O partido do ano

Dá igual a categoría. Dá igual a clasificación. Dan igual os xogadores. Un partido entre Compos e Racing de Ferrol, sexa onde sexa, sempre será un partido doutro nivel. E este ano, dous anos despois, non será para menos. Unha longa espera ata esta cita, con algún que outro enfrontamento de verán entre os dous, que por fin terá un novo capítulo dentro dunha das grandes rivalidades dentro do fútbol galego.
A Terceira acollerá un dos grandes partidos do noso fútbol este mesmo domingo nunha Malata que presentará un gran ambiente nas bancadas e no que se espera unha importante chegada de seareiros branquiazuis, sempre presentes en cada cita dos nosos. Un encontro entre dous equipos en horas baixas que buscarán o camiño á vitoria despois de non poder puntuar ningún a pasada fin de semana.


Arrinque con dúbidas.
O Racing de Ferrol non está a ter o seu mellor arrinque na súa volta á Terceira división, pola que din que só están de paso. Con 11 de 21 puntos posibles, ocupan a novena posición da táboa, a catro puntos dos postos de descenso. Un equipo con gol mais cunha das defensas máis febles da categoría, que o sitúan como quinto equipo máis goleado no campionato pero que se compensa sendo o cuarto con máis gol.
Na Malata, os ferroláns descoñecen aínda o que é a derrota no que vai de curso con 3 vitorias e 1 empate, contra o Céltiga, situándose no máis alto dentro dunha hipotética clasificación de locais, sendo, xunto co Compos, o equipo con máis puntos como local. Ademais, en canto a goles, fixeron un total de 12 goles e recibiron 5 nun total de 4 xogos. Foi, sen dúbida, a mellor forma de erguerse logo da goleada encaixada no Alcalde Manuel Candocia na primeira xornada, tan inesperada coma avultada.
A nivel individual... a quen destacar? Nunha plantilla doutra categoría, con homes coma Pablo Rey, Joselu, Catú, Diego Rivas... é imposible poder falar dunha peza que saliente por enriba dos demais. Unha boa defensa, un gran centro do campo e un ataque case imparable coa pelota no seu poder. Ademais, a balón parado demostran unha alta efectividade grazas ao bo facer do seu capitán, sen dúbida un dos mellores xogadores da categoría.

Segunda vez.
Os enfrontamentos entre Compos e Racing na Copa Deputación estanse a converter en habituais nos veráns e o pasado non foi unha excepción. Na gran Final, desputada no Roxo, púidose vivir o primeiro encontro entre os dous dos tres que teremos ao longo do presente curso. Unha gran cita que non defraudou, con emoción ata o final e un novo título para a vitrina branquiazul.
Ao longo dos noventa minutos, o dominio foi alterno, con ocasións para os dous equipos e non exento de polémica, cun gol invalidado para os de Yago Iglesias e un válido para os de verde logo dun córner que semellaba ser máis un saque de porta e unha falta non sinalada sobre Saro no remate. Antes, no primeiro tempo, Alex Ares fixo o gol branquiazul que mantivo aos nosos por diante durante cincuenta minutos.
Empate ao final dos noventa minutos e sen prórroga. Para decidir ao campión da 'XXX Copa Deputación da Coruña' houbo que ir a unha quenda de penaltis realmente longa, con once disparos por equipo, e que se definiu logo de que os porteiros buscasen a sorte dende os once metros, con Lorenzo facendo o 7-8 final e parando a pena máxima definitiva dos ferroláns.

Bo recordo.
Cun pé na Terceira división, un Compos incapaz de gañar lonxe de San Lázaro chegaba á casa do líder hai dous anos e medio. Sen case esperanzas, os nosos demostraron que este tipo de partidos non se xoga, gáñanse. Emoción total e un gol de Bicho, que meses despois recalaría nas filas do conxunto ferrolán, serviron para asinar os tres puntos na Malata baixo unha intensa chuvia que complicaba o xogo por baixo.
A vitoria branquiazul non serviu para evitar o descenso de categoría dun Compos que quere volver á división de bronce o antes posible. Por contra, o Racing de Ferrol seguiría en caída sumando só 5 dos 12 puntos seguintes perdendo, ademais, o primeiro posto da clasificación.
Peor recordo nos deixa a última ocasión na que os dous equipos se viron as caras na Terceira división, hai xa seis anos. Un partido no que Rubén Comesaña e Dani Rodríguez puxeron o 2-0 no marcador antes da aparición, de novo triunfal, de Joselu para empatar o xogo chegada a hora de partido. Non obstante, as opcións dos nosos pouco tardaron en desaparecer co gol de Jorge Rodríguez asinando o 3-2 definitivo.

Unha longa historia.
Compos e Racing de Ferrol protagonizan unha rivalidade que comezou na Terceira división hai 55 anos. Máis de medio século cun total de 42 precedentes desta cita cada ano máis emocionante, importante e cheo de igualdade. Tal é a igualdade entre ámbolos dous conxuntos que o cadro ferrolán só gañou tres partidos máis ca os nosos, contando con 16 triunfos verdes e 13 branquiazuis. A iso hai que engadir outros 13 empates, case nada, con máis de 2 goles de media por partido.
Con 21 citas na Ferrolterra, abrindo cun 2-2 esta serie de enfrontamentos, os nosos só puideron facerse con 5 vitorias e 7 empates mentres que os locais gañaron un total de 9 encontros. Unha saída sempre difícil, igualada e emocionante que nos deixará de novo unha gran tarde de fútbol e goles, que se puideron ver en 19 partidos pechando só 2 sen goles.

Falemos de goles.
Racing e Compos. Compos e Racing. O enfrontamento entre dous históricos do fútbol galego deixou un total de 96 goles ata o de agora, cos nosos lixeiramente por debaixo neste caso cun total de 39 tantos anotados e 57 encaixados.
Só un total de 4 citas, dúas por casa, quedaron sen acertos que celebrar mentres que, falando de Ferrol, os nosos non conseguiron ver portería en 4 ocasións, última en 2014, e deixaron a súa a cero noutras 3, sendo Pato o último que conseguiu tal cousa hai dous anos nun triunfo pola mínima.
Outro dato que confirma a igualdade histórica é o resultado máis repetido nesta longa e fermosa rivalidade ao longo da historia do fútbol galego. O 1-1, que neste caso non deixa moi contento a todos, repetiuse nun total de 4 enfrontamentos, nos que tamén houbo algunhas goleadas das que falar.
Aínda que só cinco encontros rematasen con vitoria da Esedé, hai que celebrar algunha vitoria importante a prol dos nosos. Un 1-3, que se repetiu en dúas ocasións, foi a maior goleada branquiazul na Ferrolterra. Non obstante, maiores foron as goleadas encaixadas volvendo á casa cun 5-1 en contra alá polo 1966 e un 4-0 sete anos máis tarde.
E se falamos de gol hai que falar dun xogador en especial. Unha das pezas máis importantes nos últimos anos a nivel ofensivo do cadro departamental é, ademais, o xogador con máis goles nestes enfrontamentos logo de pasar polas filas de ámbolos dous conxuntos. Joselu, agora defendendo a camisola do Racing, anotou un total de 6 goles nestes partidos con 5 deles celebrados coas cores do equipo da capital.

Os ex poden marcar diferenzas.
Ata catro xogadores terán que medir as súas forzas diante dos seus ex. Catro pezas fundamentais nos seus respectivos equipos e que buscarán dar o mellor de si mesmos esquecendo, durante noventa minutos, ás que foron as súas afeccións nun pasado.
Comezando polas filas do Compos, hai que destacar sen dúbida a presenza de Brais Abelenda. Sen case opcións na Malata, chegou a Santiago para ser unha das pezas máis importantes do proxecto gañador de Yago Iglesias. Unha mostra clara da súa importancia é que superou, nestas primeiras sete xornadas, os minutos acumulados durante toda a tempada pasada no Racing malia non poder estar presente na derrota fronte ao Arosa por lesión.
Máis vellos coñecidos pola nosa parroquia hai nas filas do Racing de Ferrol. Ata tres futbolistas que agora visten de verde o fixeron antes coa elástica branquiazul. Adrián Armental chegou ás filas rancinguistas hai dous anos logo de saír de Santiago no 2010 pasando por Boiro e Coruxo. Máis directo foi o paso dun equipo a outro por parte de Joselu, que cambiou San Lázaro pola Malata no 2014 para seguir facendo goles na categoría de bronce. E rematamos a lista co último en vestir a camisola verde. Catú, un dos xogadores máis importantes e queridos en San Lázaro, asinou este verán polo Racing de Ferrol para reforzar a defensa na volta á Terceira división volvendo a Galiza logo dun ano en Asturias.
Aos catro anteriores hai que engadir outros once que defenderon as cores dos dous equipos, con máis ou menos importancia. Comezamos a lista cunha lenda branquiazul, Fabiano, que se retirou na Malata. O mesmo lugar escollido para a súa retirada foi o de Corredoira, que pasou tres anos nas filas branquiazuis previo paso por Ourense. Juanito triunfou tamén nas filas do Compos, abrindo as portas do Deportivo, e seguiu a súa carreira en Ferrol, entre outros moitos equipos. Ao igual que o anterior, Castiñeiras arrincou a súa carreira profesional en Santiago pasando tamén pola cidade departamental antes de volver á casa. Outras dúas pezas importantes dunha Esedé de bronce, e que tamén pasaron primeiro por 'Casa Compos' antes de asinar polo Racing foron Diego Peláez, a mellor compañía de Joselu na súa mellor etapa, o cerebro na zona de creación Gonzalo e Bicho, protagonista do último triunfo branquiazul na Malata.
O camiño inverso, de Ferrol a Santiago, tomárono xogadores coma Marcos Suárez, Nejc Kolman, Jesús Varela e Borja Facal, mais sen facelo de forma directa agás no caso do centrocampista esloveno.

Malas chegadas.
Tanto Compos coma Racing de Ferrol chegan a este partido despois de perder a pasada fin de semana os seus respectivos encontros. Dous partidos que afastan aos dous do seu obxectivo común: o posto máis alto da clasificación.
O Compos non puido contra o Arosa en San Lázaro nun partido onde os nosos mereceron máis errando un penalti aos dous minutos de dar comezo o xogo. Isto aproveitouno Luis García para adiantar aos vilagarciáns á media hora de partido mentres que Alex Ares aparecería para igualar o resultado facendo xustiza no segundo tempo. Non obstante, Sylla devolvía o triunfo aos arlequinados dende os once metros a oito minutos para o final do tempo regulamentario. Foi, ademais, a segunda derrota consecutiva.
A mesma sorte tivo o Racing de Ferrol na súa visita á Porta Santa. Con tres goles en menos de quince minutos, de Migueliño e Bilal para o Paiosaco e Pablo Rey para os ferroláns, a vitoria quedou nun campo onde está a ser moi difícil gañar. Ademais, por se a derrota non fora suficiente, o capitán racinguista tivo que retirarse mancado no primeiro tempo sendo baixa case segura este domingo.

Chegado dende Pontevedra.
O colexiado para esta importante cita será o pontevedrés Villanueva Carballo. Con experiencia na Terceira división, á que chegou no ano 2014, será o encargado de impartir xustiza nun partido dos nosos por cuarta vez en tres anos. Será, ademais, o terceiro partido que asubíe no que vai de tempada despois do Arenteiro-Barco (2-1) e do UD Ourense-Lugo B (1-0). Un árbitro que, polo que parece, dá sorte aos equipos locais, con só unha vitoria visitante nas dúas últimas tempadas.
O pasado curso foi o encargado do Compos-Silva (4-1) mentres que hai dúas campañas fixo o propio no Compos-Rápido de Bouzas (1-1) e nun As Pontes-Compos (1-1) cun final polémico deixando aos nosos con dez pola expulsión de Diego Rey e outros tres cartóns máis no tempo engadido. Aínda así, hai que destacar que a Esedé nunca perdeu con el sobre o terreo de xogo.

Baixas moi importantes. 
Os dous equipos chegan a esta cita con problemas nos seus equipos, con baixas moi importantes. E é que, malia recuperar a Remeseiro e Abelenda para esta cita, Yago Iglesias non poderá contar coa presenza no once de Alex Ares, peza fundamental nas vitorias branquiazuis e gran creador do perigo compostelanista. A el hai que engadir as ausencias xa máis que coñecidas de Rubén e Alberto. 
Pola súa parte, Emilio Larraz non poderá contar para esta cita con Marcos, baixa segura, Juan Antonio, que será dúbida ata o último momento, e Pablo Rey, que apuntaba a ausencia mais as últimas probas non descartan a súa presenza no enfrontamento. 

Tingamos A Malata.
O estadio ferrolán abrirá as súas portas o domingo ás 18h para acoller un dos mellores partidos do curso. Alí se espera unha gran chegada de seareiros tanto locais coma visitantes, que estaremos situados na bancada de Gol Norte. Ademais, o clube departamental porá a disposición dos afeccionados branquiazuis entradas a 8 euros para maiores de 12 anos e a 1 euro para menores desa mesma idade. 
Por contra, quen non poida estar en Ferrol poderá seguir o encontro a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter. Ademais, poderase ver a través da segunda canle da TVG e na Taberna de San Lázaro, que volverá emitir outro encontro do Compos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario