Moitos problemas

O Compos encadeou a segunda derrota consecutiva contra o Arosa nun partido onde os nosos foron de máis a menos contra un rival que non perdoou as ocasións que tivo diante de Lorenzo. Con oportunidades importantes sobre a portería de Manu Táboas, incluíndo un penalti, os nosos non puideron deixar o mal camiño neste momento difícil da primeira volta pasando de ser o líder da categoría a quedar a 4 puntos do Bergantiños e só un punto por enriba do quinto clasificado, a UD Ourense. 


Mesma portería, mesmo resultado.
Os primeiros minutos do xogo puideron marcar o transcurso do encontro para un Compos que non foi quen de aproveitar as oportunidades. De feito, só un minuto e a mellor ocasións para os nosos, logo dun penalti claro sobre Miki cando entraba na área. Dende os once metros, na mesma portería que Alex Ares a pasada fin de semana, Aythami tampouco foi quen de marcar. O Bergantiños, que non esperaba algo así, respiraba.
O dianteiro canario foi, sen dúbida, unha parte fundamental en traballos ofensivos durante os primeiros intres do primeiro tempo, cando os nosos puideron sorprender, sen sorte, aos arlequinados. Errou unha pena máxima e non chegou por moi pouco a un centro de Sergio Pereira superados os vinte minutos de xogo. Ata aí, non houbo máis perigo por parte dos nosos antes do tempo de lecer.

O Arosa non perdoou.
Despois de vinte minutos de superioridade branquiazul, a Esedé baixou totalmente a intensidade do xogo e iso non o desaproveitou un Arosa moi forte en ataque con Sylla, autor da primeira oportunidade de perigo, Julio Rey e Luis García, autor do primeiro gol logo dun erro en defensa. De feito, o punta valenciano quedou so diante de Lorenzo e enganou ao padronés cun bo disparo coa zurda, ante o que nada puido facer.
Á primeira e gol. O Arosa non chegaba a Santiago para perdoar nin unha soa oportunidade cun conxunto moi forte dende o centro do campo, liderado por Manu Rodríguez, e unha defensa que non mostrou ningún oco polo que poder poñer en perigo a Manu Táboas, gardamallas que xa o ano pasado evitou un triunfo branquiazul en San Lázaro. 

Mellor segundo tempo. 
Logo do paso por vestiarios, o Compos saiu ao terreo de xogo pensando en meter unha marcha máis para evitar a segunda derrota consecutiva. Con moito traballo, chegaron as oportunidades na portería defendida por Táboas e un gol, obra de Alex Ares a pase de Aythami, que igualaba forzas con media hora por diante. 
Os seguintes vinte minutos foron de manexo branquiazul, interrompidos polos trocos, en gran parte do cadro vilagarcián ante uns do Compos sen sabor ofensivo, cos dous dianteiros no once titular. Non obstante, aínda habería algunha sorpresa...

Para todo hai unha primeira vez.
O Arosa chegaba a San Lázaro sen coñecer a vitoria en terras santiaguesas e, como din, para todo hai unha primeira vez. O gol do triunfo arousán chegou de penalti, na portería na que Aythami errou na primeira parte, coa sinatura de Sylla. Un gol que deixaba moi tocado a un equipo que buscou o empate ata o final mais que non puido sequera provocar ningunha oportunidade máis recibindo outra mala nova coa lesión de Alex Ares, que non puido rematar o encontro. 

Agora hai que pensar en rematar coa mala xeira que acompaña aos nosos nas últimas semanas nunha saída tan dura coma emocionante á Malata contra un Racing de Ferrol que tampouco está a pasar por un bo momento.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira (Saro, min. 86), Casas, Piscu, Naveira; Mon; Miki, Josiño (Ube, min. 51), Santi, Alex Ares (Samu, min. 90); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelo para Casas.
GOLES: 0-1 31' Luis García, 1-1 59' Alex Ares, 1-2 82' Sylla.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario