O Compos conseguiu sacar un punto dun duro encontro fronte ao Arenteiro. Baixo unha intensa chuvia que fixo estragos no céspede do Espiñedo, ningún dos dous equipos puido amosar as súas mellores cartas. Iso e a falta de sorte á hora de finalizar as xogadas fixo que o partido rematase sen goles nin moito fútbol que destacar.
De menos a máis.
O partido comezou cunha igualdade que buscou desfacer o cadro branquiazul co paso dos minutos. Non obstante, o estado do terreo de xogo, que empeorou aínda máis co paso do tempo, evitou que o Compos puidera facer o seu xogo habitual co que achegarse facendo perigo á porta defendida polo Arenteiro.
Coa auga, os problemas aumentaron á hora de controlar o esférico sobre todo para un Aythami que tivo diante de Rui que tivo dúas claras durante a primeira metade. Ao canario, que non tivo sorte coa pelota, houbo que engadir outras dúas oportunidades claras de Brais Abelenda que sacou por moi pouco o gardamallas portugués.
Pola súa parte, Anxo contou con algo máis de traballo que fronte ao Choco cunha chegada moi perigosa de Pol. A iso hai que engadir tamén, un gran número de faltas e un cartón amarelo por equipo, algo que se dobraría nun segundo tempo con menos fútbol.
Máis do mesmo.
A segunda metade, con máis chuvia e máis auga sobre o verde, complicouse o fútbol para os nosos. Sen posibilidade algunha de realizar o xogo característico dos de Yago Iglesias, as oportunidades, moi escasas, pasaron polos pés de Brais Abelenda, incapaz sequera de poñer en perigo a Rui. Ademais, o de Bembibre tivo unha terceira oportunidade, con máis sorte, que sacou baixo paus Portela, cando parecía que o esférico entraría na portería.
Máis faltas, máis cartóns e menos fútbol nun campo que xa semellaba unha piscina. A iso hai que sumar que non houbo máis oportunidades de gol nos segundos corenta e cinco minutos que remataron co Arenteiro quedando con dez homes sobre o terreo de xogo, logo da expulsión Pol por cartón vermello directo por unha entrada sobre Ube.
Un mal partido en xeral que nos deixa coa segunda posición empatados a puntos co Racing de Ferrol conseguindo que o Bergantiños poida poñer máis terra de por medio. Ademais, Mon non poderá estar fronte ao Laracha na vindeira xornada por acumulación de cartóns.
ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Piscu, Uña, Naveira; Casas, Samu; Mon (Ube, min. 80), Ares (Santi, min. 90), Abelenda; e Aythami (Miki, min. 73).
CARTÓNS: Amarelos para Saro, Uña e Mon.
GOLES: 0-0.
CAMPO: Espiñedo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario