O Compos conseguiu no Lourambal unha nova vitoria coa que meterse, de novo, nos postos de promoción de ascenso nunha xornada con resultados máis que positivos para os intereses dos nosos. Un triunfo cómodo contra un equipo que tivo que afrontar gran parte do xogo con dez xogadores mais cun gardamallas que valía por dous freando unha tras outra todas as acometidas dos xogadores branquiazuis. Finalmente, Álvaro Casas e Aythami, autor do mellor gol da xornada, anotaron os dous goles dun equipo que gaña un mes máis tarde.
Un muro sen ocos.
O Porriño Industrial saiu ao terreo de xogo sabendo que o Compos buscaría a posesión do esférico. Así, os nosos tiveron a oportunidade de facer o seu fútbol se complicacións en tres cuartas partes do campo. Non obstante, os problemas para os nosos chegaron nos metros finais, con dificultade para superar un muro defensivo moi firme e sen ocos.
Polas bandas, con Saro tomando o control do carril dereito, e polo centro, con Abelenda como futbolista máis perigoso, as oportunidades de gol sucedéronse durante un primeiro tempo no que o Compos mereceu máis. Aos antes nomeados, hai que engadir a Remeseiro como protagonistas das mellores oportunidades para os nosos, que se atoparon cunha gran versión de Fernando, que mantivo aos seus dentro do partido ata o final do primeiro acto.
Por parte dos porriñeses, pouco perigo sobre a portería defendida por Lorenzo, tranquilo baixo paus. Sen moitas ideas, metidos nas inmediacións da súa área, recibiron o primeiro golpe duro antes da media hora coa expulsión de Benja por unha falta innecesaria por detrás sobre Josiño no centro do campo. Unha acción que modificou os plans dun equipo que tería que defenderse cun home menos durante máis dunha hora.
A balón parado si chegan.
Seguindo co guión do primeiro tempo, o Compos saltou ao campo coa única intención de superar a un Fernando que se convertería nun dos protagonistas do encontro, sendo o mellor dos seus malia o resultado final. Non obstante, houbo que tirar algo da sorte para inaugurar o marcador nesta primeira visita branquiazul ao Lourambal.
Logo de anotar fronte á UD Ourense a balón parado, non foi para menos nesta cita co enésimo córner lanzado dos nosos. A pelota caeulle a Álvaro Casas dentro da área e o central non perdoou cun disparo potente por baixo ante o que nada puido facer Fernando.
Só unha xenialidade puido con el.
Co primeiro no marcador, a superioridade branquiazul foi maior e a actuación de Fernando aínda mellor. O gardamallas madrileño demostrou a súa calidade baixo paus desbaratando un bo número de ocasións branquiazuis con Brais Abelenda, Alex Ares e Aythami como xogadores máis perigosos en traballos ofensivos.
Mais, o canario si soubo como superar ao ex do Coruxo mediado o segundo tempo para asinar o gol da sentenza. Centro de Josiño dende a banda, o dianteiro controla e non o dubida dúas veces para facer o segundo cunha gran chilena de bela factura. Gran gol do ex do Las Palmas para confirmar o único triunfo branquiazul neste mes de outubro, que remata con 5 puntos de 15 posibles.
Con algo menos de intensidade, pero sen deixar provocar perigo aos locais, o Compos a piques estivo de facer un terceiro que non puideron asinar nin o propio Aythami, cun disparo que saiu por moi pouco, nin tampouco Samu xa nos intres finais cunha vaselina que marchou por moi pouco.
Coa sorte de cara de novo, o equipo xa pensa no amigable do vindeiro mércores fronte ao Pontevedra en San Lázaro correspondente ao 'III Memorial Antonio Bermúdez'. En canto á Liga, a seguinte cita será o domingo tamén en terras santiaguesas contra o Centro de Deportes Barco nunha cita moi importante entre segundo e terceiro clasificados.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Piscu, Sergio Pereira; Mon (Samu, min. 57), Remeseiro; Josiño, Alex Ares (Santi, min. 79), Abelenda (Miki, min. 74); e Aythami.
CARTÓNS: Amarelo para Mon.
GOLES: 0-1 51' Casas, 0-2 66' Aythami.
CAMPO: O Lourambal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario