Compos e UD Ourense propuxeron un gran espectáculo en San Lázaro nun partido intenso, con oportunidades e, sobre todo, grandes intervencións dos gardamallas. Un partido que puido rematar con vitoria para calquera dos dous equipos mais a xustiza apareceu para deixar un empate na primeira ocasión na que estes dous equipos se viron as caras en partido oficial.
Sen un dono do esférico ao longo dos noventa minutos, con moito fútbol en campo ourensán, e as mellores oportunidades chegando a balón parado, ao igual que os dous goles. Alex Ares, que volveu logo da ausencia en Ferrol, e Alfredo fixeron os tantos de falta directa na primeira metade mentres que Lorenzo, nunha ocasión, e Pato mantiveron un bo resultado que manterá aos ourensáns nos postos de promoción de ascenso e aos nosos ás portas con só un punto menos.
Por centímetros.
O encontro arrincou co Compos buscando a posesión da pelota, o guión de cada fin de semana. Contra un rival que chegaba á nosa casa pensando en dar a sorpresa e que se mostrou moi valiente á hora de mirar á cara ao cadro local. Non obstante, pasaron os primeiros quince minutos de partido sen ocasións de perigo en ningunha das dúas áreas.
Xogar en campo contrario sempre conleva a opción de provocar perigo ou ben forzar unha ocasión a balón parado. Así foi, a centímetros da área, o que conseguiu o Compos superado o cuarto de hora con Alex Ares demostrando a gran puntería a balón parado para bater ao gardamallas uruguaio. Un gran gol do '10' branquiazul que deixou claro que dende uns centímetros máis atrás si entra a pelota.
Sempre se paga o perdón.
Se o da posesión branquiazul xa é un guión marcado e habitual cada domingo, o mesmo pasa coas ocasións perdoadas en campo contrario e as consecuencias de non aumentar as diferenzas. De feito, logo do gol, o equipo non soubo aproveitar a baixada do cadro ourensán a nivel de intensidade con Miki como autor da mellor oportunidade.
As oportunidades perigosas sobre a porta defendida por Pato sucedéronse ao longo dos noventa minutos mentres que os ourensáns só se achegaron á de Lorenzo unha vez conseguindo unha efectividade do cen por cen. Foi cun grandísimo disparo de Alfredo a balón parado que entrou pola escadra sen que o padronés puidera facer absolutamente nada. Un gol co que empatar o partido e chegar ao tempo de lecer coa mesma igualdade sobre o terreo de xogo e no marcador.
Non obstante, tamén houbo lugar para a polémica, por parte dun colexiado moi permisivo e que preferiu botar man dos cartóns en gran parte das xogadas. E é que, na derradeira ocasións do primeiro tempo, o Compos tivo unha dobre ocasión diante de Pato e á terceira non perdoou Samu, mais o árbitro non deixou rematar a xogada invalidando o gol.
Gran igualdade.
O segundo tempo non deixou cousas que destacar nos primeiros vinte minutos mais si un final de infarto con todo o Ourense metido na súa área, defendendo cada ocasión como se se tratase dunha final.
Aythami en punta e un reforzado centro do campo, coas entradas de Josiño e Mon, serviron para buscar aproveitar o cansazo do cadro ourensán, sen forzas para máis que defenderse das constantes tentativas branquiazuis, obrigados a rachar a xeira coa que chegaron a esta cita. Non obstante, apareceu de novo a figura do mellor home do partido: Pato. O gardamallas ourensanista deixou sen dous puntos máis aos seus ex con dúas intervencións de moito mérito deixando claro que ten nivel de categoría superior.
2 de 12.
Rematado o particular 'Tourmalet' branquiazul, a bagaxe dos nosos nestas catro xornadas non foi nin moito menos positivo. Derrotas contra Bergantiños e Arosa e empates contra Racing de Ferrol e UD Ourense afastan aos nosos do primeiro posto e, ademais, o manteñen fóra dos postos de promoción de ascenso, mais con opcións de volver nas vindeiras xornadas.
Agora, hai que buscar a vitoria, que se resiste neste mes de outubro, contra o Porriño Industrial antes de recibir en San Lázaro ao Barco, outro rival directo na pelexa pola promoción de ascenso.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Piscu, Naveira; Samu (Mon, min. 78), Remeseiro; Miki (Aythami, min. 62), Alex Ares, Brais Abelenda; e Santi (Josiño, min. 73).
CARTÓNS: Amarelos para Samu, Alex Ares, Piscu e Aythami.
GOLES: 1-0 16' Alex Ares, 1-1 41' Alfredo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario