda ou Barcelona B, no partido polémico no que o filial barcelonés gañou por 12-0 ao Eldense. 
Na categoría, este curso é a terceira vez que se viste de curto logo da vitoria do Somozas ante o Racing de Ferrol en Pardiñas e o empate entre Porriño Industrial e Ourense CF, con 4 goles de media por partido. Pola súa parte, hai 5 anos pasou por San Lázaro para un Compos-Somozas e por Pasarón semanas despois para un Pontevedra-Compos, dous partidos que remataron con empate.

Non lles queda nada!
As dúas baixas, máis que coñecidas, no Compos están xa na derradeira fase das súas respectivas recuperacións. Tanto Alberto, cunha pubalxia, coma Rubén, cunha rotura do ligamento cruzado posterior no xeonllo esquerdo, comezaron xa a traballar sobre o verde do San Lázaro II e dentro de pouco volverán ao grupo. Ademais, non hai baixas por sanción nin apercibidos. 

Fútbol de sobremesa. 
O partido desta xornada 12 será en Barraña ás 16:30h, media hora antes do que nos estabamos a adoitar en Santiago. Un partido que, para o clube local, queda marcado como 'Día do Clube' polo que os seareiros locais terán que pasar tamén polas billeteiras, onde as entradas terán un prezo de 10 euros para todos. 
Por contra, quen non poida asistir ao encontro poderá seguirse en directo a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do Compos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario