Goleada importante

O Compos asinou os tres puntos contra o Choco nun partido onde os de Yago Iglesias foron dominadores tanto no verde coma no marcador dende o comezo. Un partido sinxelo, que rematou en goleada local, na estrea da denominación do Vero Boquete de San Lázaro. Con cinco goles, catro dos nosos, e a desaparición do meigallo cos penaltis, os nosos seguen no segundo posto dunha clasificación que se aperta cada día máis. Brais Abelenda, Alex Ares, Aythami e Mon, autores dunha goleada importante para recuperar as mellores sensacións.


Fantasía. 
Os quince primeiros minutos do encontro marcaron o transcurso do mesmo. Un arrinque inmellorable do Compos ante a pasividade do equipo redondelán, incapaz de facer nada. Foi tal así que antes de cumprirse o primeiro minuto de partido chegou a primeira oportunidade de perigo, obra de Samu, que a piques estivo de facer o primeiro. 
Non obstante, o marcador non se moveu ata os sete minutos grazas a un bo contraataque levado a cabo por Aythami e finalizado por Brais Abelenda. Un bo gol dos nosos cando aínda non chegara toda a afección ás bancadas. 
En plena celebración do primeiro gol, chegou o segundo. Dous minutos entre un e outro con Alex Ares materializando coa cabeza un centro de Naveira dende a banda. Segundo gol en menos de dez minutos para deixar encamiñada unha nova vitoria en Santiago. 
E non moito máis houbo que esperar para ver o terceiro, nesta ocasión obra de Aythami logo dunha boa xogada de equipo na que interviron Casas, Abelenda e Alex Ares, antes de que o canario lle pegase de primeiras cunha volea imparable, ante a que nada puido facer Cortegoso deixando clara a superioridade branquiazul, que chegaba ao cuarto de hora de xogo co resultado finiquitado. 

Tranquilidade. 
Co resultado máis que favorable para os nosos, chegou a tranquilidade e, con ela, a única nova negativa dos noventa minutos, coa lesión de Marcos Remeseiro, que non puido superar a media hora sobre o verde logo dunha entrada minutos antes. 
Co Choco incapaz de superar a liña do centro do campo, con dous intentos que remataron con cartón amarelo para xogadores locais, Anxo non foi máis ca un espectador de luxo, tocando algunha que outra pelota coa intención de rebaixar a intensidade dun partido que chegou ao tempo de lecer sen moito máis que contar que dúas ocasións que non atoparon o camiño á portería de Josiño e Alex Ares.
Esa tranquilidade mantívose durante o primeiro treito do segundo tempo, onde só se puido ver un tiro sen importancia do Choco que non chegou a poñer en ningún apuro a Anxo e aumentou grazas ao cuarto gol local, deixando xa sen ningunha opción aos redondeláns. 
Un cuarto que foi, ademais, o cuarto penalti a prol dos nosos en cousa de mes e medio, nesta ocasión realizado sobre Brais Abelenda, e que materializou Mon logo de catro minutos sobre o verde. Un gran gol dende os once metros do capitán para inaugurar a súa conta particular este curso. 

Gardaron a honra.
Catro goles recibidos en pouco máis dunha hora no que foi o peor partido do Choco no que vai de tempada. Unha derrota avultada que conseguiron maquillar un pouco cun gol obra de Félix a pase de Palmas. Un bo tanto que non serviu para nada e que provocou que o Compos buscase incluso un quinto gol que, por moi pouco, non puido chegar. 

Agora, os nosos prepararán o encontro fronte ao Arenteiro en Espiñedo no que buscarán manter as boas sensacións así como os bos resultados.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Piscu, Naveira; Samu (Mon, min. 58), Remeseiro (Josiño, min. 32); Miki (Sergio Pereira, min. 69), Abelenda, Ares; e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Remeseiro e Abelenda.
GOLES: 1-0 7' Abelenda, 2-0 9' Ares, 3-0 15' Aythami, 4-0 62' Mon, 4-1 65' Félix.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario