Compos e UD Ourense medirán as súas forzas este domingo coa promoción de ascenso en xogo. Un gran partido, que se xogará de forma oficial por primeira vez na historia entre dous equipos que poden presumir de ter o mellor ataque e a mellor defensa respectivamente. Un duro partido entre un histórico e un recén ascendido que busca homenaxear a un dos grandes clubes da historia do noso país na súa quinta tempada de vida, na cal están a superar as expectativas.
A estrea perfecta.
O equipo fundado hai 4 anos, logo da desaparición dun CD Ourense ao que intentan homenaxear, non fixo máis que superar unha categoría tras outra ata chegar á Terceira división, pola que poderían estar tamén de paso buscando acadar a Segunda división B, onde morreu o antigo gran equipo da cidade. E están a conseguir, nesta primeira quinta parte do campionato, superar as expectativas sendo non só o equipo revelación do campionato senón, a maiores, sendo un dos dous equipos que aínda non saben o que é perder. E iso non é todo.
Coa mellor defensa do campionato, ou iso din os números, a UD Ourense visitará San Lázaro ocupando a cuarta posición grazas a 17 puntos de 21 posibles. 5 vitorias e 2 empates, ámbolos dous no Couto, aos que engadir ningunha derrota no que vai de curso, e case de ano en partidos de liga contando Terceira e unha Preferente na que conseguiron reinar.
Nas oito xornadas que sumamos ata o de agora, ás que restar medio partido do derbi ourensán por mor da chuvia, saíron do Couto en tres ocasións. Nesas tres saídas conseguiron un total de 4 goles ao seu favor e non recibiron ningún, encaixando o único gol no que vai de tempada no empate na casa contra o Alondras e demostrando que defensivamente contan co mellor equipo do grupo.
A nivel individual, malia ser un equipo novo na categoría, contan cun plantel de nivel superior. Con vellos coñecidos pola afección branquiazul como Pato, Germán, Josu e Fondevila e pezas con gran experiencia como Rubén Durán ou Vieytes. Ademais, Hugo García chega como máximo goleador do equipo con 3 tantos anotados.
A forza dun sentimento.
Ata o de agora, a UD Ourense só coñece o éxito. Catro anos de vida e catro ascensos con tres títulos de campión de liga. Tomando a forza do anterior equipo da cidade como herdanza, non sufriron o máis mínimo para facerse co primeiro posto e o posterior ascenso na Terceira autonómica logo de gañar tódolos seus partidos, superando os 150 goles e recibindo só 10 en 27 xornadas.
Ata o de agora, a UD Ourense só coñece o éxito. Catro anos de vida e catro ascensos con tres títulos de campión de liga. Tomando a forza do anterior equipo da cidade como herdanza, non sufriron o máis mínimo para facerse co primeiro posto e o posterior ascenso na Terceira autonómica logo de gañar tódolos seus partidos, superando os 150 goles e recibindo só 10 en 27 xornadas.
O mesmo camiño, directo á gloria, tomaron un ano despois na Segunda autonómica, chegando á Primeira autonómica como campións de grupo. Unha Primeira autonómica na que, por primeira vez, non foron quen de facerse co primeiro posto, mais iso non evitou o terceiro ascenso consecutivo.
Con 79 puntos, con 23 vitorias e 10 empates, a Preferente tampouco foi un gran problema para un cadro moi ben reforzado buscando aumentar a súa historia. Non obstante, non foron quen de facerse co campionato absoluto da categoría perdendo nos penaltis fronte ao Lugo B en Monforte.
Todo o anterior, cunha das mellores afeccións do fútbol galego, que non só non deixa de lado aos seus nos partidos no Couto senón que, ademais, realiza desprazamentos masivos para estar sempre cos seus.
Todo o anterior, cunha das mellores afeccións do fútbol galego, que non só non deixa de lado aos seus nos partidos no Couto senón que, ademais, realiza desprazamentos masivos para estar sempre cos seus.
E un gran presente.
