Grandes recordos

Este domingo, o Compos volve a un campo no que se viviu unha das mellores cousas dos últimos anos en 'Casa Compos'. E é que os nosos volverán a Espiñedo onde hai seis meses celebraron o título de campións de liga da Terceira por quinta vez na historia e a falta de dúas xornadas para o final do curso regular. Un campo do que volveron bos recordos e no que os nosos buscarán a sétima xornada consecutiva sen perder mantendo, ademais, a calidade de invictos fóra do Vero Boquete de San Lázaro contra un Arenteiro que leva o mesmo tempo sen coñecer a vitoria. 


Máxima igualdade. 
O Arenteiro chega a esta xornada 14 despois de encadear resultados moi iguais tanto na casa como a domicilio. Un equipo que sabe moi ben como facer valer os seus goles xa que se trata do segundo equipo que menos atopou o camiño á portería rival, só superado polo Porriño Industrial que pecha a clasificación, e ocupa un posto no medio dunha táboa moi igualada, con cinco puntos de diferenza entre o oitavo e o antepenúltimo clasificados. 
O equipo do Carballiño, que estreará a Gelucho no cargo de adestrador logo da destitución de Manel Vázquez, é arestora décimo clasificado cun total de 16 puntos. Con 4 vitorias e outros tantos empates, caeron nun total de 5 citas, suman un total de 11 goles a favor e 15 en contra deixando a súa portería a cero en tres ocasións e quedando sen anotar noutras 5 con só un empate sen goles. 
En canto aos partidos no Municipal de Espiñedo, igualdade total co mesmo número de vitorias, empates e derrotas: 2. Un campo polo que pasaron rivais como Boiro ou Ourense CF e do que sacaron os tres puntos Laracha, actualmente sétimo clasificado, e Silva, autor da maior goleada recibida polos ourensáns hai só dúas semanas. 
A nivel individual, hai que destacar a xogadores coma os ex branquiazuis Portela, dono do centro da defensa verde, e Mitogo, autor de 2 goles. Ademais, contan no ataque con Hugo Sanmartín, peza fundamental e autor de 4 goles, e a experiencia de Jaime Noguerol, chegado ao cadro carballiñés procedente da máxima categoría do fútbol andorrano, onde gañou ligas e incluso chegou a estrearse na fase previa da Copa de Europa, xogándoa durante tres anos consecutivos.

Seis semanas. 
Tanto Arenteiro coma o Compos suman a día de hoxe unha xeira, nun caso positiva e no outro negativa, dende hai mes e medio. Seis xornadas nas que uns conseguiron refacerse de dous paus consecutivos mentres que os outros pecharon unha serie de tres vitorias consecutivas.
O Compos arrincou de maneira inmellorable a tempada con cinco vitorias consecutivas. Non obstante, o paso polo Vero Boquete de San Lázaro de Bergantiños e Arosa deixou tocado ao equipo de Yago Iglesias, que se refixo con dous empates antes de conseguir sumar de tres de novo. A iso hai que engadir outras dúas vitorias branquiazuis encadeando seis xornadas seguidas sumando un total de 12 de 18 puntos posibles. 
Por contra, o Arenteiro chega a esta nova xornada sen gañar no mesmo número de xornadas. Comezaron ben, mais a vitoria en Pardiñas foi a última que conseguiron ata o momento. Tres empates e outras tantas derrotas, conseguindo un total de 3 dos 18 últimos puntos en xogo, que, non obstante, non fixeron que o equipo notase moito a baixada en canto á clasificación, na que perderon dous postos quedando agora a 4 puntos dos postos de descenso. 
Na pasada fin de semana, os nosos conseguiron superar na casa ao Choco cunha goleada doada con tres goles en quince minutos. Pola súa parte, o Arenteiro caeu pola mínima na Porta Santa contra o Paiosaco grazas a un gol de Eloy. A iso hai que engadir a expulsión de Adrián nos visitantes. 

Fermosos recordos. 
O mes de maio deste mesmo ano comezou da mellor maneira posible para os nosos. Contra un Arenteiro xa salvado a dúas xornadas para o final do curso, o Compos conseguiu un triunfo pola mínima, nun partido complicado e cheo de emocións ata o final. Un gol de Róber aos cinco minutos foi suficiente para conseguir a vitoria que, ademais, significaba o tan desexado campionato de liga dos nosos e a eliminatoria de campións. 
Antes, houbo un total de outros 11 precedentes nos que o cadro carballiñés nin sequera puido conseguir nada mellor que dous empates, hai máis de 30 anos e nas dúas ocasións por 1-1. Ademais, 10 vitorias branquiazuis encaixando só 4 goles e anotando un total de 27, asegurando os goles nestes enfrontamentos. 

Alberto, a baixa dos nosos. 
Con Rubén adestrando xa co resto dos seus compañeiros, buscando o seu mellor nivel para competir, a enfermaría branquiazul queda só ocupada por Alberto. O canteirán está na última fase da súa recuperación e será a única baixa segura, por lesión, para este partido. Por outro lado, Mon segue apercibido de sanción con catro cartóns amarelos. 

Futuro. 
O árbitro para o seguinte encontro será outro recén ascendido. Con só 18 anos, o colexiado coruñés García Gómez asubiará por primeira vez aos nosos sendo, ademais, a súa segunda ocasión nun partido da Terceira. Antes tivo a dura misión de impartir xustiza na Malata no encontro entre Racing de Ferrol e UD Ourense, estreándose na categoría cun empate entre dous dos grandes. 

Horario habitual. 
O Municipal de Espiñedo abrirá as súas portas o domingo ás 17 horas para recibir ao segundo clasificado e os afeccionados que se despracen ata O Carballiño. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros.
Por contra, quen non poida estar na vila ourensá este domingo poderá seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma da SD Compostela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario