Volve o campión

Dous meses despois de perder en San Lázaro contra o Salmantino, o teatro branquiazul abrirá as súas portas para acoller a primeira xornada de liga diante do Polvorín F.C.. Un partido que tivo ata tres escenarios diferentes, dous deles en Lugo, e que pasará de xogarse pola mañá a pechar a primeira data dun campionato que se presenta emocionante con grandes equipos, entre os que figuran estes dous.


O único filial.
O Polvorín chegou á categoría este mesmo verán por primeira vez na súa historia, fundado alá polo ano 1991, sendo o filial oficial do CD Lugo dende hai tres anos. De feito, dende o seu convenio co clube da capital lucense, o equipo conseguiu dous ascensos en tres anos quedando ás portas da Terceira división hai dous cursos. Un convenio que, ademais, facilitou a chegada de xogadores de bo nivel ao filial albivermello.
Con escasas incorporacións chegadas no mercado estival e un bo número de xogadores da base, o conxunto lugués arrincou a súa pretempada con goleada diante do Sarriana. Un resultado positivo para o campión da Preferente que conseguiu un bo empate contra o Racing Vilalbés na súa segunda cita, nun derbi que se repetirá na categoría. Ademais, un triunfo pola mínima ante o Silva, mesmo resultado nun triangular en Ourense contra a UD Ourense e empate sen goles contra o Ourense CF antes de pechar a preparación para o novo curso con derrota a mans do Laracha.
Listos para a súa estrea na categoría, os de José Durán chegarán a San Lázaro con ilusión e sen medo, coa experiencia de enfrontarse xa a varios equipos da Terceira galega.

Sen pasado común.
Esta será a primeira vez na que Compos e Polvorín se vexan as caras ao longo da historia. Non obstante, si houbo un gran número de enfrontamentos entre os santiagueses e o primeiro equipo do CD Lugo, dende unha primeira vez en 1963 e contando os amigables dos últimos anos.
Con máis de 40 enfrontamentos entre ámbolos dous conxuntos, hai unha gran igualdade nos resultados, lixeiramente positivos a prol da escadra albivermella, ao que o Compos non gaña dende 1993, na Copa do Rei.

Segunda estrea na casa.
Esta será a segunda vez consecutiva que o Compos arrinque o curso na casa. O pasado ano, contra o Silva, unha goleada serviu para abrir da mellor maneira unha gran tempada.  A iso hai que engadir que o equipo non se estrea na casa con derrota dende 2003, cando caeu por 1-2 fronte ao Zamora, unha tempada que o equipo pecharía na penúltima posición perdendo dúas categorías fóra dos terreos de xogo.

Dúas baixas.
Para esta estrea, Yago Iglesias contará con dúas baixas no centro do campo branquiazul. Á xa máis que coñecida de Rubén, sen tempo de recuperación aínda estimado, hai que engadir a baixa de Alberto, cunha pubalxia. A parte, o adestrador ribeirense terá que facer outros dous descartes antes do encontro.

Colexiado ferrolán.
Para esta primeira cita o colexiado será o ferrolán Adrián González Franco. Con experiencia na categoría dende 2015, xa foi o encargado de impartir xustiza en dous partidos do noso Compos. En 2016 en San Lázaro contra o Cerceda e neste mesmo verán, na Copa Deputación, contra o Bergantiños co mesmo resultado, 2-1 a prol dos nosos.

E finalmente...
Nin no Ceao, nin no Anxo Carro, a primeira xornada será en San Lázaro. O teatro branquiazul abrirá as súas portas na primeira xornada de liga logo dos problemas nos dous campos lugueses. Un partido que se xogará o domingo ás 20 horas e para o que as entradas para non aboados terán un prezo de 10 euros. Pola súa parte, quen aínda non tivo tempo para facerse o abono da tempada, a oficina estará aberta dende unha hora antes.
Por contra, quen non poida achegarse a San Lázaro poderá seguir o encontro a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, así como no perfil oficial do clube en Twitter.

Ningún comentario:

Publicar un comentario