Os dous equipos están a facer unha boa tempada, malia o que din os últimos resultados do noso Compos. Cos ourensáns en postos de promoción de ascenso e os nosos fóra dos mesmos logo de máis dun ano e unha liga enteira entre os catro primeiros, o gañador rematará esta novena xornada do campionato nun dos postos privilexiados.
Despois de dúas derrotas consecutivas, a Esedé volveu ao camiño dos puntos cun empate na Malata. No peor partido do que vai de liga, os nosos non recibiron ningún gol malia os numerosos intentos de Joselu e compañía, rematando o encontro con ata tres balóns ao pau. A iso hai que engadir un gol anulado aos nosos e un novo penalti que non viu porta, e xa van tres noutros tantos partidos.
A UD Ourense, por contra, asinou no Couto a maior goleada do que levan de curso contra o Paiosaco. Catro goles, dous de Hugo, un de Durán e outro de Josu para pechar a goleada, fixeron que os ourensáns puideran chegar a esta fin de semana por enriba na táboa. Chegou, así, a segunda vitoria consecutiva nunha tempada na que non coñecen a derrota.
Unha primeira vez con moita historia.
Compos e UD Ourense enfróntanse por primeira vez en partido oficial logo de enfrontarse en pretempada hai xa dous anos, nun partido onde gañaron os nosos grazas aos goles de David Nogueira e Juan Rey.
Non obstante, houbo un total de 30 enfrontamentos entre os nosos e o CD Ourense ao longo da historia con resultados moi igualados. Deses 30, 15 foron en terras santiaguesas con 4 vitorias ourensás, 7 vitorias branquiazuis e outros 4 empates, todos con goles.
O mellor ataque contra a mellor defensa.
Malia non conseguir puntuar de tres no que vai de mes de outubro errando ata tres penaltis que puideron cambiar totalmente o sino dos encontros, o Compos segue a ser o equipo con máis goles a favor, agora empatado co Bergantiños. 17 goles en 8 partidos que demostran o gran traballo ofensivo dun equipo que pasa boa parte dos partidos en campo contrario.
Pola súa parte, a defensa da UD Ourense é a mellor que pasou pola categoría en moito tempo. Non precisamente por nomes, entre os que figuran Pato, Germán, Vieytes ou Josu, senón pola seguridade que dan a un equipo que comeza as súas vitorias baixo paus. Só un gol encaixado, no empate contra o Alondras, en sete partidos e medio, asinando un arrinque de curso inmellorable.
A zaga, moi tocada.
Se antes falabamos da defensa visitante, agora hai que falar da local. E é que David Uña estará tres semanas de baixa por unha rotura de fibras que o fixo perderse unha gran parte do partido contra o Racing de Ferrol na Malata. O madrileño ocupará un posto na enfermaría branquiazul xunto con Rubén e Alberto. Pola súa parte, Alex Ares estará dispoñible por se Yago Iglesias precisa dos seus servizos logo dun partido fóra do terreo de xogo.
Hai que madrugar.
Esta cita terá lugar en San Lázaro o domingo ás 12h, sendo a primeira xornada na que os nosos teñan que madrugar. Un horario no que xa se xogou contra o outro equipo da Cidade das Burgas na pasada liga con vitoria local clara, un resultado que se repetiu tamén fronte a Somozas e Ribadumia. Con máis emoción quedaron na casa tamén os tres puntos contra o Céltiga antes de comer. Por contra, a domicilio, xogar pola mañá materializouse en 4 de 6 puntos posibles cun empate no Couto e un triunfo na Grela. Foi, ademais, o mesmo horario no que o CD Ourense visitou a nosa casa por derradeira vez, cando gañaron pola mínima.
Para esta cita, na que se agarda unha boa chegada de seareiros ourensáns, o prezo das entradas será de 15 euros mentres que os menores de idade entrarán de balde. Pola súa parte, a afección visitante poderá retirar as súas entradas no Couto sen necesidade de pasar polas billeteiras o mesmo día de partido dende o día de hoxe.
Quen non poida asistir ao partido, poderá seguirse a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderá escoitarse en directo na 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario