O Bergantiños é o novo líder da categoría ademais de ser o único equipo invicto da categoría. Nun partido onde aproveitaron cada ocasión, sumaron os tres puntos por segundo curso consecutivo en San Lázaro. Un partido non exento de polémica, con Extremadura Hernández de novo como protagonista, e con moitos goles que deixa aos nosos tocados nunha clasificación que lideraba dende a segunda xornada, quedando agora a só un punto do cadro carballés.
Brais Abelenda e Marcos Remeseiro polos nosos e Rubén Rivera por partida dobre e Cañi polos visitantes asinaron os cinco goles dun partido dominado polos branquiazuis mais sen sorte en defensa. A iso hai que engadir os cinco cartóns amarelos amosados polo colexiado vigués sen conseguir frear o xogo duro dun Bergantiños que só así puido frear o constante perigo santiagués.
Por isto houbo que pagar!
O 'Día do Clube' non puido ter un mellor arrinque. Un Compos que sabía da importancia de gañar este partido para chegar á segunda proba deste 'tourmalet' cheo de confianza, saltou ao terreo de xogo coa intención de impoñer o seu fútbol de toque e crear oportunidades sobre a meta dun Cristopher que deixou a súa mellor imaxe sobre o verde de San Lázaro.
As ocasións non tardaron en chegar con Alex Ares e Brais Abelenda probando ao gardamallas carballés cumprindo o dito de que á terceira chega a vencida. Así foi unha vez máis con Abelenda culminando unha xogada rápida que comezou cun saque en longo de Lorenzo, e unha carreira do de Bembibre gañando en velocidade a un central e superado a Cristopher cunha fermosa vaselina.
Por se o gol non fora suficiente para espertar ao Bergantiños, Brais Abelenda e Miki perdoaron dentro da área unha dobre ocasión, evitada en ámbalas dúas oportunidades por un Cristopher case insuperable. Iso e un erro no centro do campo fixeron que o equipo bergantiñán puidera meterse de cheo no partido cun gol de Rubén Rivera aproveitando un mal pase a Lorenzo e a mala saída deste, que non puido gañar en velocidade ao dianteiro coruñés.
Neste caso, a reacción branquiazul non se fixo esperar e despois dun intento de chegada de Ares, que cortou Cano na banda vendo o primeiro cartón, chegou o segundo tanto. Un gol de Marcos Remeseiro logo de varios rexeites servía para demostrar que o porteiro visitante si se podía superar malia as dificultades que puxo durante os noventa minutos.
Mais, a ledicia branquiazul non durou moito. Algo máis de cinco minutos por diante no marcador o Compos e de novo chegou o gol visitante, nesta ocasión obra de Cañi, logo dunha xogada combinativa e o potente disparo do extremo das Pontes.
Antes do paso por vestiarios, para un descanso que cambiou moito o xogo, puido chegar incluso o terceiro dos nosos logo dun córner que saca Remeseiro e peta e Caridad. A pelota, que estivo a piques de entrar na portería, sacouna un defensa na mesma liña de gol.
Non deixa bo recordo.
Extremadura Hernández chegaba a San Lázaro aínda no recordo de moitos afeccionados branquiazuis, pouco contentos coas súas anteriores actuacións en partidos dos nosos. E nesta ocasión non quixo mellorar a súa imaxe deixando sen castigo un penalti claro sobre Miki e que deu comezo a unha serie de interrupcións por parte de Cristopher, que pasou de ser protagonista polas súas grandes paradas a selo por as constantes paradas de tempo.
Vista a permisividade do colexiado ante as entradas bergantiñás, a afección estoupou contra o vigués logo de non amosar o segundo cartón amarelo, e polo tanto o vermello, a un Borja Facal que sempre xoga motivado e cunha marcha máis contra o Compos.
Volvamos ao fútbol.
Sempre que foi posible, o Compos buscou facer o seu fútbol. Non obstante, cada ocasión remataba nas mans de Cristopher obrigando aos nosos a buscar unha nova maneira de batelo. Un novo xeito que chegou a quince minutos para o final grazas a unha man de Aarón que si viu o colexiado, a diferenza de algunha que outra falta máis clara dentro da área, logo dun centro de Saro. Nos once metros, Alex Ares perdoou a ocasión máis clara do segundo tempo mandando a pelota por enriba do longueiro dando opcións os visitantes, que non perdoaron.
Na seguinte xogada chegou a peor nova do encontro. Aproveitando a velocidade, Cañi chegou pola banda e puxo a pelota ao segundo pau onde apareceu Rubén Rivera para facer o terceiro coa testa. Un gol contra un Compos que mereceu máis e que se viu totalmente incapaz.
Os minutos finais chegaron con aínda máis emoción. O Compos buscou o empate con insistencia mais éste non puido chegar nos noventa minutos malia ser superiores en canto a xogo ofensivo, non así en defensa e de cara a gol.
Agora hai que pensar xa no partido contra o Arosa da vindeira fin de semana, na que será a segunda semana consecutiva na que San Lázaro abra as súas portas para recibir a outro rival directo.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Uña, Naveira; Mon (Ube, min. 84), Remeseiro (Aythami, min. 67); Miki (Josiño, min. 84), Alex Ares, Abelenda; e Santi.
CARTÓNS: Amarelo para Uña.
GOLES: 1-0 10' Abelenda, 1-1 25' Rubén Rivera, 2-1 29' Remeseiro, 2-2 36' Cañi, 2-3 76' Rubén Rivera.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario