Contentos os dous

Compos e Ferrol remataron un dos partidos do ano cun empate sen goles que deixa aos nosos fóra dos postos de promoción de ascenso por primeira vez un ano despois. Un partido, o visto na Malata, onde ningún equipo quixo cometer erros sabendo da calidade do rival, cun dominador por parte no que os ferroláns puideron gañar aos puntos. A Esedé, que fallou o terceiro penalti en tres xornadas consecutivas, anotou o único gol do encontro mais foi invalidado polo asistente do colexiado. 


Primeiro tempo, verde.
Sen dúbida, o Racing de Ferrol foi dono claro nuns primeiros corenta e cinco minutos facendo un fútbol máis directo contra un Compos que se viu co primeiro contratempo moi pronto, convertido na lesión de Uña. Con iso e o gran traballo realizado por Joselu, os locais a piques estiveron de dar unha boa sorpresa ante a porta defendida por Lorenzo. 
O de Palmeira, que non foi quen de aumentar a súa conta contra os nosos, foi sen dúbida o gran protagonista do primeiro tempo perdoando ata tres ocasións mandando un balón directo ao pau logo de superar ao gardamallas padronés, pesadelo do ex dianteiro branquiazul. 
Na outra portería, pouco traballo para Diego Rivas antes do tempo de lecer. Só un tiro de Saro puido incordiar ao porteiro ferrolán nunha área na que se demostraron os nervios típicos da cita cunha liorta logo dun balonazo na cara dun defensa local cun cartón amarelo para Santi logo de encararse con Garrido. 

Espertou o Compos.
No segundo tempo melloraron un pouco as cousas tinguindo algo o partido de cor branquiazul. Mais, as ocasións sobre a portería de Lorenzo non cesaron con dúas moi claras nos primeiros dez minutos. Unha de Joselu, que sacou o gardamallas cunha gran estirada, e un balón de Seoane na seguinte ocasión que petou no longueiro, serviron para esperar aos homes de Yago Iglesias, que buscaron provocar algo de perigo pola banda de Brais Abelenda.
Logo do aviso dobre por parte dos ferroláns, chegou unha das mellores oportunidades para os nosos. Unha xogada que comeza nos pés de Remeseiro, éste manda a pelota ao segundo pau e alí non perdoa Josiño. Un bo gol que anulou o asistente por suposto fóra de xogo, sen o VAR para confirmar que non había tal posición antirregulamentaria, obrigando a meter unha marcha máis para superar a unha defensa con Catú amoestado dende a primeira xogada desta segunda metade. 
E chegou. Chegou a que foi a mellor ocasión do encontro en forma de penalti logo dunha falta clara de Garrido sobre Brais Abelenda. Non obstante, e por terceiro partido consecutivo, a vitoria quedou nos once metros. Santi, terceiro que buscou rachar o meigallo dos nosos cos penaltis, topouse con Diego Rivas cando semellaba que a pelota entraría. 

O Racing mereceu algo máis.
Logo do penalti perdoado, o equipo departamental foi de novo superior petando contra un Lorenzo que desbaratou todas e cada unha das oportunidades dos locais. O padronés, que deixou a súa porta a cero despois de cinco xornadas encaixando, convertiu a súa área nun inferno para un dos mellores equipos do campionato. 

Agora, semana de preparación para recibir en San Lázaro a outro dos grandes da categoría. A UD Ourense, que se está a estrear na categoría da mellor maneira posible, visitará San Lázaro sen coñecer aínda a derrota e con só un gol encaixado no que vai de liga. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Uña (Piscu, min. 18), Naveira; Samu, Remeseiro (Mon, min. 63); Miki, Abelenda (Aythami, min. 71), Josiño; e Santi. 
CARTÓNS: Amarelos para Santi, Remeseiro e Naveira.
GOLES: 0-0.
CAMPO: A Malata. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario