Vitoria e bo xogo

O Compos conseguiu tres puntos máis no Vero Boquete de San Lázaro contra un Laracha que non foi capaz de realizar o seu xogo. Un bo partido dos nosos e unha efectividade total de cara a porta que nos deixa con tres puntos, mantendo o segundo posto e recortando dous ao Bergantiños. Por outro lado, o equipo larachés anotou un gol cando os locais xa tiñan o encontro sentenciado e a piques estivo de dar algún que outro susto. Un gol en propia porta, Aythami e Abelenda serven para encadear unha semana máis sen perder pensando xa no xoves, no Racing Vilalbés nun encontro que nos deixou a volta de Rubén á acción logo dunha lesión que o tivo fóra dos campos dende a pretempada.


Dominio total.
O primeiro tempo tivo un claro dominio branquiazul. Contra un Laracha que saiu coa intención de loitar a posesión da pelota aos nosos, o Compos buscou realizar o seu fútbol e non tardou nin cinco minutos en meter aos bergantiñáns no seu propio campo precisando algo máis para probar a Santi Canedo na primeira ocasión do encontro, ocasión que rematou en gol. 
O perigo chegou polas bandas, con Naveira atopando unha vía libre ata a área visitante pola esquerda durante os primeiros corenta e cinco minutos. De feito, foi o lateral coruñés o autor da xogada coa que se abriría o marcador. Unha xogada que arrincou nas botas de Alex Ares, cun pase para Brais Abelenda e balón para o ex do Fabril, que a puxo de marabilla na área pequena onde Iago Parga, buscando despexar, mandou o esférico ao fondo das mallas. 
Un gol que serviu para gañar aínda máis importancia sobre o verde para un Compos que non permitiu ao rival fiar máis de dous pases seguidos e, moito menos, pasar do centro do campo coa pelota xogada. Non obstante, o fútbol dos nosos non foi moito mellor. A medio gas, con moitos pases na metade do campo larachés, e aínda así conseguindo crear un perigo que levou aos de Yago Iglesias a facer o segundo antes da media hora de xogo. Un tanto cuxa xogada pasou tamén polas botas de Brais Abelenda buscando un centro para Santi. Un defensa busca cortar a ocasión pero aparece Aythami e pon a pelota na escadra, imposible para o gardameta.

Tranquilidade total.
Sesenta minutos por diante, dous goles de diferenza e co Laracha desaparecido. O Compos baixou o ritmo do encontro aínda que mantendo a posesión do esférico durante o resto do primeiro tempo e os primeiros intres do segundo, ata que chegou o terceiro tanto co que asinar a sentenza. Un bo gol á contra que finalizou con Santi asistindo e Brais Abelenda, que fixo o seu sexto tanto do que vai de curso sendo o máximo goleador do equipo. 
Tres de vantaxe con corenta minutos por diante. Se a Esedé estaba a xogar a medio gas ata o momento, a intensidade do xogo branquiazul baixou aínda máis permitindo, agora si, manter algo máis a posesión aos bergantiñáns. 

O Laracha puido dar un susto. 
Durante os últimos vinte minutos foi o cadro larachés o que quixo levar o ritmo do partido probando en varias ocasións, sen demasiado perigo, a Anxo. Non obstante, levaron o premio do gol, obra de Manuel Mosquera, con doce minutos por diante nos que buscaron algunha que outra oportunidade máis sobre a portería branquiazul. 
Un final de partido que deixou as boas sensacións tanto de David Uña, que volvía despois dunhas semanas de ausencia, e Rubén, que se estreou neste curso con algo máis de vinte minutos. 

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas (Uña, min. 51), Piscu, Naveira; Samu (Ube, min. 79), Remeseiro; Santi, Alex Ares, Abelenda; e Aythami (Rubén, min. 68). 
CARTÓNS: Amarelos para Naveira e Remeseiro.
GOLES: 1-0 9' Iago Parga en p.p., 2-0 27' Aythami, 3-0 51' Abelenda, 3-1 75' Mosquera. 
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario