Este domingo temos unha nova cita importante coa historia. Por primeira vez na categoría, Compos e Porriño Industrial medirán as súas forzas nun partido onde os nosos buscarán os tres puntos logo de catro xornadas sen gañar. Diante, un rival que volve con ilusión á categoría e coa intención de manterse nunha Terceira na que se pode considerar un histórico, logo de vinte tempadas.
O rei do empate.
O Porriño Industrial chega a esta décima xornada do campionato logo de asinar a súa primeira vitoria do curso. Fóra do descenso dende o pasado domingo, queren estrear o casilleiro de triunfos diante da súa afección nun Lourambal que presentará unha gran imaxe para recibir a un Compos obrigado a sumar de tres.
Na casa, o cadro pontevedrés conseguiu un total de 3 puntos en 4 xornadas grazas aos empates, sempre con moitos goles, contra Ribadumia, Ourense CF e Silva. Por contra, a sorte non os acompañou fronte ao Céltiga, ante o que caeron pola mínima. Un total de 11 goles a favor, con dous empates a 2 e un con ata 6 goles en total, e a derrota fronte aos arousáns, que o confirman como un dos maiores perigos cando xoga como local.
A nivel individual, a día de hoxe está a destacar Richi. O autor do gol da única vitoria dos seus ata o de agora, suma tres tantos anotando en dúas xornadas consecutivas. Unha peza fundamental no xogo porriñés e que, sen dúbida, será un perigo constante para a defensa branquiazul.
O partido non acaba ata que o diga o colexiado.
Se a pasada fin de semana, o Ourense buscou defender con todo no treito final do encontro, o rival desta xornada está acostumado a non perder a cara ao partido ata o remate. De feito, seis goles ao seu favor chegaron nos quince minutos dos respectivos partidos asinando un total de seis puntos.
Para evitar que iso pase unha semana máis, Lorenzo estará baixo paus. O porteiro padronés, que deixou a súa porta a cero en tres ocasións, recibiu seis dos dez goles totales durante o primeiro tempo.
Tres precedentes.
Malia non haber ningún precedente ao longo da historia na Terceira división, na que xogaron nun total de 41 tempadas entre os dous, si se viron as caras ata en seis ocasións na Preferente, daquela chamada Serie A, entre 1973 e 1975.
Máis recentes, e doados de atopar, son os precedentes entre Porriño Industrial e Compos B. O equipo pontevedrés e o filial santiagués compartiron a Terceira división a finais dos anos 90 e ata mediados da primeira década do novo século. 14 partidos dos que a metade remataron en vitoria dos nosos mentres que os porriñeses só puideron facerse cos tres puntos en 4 ocasións. Ademais, outros 3 partidos remataron en empate con só unha cita sen gol. Uns partidos onde se puideron ver xogadores coma Jesús Torres, Manuel Castiñeiras, Corredoira ou Julián entre outros.
Un mes de outubro moi diferente.
O Compos chega a este partido nun momento un tanto dubidoso. Os de Yago Iglesias non puideron gañar a ningún dos catro rivais máis duros do que vai de tempada encadeando só dous puntos dos doce últimos en xogo baixando, incluso, a calidade do xogo, véndose superado contra o Racing de Ferrol e por momentos tamén contra o Ourense.
Pola súa parte, o Porriño Industrial non só chega logo de sumar a súa primeira vitoria do campionato, que se lle serve para saír dos postos de descenso durante esta semana, senón que antes conseguiron outros dous empates fronte a Alondras e Silva. Sen dúbida, o mellor mes para os porriñeses.
Semana longa.
O Compos dará comezo este domingo a oito días nos que terá que xogar ata tres partidos. Ao xogo en Porriño, hai que engadir o 'III Memorial Antonio Bermúdez' o vindeiro mércores en San Lázaro, no que os nosos recibirán ao Pontevedra, e a seguinte cita oficial contra o Barco, con horario xa confirmado e unha oferta en canto ás entradas para compensar as tres últimas citas na casa.
Tres baixas seguras.
Unha semana máis, Yago Iglesias terá tres baixas seguras para afrontar esta nova cita. Rubén e Alberto seguirán sen poder estrearse na categoría este curso mentres que David Uña cumprirá a súa segunda fin de semana fóra dos terreos de xogo coa posibilidade de volver contra o Barco ou ben en Barraña.
Árbitro pontevedrés.
O colexiado pontevedrés Fariña Biasi será o encargado de impartir xustiza este domingo no Lourambal. Na súa segunda tempada na Terceira, será a segunda vez que participe nun partido dos nosos logo da vitoria, con gol de penalti no tempo engadido, en Negreira a pasada tempada.
No que vai de curso, será a cuarta vez que vista de curto logo dun total de tres vitorias visitantes noutros tantos partidos. A iso hai que engadir unha media de case sete cartóns amarelos por partido e ningunha expulsión.
Nova mañá de fútbol.
O domingo, o partido máis importante do día xogarase no Lourambal ás 12h. Por segunda xornada consecutiva, os nosos terán que madrugar para buscar o fin da xeira negativa. E nesta ocasión haberá que sumarlle unha lonxa viaxe ao sur da nosa terra. Para ese partido, as entradas terán un prezo de 10 euros.
Por contra, quen non poida achegarse a Porriño, poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben na conta oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:
Publicar un comentario