Gran estrea

O Compos estreouse na liga cunha gran vitoria diante do filial do Clube Deportivo Lugo. Un gran partido dos nosos onde as novas fichaxes que tiveron a oportunidade de estrearse na competición deixaron moi boas sensacións con Remeseiro como autor das dúas asistencias do xogo e Piscu, que anotou o tanto definitivo, como pezas máis importantes. A iso hai que engadir o bo encontro de Abelenda e a gran velocidade de Miki coa que chegaron grandes ocasións. Ademais, Aythami creou perigo dende a entrada ao terreo de xogo mentres que Josiño non tivo case tempo de facer nada destacable.


Á contra tamén se pode. 
Os dous equipos saltaron ao terreo de xogo con moito respecto ao rival. Igualdade nos primeiros minutos de encontro, co cadro lugués un tanto superior mandando na posesión do esférico mais sen conseguir crear ocasións de perigo sobre a portería de Lorenzo, algo que si puido facer unha Esedé que tivo a primeira oportunidade de adiantarse no arrinque cunha ocasión que non foi quen de materializar un Brais Abelenda moi activo en traballos ofensivos.
A igualdade sobre o verde desfíxose dun xeito que o ano pasado non era o máis habitual. Ante a presión do filial lugués, impedindo a saída de balón local, houbo que buscar o gol á contra. Un contraataque rápido liderado por Santi e ao que acompañaron Alex Ares e Remeseiro. O dianteiro de Navia comezou a carreira superando o centro do campo, pase para o '10' e este xoga do ex do Boiro, que asiste de novo a Santi para que só teña que empurrala. Un gran gol para abrir o campionato do mellor xeito. 
Co resultado a prol dos nosos, as cousas foron moito máis doadas. As chegadas aumentaron sobre a portería defendida por Cacharrón con máis perigo pero sen a sorte precisa para poñer algo máis de tranquilidade.

Segunda metade dominada.
Despois dun primeiro tempo igualado, o segundo estivo máis dominado polo Compos. Non obstante, malia contar con máis facilidades para xogar en campo contrario, a falta de acerto fixo que os nosos non puideran aumentar distancias ata ben pasado o tempo. 
Miki, Uña, Ube, Abelenda... A Esedé sabía que non había que deixar pasar a oportunidade de poñer máis terra de por medio contra un Polvorín que tivo a súa mellor ocasión á contra aproveitando unha mala saída de Lorenzo e que salvou en liña de gol Remeseiro, chegando en carreira como un lóstrego evitando o empate. 
Como resposta, menos de dez minutos despois, chegou o gol co que se pechaba calquera opción para o cadro visitante. Centro medido dende o curruncho de Remeseiro, que demostrou ter unha luva no pé, e Piscu chega dende atrás para facer un gol cun gran testarazo. 
Quince minutos por diante ata o final, no que o máis destacado foi a estrea de Aythami e unha oportunidade de Ube no treito final que saiu fóra logo de petar nun defensa. 

O equipo, que arrinca a liga, segundo na clasificación, terá que recibir a vindeira fin de semana de novo en San Lázaro ao Céltiga con horario por confirmar nas vindeiras horas.

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, Uña, Naveira; Mon, Remeseiro (Josiño, min. 84); Miki (Aythami, min. 68), Alex Ares, Abelenda; e Santi (Ube, min. 78).
CARTÓNS: Amarelo para Piscu.
GOLES: 1-0 24' Santi, 2-0 76' Piscu.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario