Nova loita nos postos altos

Este domingo mediranse no Vero Boquete de San Lázaro dous dos equipos da zona alta da clasificación. O Compos, segundo na táboa, e o Laracha, sétimo, buscarán tres puntos moi importantes para non perder o camiño nas súas respectivas carreiras polo obxectivo ao final do presente curso. Un partido entre dous equipos que se distancian por 6 puntos e que queren facer bos os empates da pasada fin de semana nun campo onde os bergantiñáns non saben o que é puntuar sequera.


Unha boa sorpresa.
O Laracha arrincou a tempada con moi boas sensacións. Un equipo que conta coa inestimable axuda do Deportivo, o cal utiliza aos laracheses como un novo lugar onde dar minutos aos xogadores da base en calidade de cedidos, a cal está a dar os seus froitos. Tal é así que, actualmente, ocupan a sétima praza da táboa con 22 puntos, a só 6 dos postos de promoción de ascenso.
Logo de 14 xornadas, os laracheses contan con 6 vitorias ao seu favor e 4 tanto empates coma derrotas. Unha puntuación que supera o seu número de goles a favor logo de anotar 15 goles gañando boa parte dos seus xogos pola mínima, mentres que recibiron un total de 13, sendo o cuarto mellor equipo defensivamente superado polos dous primeiros clasificados e unha UD Ourense que está a facer unha moi boa tempada na súa estrea na Terceira división.
Fortes no Municipal, onde conseguiron 13 de 21 puntos posibles, conseguiron resultados moi igualados a domicilio. Con dúas vitorias por dous goles de diferenza no Carballiño e na Illa de Arousa, os seus triunfos con mellor resultado, conseguiron volver con empates ata en tres ocasións, sempre con gol, destacando o conseguido nas Eiroas chegando a ir por diante no marcador boa parte do segundo tempo. Ademais, dúas derrotas en Barraña e na Senra.
A nivel individual, contan cun bo número de xogadores chegados das categorías inferiores do Deportivo que están a dar un salto de calidade ao cadro larachés, que se salvou "grazas" á desaparición do Cerceda logo do descenso á Terceira. Entre eles, Iago Novo, autor de 5 goles. Ademais, nas filas do cadro dirixido por Óscar Gilsanz atópase o ex xogador do Compos Nacho Fernández, dianteiro que comeza a coller minutos mais sen sorte de cara a gol.

Coñece a vitoria, pero non en Santiago.
Logo de catro anos no banco do Racing Vilalbés, Óscar Gilsanz decidiu cambiar de aires este verán para tomar o mando do Laracha. Un adestrador que foi quen de levar ao equipo lugués á promoción de ascenso o pasado verán logo de dous anos quedando ás portas e que xa sabe o que é gañar ao Compos... mais non no Vero Boquete.
Nas dúas últimas tempadas, Compos e Gilsanz enfrontáronse en catro ocasións, dúas en Santiago e outras tantas na Magdalena. Na Terra Chá, conseguiu dous triunfos sen deixar opcións aos de Yago Iglesias mentres que na capital galega, foi o adestrador ribeirense o que se levou a vitoria sobre o verde.

Enfrontamento con moito gol.
Tanto na Preferente coma na Terceira división, Compos e Laracha xa saben o que é gañar ao outro e empatar nun emparellamento no que os nosos saen vencedores cunha ampla diferenza. Dita diferenza comezou alá polo ano 2007 grazas á goleada no Municipal a prol dos nosos por 3 goles a 6, con 7 goles antes da media hora de xogo. Esa mesma tempada, os nosos gañaron pola mínima na casa dando un paso máis cara á Terceira división.
Na tempada 2010/11, de novo na Preferente, a sorte foi para os bergantiñáns. Superiores no Municipal, onde gañaron por 2-0, conseguiron un punto importante en Santiago grazas a un xogo sen goles contra unha Esedé que non pasaba pola súa mellor tempada e que non podería sequera achegarse aos postos altos.
Mellor sorte no global para os nosos ao ano seguinte, cando conseguiron volver á cuarta categoría do fútbol español. Non obstante, o Municipal de Laracha foi imposible para un Compos que non foi quen sequera de marcar volvendo cun punto. Na segunda volta, en Santiago, o resultado foi moito máis positivo conseguindo unha goleada importante, 4-0, coa que achegarse un pouco máis ao obxectivo.
E chegamos xa á única ocasión na que coincidiron, ata o de agora, na Terceira división. Foi o curso pasado e, con algún que outro problema, viñeron os tres puntos cara Santiago grazas aos goles de Alex Ares e Primo, superando o anotado por Ballesteros. Por outro lado, en San Lázaro, o triunfo chegou tamén pola mínima grazas a un gol de Róber.

A facer bos os empates.
Compos e Laracha chegan a esta primeira xornada de decembro, a 15 do calendario de liga, despois de non poder pasar do empate a pasada fin de semana. Ámbolos dous conxuntos buscarán facer bos ese reparto de puntos coa única intención de volver ao camiño da vitoria, un camiño que perderon os de Gilsanz hai tres semanas.
Sen goles e sen fútbol. O partido entre Compos e Arenteiro rematou con moi pouco conto sobre o terreo de xogo en moi malas condicións por mor da chuvia. Un empate que ningún mereceu, nin puido, romper baixo unha intensa chuvia que complicou o ritmo do enfrontamento durante os noventa minutos.
Pola súa parte, o Laracha comezou perdendo no Municipal a mans do Paiosaco, que se adiantou cun gol de Pablo. Non obstante, antes do tempo de lecer chegou o gol local dende os once metros que permitía repartir os puntos. Un empate que mantén aos bergantiñáns na zona media e que aumentaba a tres as semanas sen gañar.

Decembro, un bo mes.
Na última década, o Compos suma a súa quinta tempada na Terceira galega, das cales tres remataron coa loita polo ascenso conseguindo o obxectivo en dúas. Nos catro cursos anteriores na categoría, o noso equipo rematou o ano do mellor xeito posible facendo un mes case perfecto.
O 2008, a Esedé asinou un total de 7 puntos de 3 partidos posibles. Con triunfos diante de Rápido de Bouzas e Coruxo, o ano rematou cun empate fronte ao Montañeros na Coruña. Cun partido máis, e tres puntos máis, rematou 2012 grazas ás vitorias fronte Celta B, Barbadás e Bergantiños, ás que engadir un empate sen goles contra o Órdenes.
Chegando a un momento máis recente, hai dúas tempadas, o Compos pechou tamén o 2016 sen perder, nesta ocasión con dous empates. Vitorias en Santiago fronte Cerceda e Barbadás e empates en Redondela e Negreira. E chegamos ao 2017, que rematou con pleno de vitorias ante Arenteiro e Choco.
Agora, o equipo dirixido por Yago Iglesias arrincará o mes contra o Laracha. Despois, Racing Vilalbés, Ribadumia e Somozas medirán as súas forzas contra un dos favoritos da categoría.

Dura semana.
Os nosos afrontarán contra o Laracha o comezo dunha semana intensa e un tanto diferente. E é que logo deste partido non haberá case tempo de recuperarse pensando xa na visita á Magdalena. Con horario xa oficial, o Compos visitará ao Racing Vilalbés o vindeiro xoves, só con tres días de preparación do segundo encontro da semana, logo do que haberá uns dez días sen partido oficial. 

Mon, baixa.
Para o partido desta fin de semana, Yago Iglesias poderá contar con boa parte do plantel. Alberto segue sendo baixa segura, ultimando a súa volta aos terreos de xogo, mentres que Mon non poderá estar por sanción, logo de ver o quinto cartón amarelo contra o Arenteiro. Ademais, Josiño depende da decisión do adestrador para estar ou non na lista definitiva mentres que Remeseiro será dúbida ata última hora.

Colexiado experimentado.
O árbitro de Monforte, onde é delegado de árbitros na súa terra dende este verán, López Parga será o encargado de impartir xustiza este domingo. O monfortino, que suma 8 tempadas na Terceira división, asubiará por quinta vez un partido dos nosos logo de facelo hai xa seis anos na derrota branquiazul en Bouzas. Tamén rematou con derrota pola mínima a visita, hai dous cursos, do Vilalonga a San Lázaro nun partido polémico no que os de Yago Iglesias non foron quen de superar a Iván Parada malia xogar lesionado boa parte do encontro facendo unha gran actuación. 
Máis sorte, aínda que tamén con vitorias pola mínima, houbo o ano pasado fronte a Barbadás a domicilio e Noia en Santiago. Contra os noieses expulsou a Ube por dobre amoestación. 
No que vai de tempada, será a terceira vez que se vista de curto na categoría logo do Somozas-Porriño Industrial e o Arenteiro-Silva, dous partidos cun expulsado como factor común. 

Comezamos! 
O Compos dará comezo a unha semana importante este domingo recibindo ao Laracha no Vero Boquete de San Lázaro. Ás 17h, no teatro dos soños branquiazul arrincará un partido importante para os nosos, que buscarán a terceira vitoria consecutiva e cuarta xornada sen perder na casa. Un enfrontamento para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos e de balde tanto para aboados como para menores de idade. 
Por contra, quen non poida asistir poderá seguir o encontro en directo a través das contas de Twitter de Curva Branquiazul e do clube branquiazul. Ademais, poderá escoitarse a través de 'Esedé Radio', na web oficial e verse en directo en Footters por só 2,99 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario