Nun sorteo moi longo, unha hora despois de comezar, apareceu a bola vermella co nome do Compos. Apareceu de primeira na eliminatoria... e seguida da do Espanyol B. Tocou un filial de Primeira. Tocou un 'coco'. O equipo que saiu Campión de grupo en menos tempo, nun grupo tan complicado coma o catalán sen perder nin un so partido ata conseguilo. Un rival a evitar e que chegará a Santiago coa única intención de volver á Segunda B, da que descenderon a pasada campaña.
Campión invicto.
Malia rematar o campionato con dúas derrotas, o filial do Real Club Espanyol asinou o campionato libre de derrotas hai xa mes e medio. O equipo 'perico' pechou o seu primeiro obxectivo sen case dificultades pasando por enriba de equipos coma Sant Andreu, L'Hospitalet ou Terrassa a mediados do mes de marzo, logo dun triunfo ante o Gavá, outro ex da Segunda B e que xogará a vindeira tempada na Primeira Catalá.
Un equipo cun plantel moi forte entre os que destacan homes coma o porteiro Eduardo Frias, habitual nas convocatorias do primeiro equipo, ou Genís, chegado no mercado de inverno procedente do Villarreal. Un equipo no que, ademais, hai que salientar a súa media de idade, que supera por moi pouco os 21 anos.
Tres vitorias.
Dende que conseguiron o título, ao que chegaron sen perder, o filial barcelonés, ata hai pouco dirixido por David Gallego e agora no banco do primeiro equipo, caeu fronte ao Europa e o L'Hospitalet, nas dúas ocasións a domicilio, sumando outros tres empates e pechando a tempada regular con tres vitorias contra Santboià, Santfeliuenc e Pobla de Mafumet. Antes, 30 vitorias e só 6 empates para un equipo que quedou sen marcar en catro ocasións anotando un total de 74 goles, 12 deles de Puado, e mantendo a súa meta a cero noutros 19 encontros encaixando un total de 25 goles.
Ida, en Santiago.
O sorteo marcou que a ida sexa a vindeira fin de semana en San Lázaro mentres que a volta, sete días despois, será en Barcelona. Os horarios, aínda descoñecidos.
Tampouco será doado para o resto.
O Alondras, cuarto clasificado, terá que enfrontarse ao Langreo, segundo no grupo asturiano, coa ida en Cangas. O Racing Vilalbés, terceiro, tamén terá que xogar a volta a domicilio ante o Atlético Pulpileño murciano. Pola súa parte, o Bergantiños viaxará a terras navarras na ida e recibirá unha semana despois ao Cirbonero nas Eiroas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario