O Compos buscará volver ao camiño da vitoria este domingo en San Lázaro contra un dos equipos máis fortes do campionato, separados por un so gol. O mellor ataque e a segunda mellor defensa fronte a fronte nun xogo igualado e que pode deixar a un algo tocado na carreira polo primeiro posto. O rival, o Arosa, invicto a domicilio que buscará a súa terceira vitoria consecutiva.
Un fixo.
O Arosa chegará a San Lázaro sen coñecer nada máis que a vitoria nas súas saídas no que vai de curso. Un equipo que só perdeu tres puntos ata o de agora, cunha derrota na Lomba contra o Alondras nun gran encontro con ata cinco goles, e que recibe moi poucos goles na portería defendida por Manu Táboas, un seguro baixo paus da porta arlequinada.
Cinco vitorias e unha derrota. 14 goles a favor e 4 en contra para un equipo da zona alta da clasificación e que fará valer un ano máis a súa superioridade en Vilagarcía, onde perderon a súa calidade de invictos hai uns vinte días logo dunha tempada enteira puntuando ante a súa afección. A iso hai que engadir o seu gran traballo a domicilio, onde conseguiron nove de nove puntos posibles sen encaixar nin un so gol anotando seis, dous de media por xogo.
A nivel individual, o arousáns contan con grandes xogadores recoñecidos na categoría coma o gardamallas Manu Táboas, o dianteiro e máximo goleador do equipo Sylla, outro fixo coma Julio Rey ou o ex do Compos Manu Rodríguez, que volveu á que foi a súa casa hai dez anos. Ademais, hai que destacar o gran traballo do bloque defensivo vilargarcián.
Un ano enteiro.
Dende a xornada 7 do pasado curso, logo da vitoria contra o Bergantiños nas Eiroas, o Compos é equipo de promoción de ascenso. Un ano enteiro, cumprido o pasado luns, ocupando un dos catro primeiros postos da clasificación na Terceira galega para un equipo cuxo obxectivo non é outro que volver á Segunda división B.
Un ano dende que os nosos conseguiron facerse un oco entre os favoritos conseguindo manterse ata o final de tempada no máis alto, acadando o primeiro posto dez xornada despois, e arrincando a presente con cinco vitorias e unha derrota no que vai de curso.
Segundo 'round'.
Compos e Arosa vanse ver as caras por segunda vez dende que arrincou o presente curso, terceira ocasión no que vai de 2018. Dúas citas, as anteriores, nas que os nosos fixeron un bo papel conseguindo un punto da Lomba e outro empate no triangular do Praíña en Pontevea na estrea dos nosos en pretempada.
Botando un ollo ao mes de marzo, na tempada pasada, o Compos visitaba A Lomba coa intención de ser o primeiro equipo que gañase alí en todo o curso. Non obstante, a sorte non estivo do lado branquiazul empatando un gol de Javi Pazos con outro de Samu no segundo tempo.
En pretempada, nun partido de 45 minutos, o resultado final foi de total igualada, sen goles e coa obriga de definir un gañador dende os once metros. 4-3 a prol dos nosos e polo Coruxo para facerse coa copa.
O Compos, favorito histórico.
Ao longo da historia, Compos e Arosa enfrontáronse nun total de 32 ocasións en partido oficial. 16 desas citas foron en terras santiaguesas con 12 triunfos branquiazuis, 4 empates... e ningunha vitoria arousá, que só foi quen de levarse os tres puntos en tres ocasións sempre na Lomba.
Dende 1964, Santiago acolleu este enfrontamento en numerosas ocasións con resultados coma un 4-1, un 5-1, un 5-0 ou un 4-0 en 2017, sempre a prol dos nosos. Ademais, catro veces rematou o xogo co 1-0 no luminoso mentres que o empate máis repetido foi a un gol, resultado que se repetiu o ano pasado tanto na primeira coma na segunda volta.
Un partido con goles asegurados tanto polo bo facer dos dous equipos no que levamos de tempada coma pola historia entre ámbolos dous conxuntos, que só empataron sen goles en tres ocasións. Ademais, hai que engadir que o Compos só quedou sen ver portería en dúas ocasións máis.
Os máis goleadores.
Arosa e Compos chegan a este encontro sendo os máximos goleadores da categoría. Cun total de 30 goles entre ámbolos dous conxuntos en seis xornadas xogadas, trátase do partido, ata o de agora, con máis goles. Cumprirán en traballos ofensivos ou se imporán as defensas?
Sobre o verde haberá que ter en conta a dúas pezas moi importantes nos seus respectivos equipos. Respaldado por homes coma Abelenda, Remeseiro ou Miki, Santi segue a ser fundamental nos plans de Yago Iglesias e suma, en liga, un total de tres goles importantes. Pola súa parte, Sylla ocupa un dos postos no podio de goleadores con cinco tantos en seis citas, vendo portería en catro con dous diante do Paiosaco a pasada fin de semana.
Un que sube, outro que baixa.
Os dous equipos chegan de facer un gran traballo a pasada fin de semana, mais con resultados moi diferentes. Tal é así que o Compos amosou a súa mellor imaxe contra un Bergantiños con máis pegada mentres que o Arosa conseguiu a súa maior goleada ata o de agora no que vai de tempada.
O Compos non puido materializar a súa superioridade diante do Bergantiños malia adiantarse ata en dúas ocasións. Un penalti marrado por Alex Ares e un gol visitante na seguinte xogada fixo que de poder levarse tres puntos, os nosos quedasen sen puntuar por primeira vez no que levamos de curso. Un esvarón máis que aceptable.
Pola súa parte, o Arosa asinou a súa maior goleada logo de facer catro goles na Lomba fronte ao Paiosaco nun partido onde se adiantaron superados os cinco minutos cun gol de Chiqui, no que Manu Rodríguez tamén viu portería e con dous tantos de Sylla para pechar a goleada. Foi así que se fixeron co segundo posto mentres que os nosos caeron ao terceiro grazas á diferenza de goles global.
Outro que repite.
Se a pasada fin de semana repetía nun Compos-Bergantiños o vigués Extremadura Hernández, esta fin de semana fará o propio o coruñés López Vila, que estará por segundo ano nun Compos-Arosa en San Lázaro. O xogo, que rematou con empate a un gol, rematou con dous expulsados, un por equipo, e ata sete cartóns amarelos.
Será a primeira ocasión este curso que participe nun xogo despois de 11 citas a pasada tempada.
Tres baixas seguras.
O apartado de baixas mantense, polo de agora, en tres seguras. Rubén e Alberto, cuxa volta pode estar preto, serán as ausencias seguras nos plans de Yago Iglesias. A eles dous hai que sumar a de Marcos Remeseiro, que levou un golpe contra o Bergantiños e non chegará para este partido. Por outro lado, Brais Abelenda ten unha pequena escordadura polo será dúbida ata o último momento, no que decidirá se arriscar ou ben pensar na cita sete días máis tarde na Malata.
Por parte dos vilagarciáns, hai que salientar unha baixa moi importante no centro do campo. Oumar Sidibé lesionouse antes do comezo da presente tempada e terá que estar fóra dos terreos de xogo o curso enteiro, sen poder estrearse en partido oficial.
Mesma hora e mesmo lugar.
O partido desta xornada será tamén o domingo ás 18h en San Lázaro, repetindo escenario por segunda fin de semana consecutiva. Un gran partido para o que os aboados poderán entrar de balde, logo de aumentar a campaña de aboados ata o 30 de novembro cos mesmos prezos, mentres que para non aboados maiores de idade as entradas terán un prezo de 15 euros. Pola súa parte, os menores de idade poderán entrar totalmente de balde.
Por contra, quen non poida achegarse ao templo branquiazul poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderase escoitar en directo a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube, e será televisado a través da segunda canle da TVG.

Ningún comentario:
Publicar un comentario