Case 30 anos

Compos e Barco mediranse este domingo nunha nova xornada de liga con moita intensidade e emoción. Segundo contra terceiro nun enfrontamento onde os valdeorreses parten cunha lixeira vantaxe na clasificación e mais tempo de descanso logo dunha xornada na que non puideron xogar. É, ademais, unha nova posibilidade para os nosos de superar a un equipo ao que non se lle gaña dende 1989 nun campo do que, os ourensáns, se levaron os tres puntos nas dúas últimas visitas.


Xeira inmellorable.
O Centro de Deportes Barco chega a Santiago nun momento de forma case inmellorable. Con seis vitorias consecutivas, os valdeorreses son segundos actualmente nunha clasificación na que poderían estar moi preto do Bergantiños, líder case intratable. A iso hai que engadir que chegan cun partido menos logo de todo o que pasou o pasado domingo co Paiosaco camiño de Calabagueiros.
Un equipo que non perde puntos dende comezos do mes de setembro, hai xa case dous meses, con 18 puntos de 18 posibles e que, ademais, é un dos tres equipos que non coñecen tampouco o empate. Con 7 triunfos en total e 2 derrotas, a mans de Racing Vilalbés e Ribadumia. trátase, tamén, do segundo equipo cunha mellor defensa con 8 goles recibidos en 9 partidos.
Fortes en Calabagueiros e aínda máis lonxe de Valdeorras, onde só recibiron un total de 2 tantos, chegan a San Lázaro con tres triunfos consecutivos a domicilio e un total de 7 goles ao seu favor, con dous de media por partido nas tres últimas saídas.
A nivel individual, ademais dunha gran defensa, contan cun ataque imparable con pezas coma David Álvarez ou Juanito, autores de 11 goles entre ámbolos dous aos que engadir ao experimentado Ivi Vales, que aínda non foi quen de ver porta.

Unha semana en branco.
O Barco chega chega a esta xornada despois dunha fin de semana sen poder xogar. A expedición do Paiosaco tivo problemas co autobús, do que non puideron sacar as equipaxes, botas e demais, e á súa chegada a Calabagueiros nin sequera puideron contar cun material axeitado malia a axuda do equipo valdeorrés. Con todo isto, decidiron adiar un partido que aínda non se sabe como rematará.
Pola súa parte, o Compos si que puido xogar e volver ao camiño do triunfo no Lourambal. Con gol de Álvaro Casas, despois dun córner, e Aythami, de chilena, pechando un mes con 5 puntos de 15 posibles, logo de non poder gañar a ningún dos equipos da parte alta.

29 anos.
Santa Isabel viviu, alá polo ano 1989, a última vitoria do Compos en partido oficial sobre o Barco. Case 30 anos dende a última vez que os nosos deixaron os tres puntos na casa nun enfrontamento contra os valdeorreses perdendo nas dúas últimas visitas dos ourensáns a San Lázaro pola mínima e con emoción ata o final.
Hai xa dous anos, o Barco pasou por Santiago para poñer en serios problemas aos nosos. Dous goles, obra de Ivi Vales, serviron para poñer o 0-2 no marcador. Non obstante, en menos de cinco minutos, e con dez máis aínda por diante, chegou o empate grazas aos tantos de Nogueira e Mitogo. Mais a sorte deu as costas aos nosos cun gol de David Álvarez no 86.
Menos goles houbo na pasada tempada. O Barco conseguiu os tres puntos grazas a un gol de Cristóbal segundos antes do tempo de lecer. Un partido no que os nosos, malia intentalo, non foron quen de igualar o resultado.

Mantéñense as tres baixas.
Logo de non ter ningún imprevisto no partido fronte ao Pontevedra, onde os tres xogadores da base branquiazul deixaron moi boas sensacións, non aumenta a enfermaría branquiazul. Rubén e Alberto seguen coas súas longas recuperacións mentres que Uña podería estar a piques de volver logo da súa lesión. 

Colexiado ferrolán.
O árbitro ferrolán Lois Carro, que completa a súa terceira na categoría malia a súa xuventude, arbitrará por segunda vez a un Compos que xa coñece a vitoria con el sobre o verde. Foi ante o Choco, en Santa Mariña, o ano pasado grazas aos goles de Primo e Tomás, cun de Pablo Couñago no treito final que non puido evitar que os tres puntos viñeran cara Santiago. 

Unha longa xornada. 
A undécima xornada do campionato arrinca este xoves con tres partidos, o do líder entre eles, e rematará co resto dos encontros ao longo do domingo, incluindo o do Compos pola tarde. O dos nosos será ás 17h en San Lázaro, onde as entradas terán un prezo de 10 euros para maiores de idade e de balde para menores de 18 anos. Por contra,cada abonado poderá retirar dúas invitacións na oficina totalmente de balde coa intención de contar cun bo ambiente.
Por contra, quen non poida asistir ao encontro, poderá seguirse nas diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ademais de na conta oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá escoitar en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial do Compos, e verse previo pago (2,99 euros) na web de Footters.

Ningún comentario:

Publicar un comentario