O Compos conseguiu os tres puntos nun partido moi complicado contra un Barco que non foi quen de provocar perigo sobre a portería de Anxo, debutante en liga. Noventa minutos de tensión e superioridade branquiazul cun gol incluido obra de Brais Abelenda, o mellor dun encontro duro baixo unha chuvia que non deu respiro. Un triunfo, segundo consecutivo, que permite aos nosos ascender ao segundo posto da clasificación pechando unha xeira de seis vitorias consecutivas dos valdeorreses.
Auga.
Durante o primeiro tempo, o Compos non foi quen de atopar máis que auga. Superiores sobre o terreo de xogo, as ocasións chegaron en cuestión de segundos diante dun porteiro que fixo a que foi, sen dúbida, unha das mellores actuacións do campionato. Foi o propio Azpillaga o encargado de manter ao seu equipo a flote ante as constantes acometidas dos homes de Yago Iglesias.
Aythami, que non contou con sorte nin puntería ante a zaga valdeorresa, Brais Abelenda, Alex Ares e Josiño, os catro homes máis ofensivos do equipo, non puideron facer nada importante en campo contrario con corenta e cinco minutos de clara superioridade nos que, unha vez máis, quedou clara a falta de ideas dos nosos á hora de buscar portería contra equipos defensivos.
En defensa, Anxo non tivo que traballar durante antes do tempo de lecer. Sen ocasións por parte dos ourensáns, houbo algo máis de tranquilidade á hora de buscar un triunfo que, con emoción, chegou no segundo tempo. Ademais, hai que falar das numerosas faltas realizadas polos visitantes, pouco castigadas polo colexiado.
Mesma intensidade, mellor resultado.
O segundo tempo comezou ao igual que o primeiro: cunha oportunidade clara de gol do Compos. Non obstante, a sorte seguía a dar as costas a un equipo que mereceu asinar unha vitoria con maior diferenza e tranquilidade, algo ao que xa non estamos acostumados en San Lázaro.
Co paso do tempo, o Barco foi baixando a presión e pechándose atrás, buscando non recibir un gol que chegaría a dez minutos para o final, contra un equipo que só contou coa idea de frear as acometidas branquiazuis a base de entradas, pouco castigadas polo colexiado. Aínda así, logo de moito chamar á porta, caeu o premio gordo. Pase para Miki no lateral da área e centro ao segundo pau onde chegou Brais Abelenda para, dende o chan, facer o tanto da vitoria.
Os minutos finais non contaron con moito fútbol co Compos buscando manter o resultado e o Barco sen ideas. Ademais, chegaron ao engadido cun home menos pola expulsión de Andrés, logo de ver o segundo cartón amarelo por protestar.
Un triunfo traballado, complicado, e que deixa ao Compos moi ben situado nunha clasificación que podería cambiar moito na parte alta de completarse os partidos pendentes que teñen tanto o propio Barco contra o Paiosaco e a UD Ourense fronte ao Ourense CF, partido do cal aínda restan corenta e cinco minutos por xogarse.
ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Piscu, Sergio Pereira; Mon (Ube, min. 76), Remeseiro; Josiño (Santi, min. 76), Alex Ares, Brais Abelenda; e Aythami (Miki, min. 67).
CARTÓNS: Amarelos para Casas e Sergio Pereira.
GOLES: 1-0 81' Brais Abelenda.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario