Non se fai historia polo camiño fácil

Non será doado pero ninguén fai historia polo camiño fácil. O Compos terá este domingo o primeiro enfrontamento da serie desta promoción de ascenso de campións, á que chega nove anos despois. Cun rival temible, o equipo a evitar no sorteo, e a volta a domicilio, San Lázaro debe ser un inferno branquiazul no que será o partido máis importante case da última década. 
Diante, un Espanyol B que gañou a liga no seu grupo, un dos máis complicados de toda a Terceira división, hai xa dous meses permitíndose rebaixar a intensidade e deixar algúns puntos polo camiño prendendo de novo a máquina nas últimas xornadas encadeando outras tres vitorias máis. Un filial de Primeira que quere volver ao seu sitio. 


De paseo pola Terceira.
O Espanyol B descendeu a pasada tempada á Terceira división despois de 5 anos na categoría de bronce, onde pasou boa parte da súa historia sen conseguir nada mellor que un segundo posto e tres promocións de ascenso á Segunda división sen premio. Un equipo que demostrou estar só de paso pola categoría conseguindo a mellor puntuación da súa historia, nada máis e nada menos que 90 puntos, sendo ademais un récord no grupo. 
O conxunto catalán, dirixido durante boa parte por David Gallego ata o seu ascenso ao primeiro equipo, non só é un equipo de récord senón que ademais asinou ese título de campión sen perder nin un so encontro ata que o fixo oficial. O Gavà foi a súa última vítima xogando ao cen por cen recibindo unha goleada coa que confirmar esa recompensa máis que merecida. Antes, 24 vitorias e só 6 empates en 30 xornadas pasando por enriba de todos e cada un dos seus rivais. 
Un total de 90 puntos ao final do campionato grazas a 27 vitorias, 9 empates e só 2 derrotas, diante do Europa e o L´Hospitalet, avalan a un equipo que anotou un total de 74 e encaixou 25, 8 deles nos dous últimos meses xa sen nada polo que pelexar preparando algo máis a promoción de ascenso. 
Cuns números case inigualables na casa, a domicilio conseguiron dous puntos menos ca os nosos. Lonxe da casa asinaron as súas dúas únicas derrotas e empataron en cinco ocasións deixándose dez deses puntos xa co campionato no peto. Cabe destacar, ademais, que a domicilio quedaron sen marcar en tres ocasións empatando en dúas citas e caendo na outra. Por contra, mantiveron a súa porta a cero en oito saídas. 
A nivel individual é moi complicado poder destacar só a un xogador. Con grandes pezas coma Puado, máximo goleador do equipo con 12 tantos, e outros tantos xogadores cun futuro na Primeira división e que forman un equipo moi completo en todas e cada unha das liñas. 

O primeiro equipo non puido. 
Estamos a falar agora da década dos 90. Comezando na Segunda división, co ascenso dos dous equipos ao máis alto, con catro anos en Primeira e outro máis na Copa do Rei. Así se poden dividir os enfrontamentos entre Compos e Espanyol. Uns precedentes positivos para os nosos xa que os 'pericos' non puideron gañar tanto en Santa Isabel coma en San Lázaro conseguindo dous empates e catro vitorias galegas. Un dato non tan positivo se falamos do pasado en Barcelona, pero iso queda para a vindeira semana. 
Unha goleada no 93 dun Compos que ascendería en Oviedo ante un Espanyol que remataría campión de liga grazas aos goles de Fabiano, Ohen e Tocornal abría unha serie de partidos contra o cadro barcelonés que vería un empate na primeira visita dos cataláns a San Lázaro, un ano despois. A sorte seguiu do noso lado para asinar outros tres puntos na segunda tempada en Primeira e unha nova goleada caeu no 97 cun final cheo de emoción. Non obstante, o Espanyol sacou de novo algo positivo da nosa casa na derradeira tempada branquiazul en Primeira cun empate insuficiente para os nosos. Unha serie que ten un final na Copa do Rei no ano 2000 cunha vitoria local pola mínima no partido de volta, despois dun 5-1 en contra na ida. 
Por contra, non existen precedentes contra o filial barcelonés sendo esta a primeira ocasión na que se ven as caras.  

As promocións son nosas. 
Con máis ou menos problemas, o Compos asinou o ascenso sempre que participou nunha promoción de ascenso tanto á Segunda B, coma á Segunda división ou incluso á Primeira. Algo que leva facendo dende o ano 1991 superando a Badajoz, Alcoyano e Alavés nunha liga despois de quedar terceiro no seu grupo. 
Co billete á Segunda grazas a unha promoción de ascenso, máis histórico foi o conseguido tres anos despois. Terceiros na liga, habería que superar a un dos equipos que remataron a mesma tempada na promoción de permanencia na máxima categoría. O Rayo Vallecano nesta ocasión foi o rival que se cruzou na historia branquiazul comezando a serie de partidos, de ida e volta, para o 22 de maio. Un empate en cada campo e un terceiro encontro nun campo neutral, que foi o Tartiere de Oviedo o 1 de xuño do 94, unha data inesquecible. Alí chegou unha conquista histórica grazas a dous goles de Ohen e outro de José. 
Catro anos na élite levaron a outros tres na Segunda división, despois dun descenso. Incapaces de volver ao máis alto e estando ás portas do descenso na segunda tempada, o equipo caeu á Segunda B, onde só estivo unha tempada acadando o terceiro posto e conseguindo o ascenso nunha nova promoción diante de Barcelona B, Valencia B e Mérida ascendendo na penúltima xornada, na casa diante do filial barcelonista. E comezou a caída en picado dun grande. 
A seguinte ocasión na que houbo que pasar por unha fase de ascenso foi en 2009. Campión da Terceira división, só precisaría dunha eliminatoria para ascender. O rival foi o Atlético Monzón e a eliminatoria quedou case sentenciada na ida cun 3-0 con dous tantos de Claudio e outro de Vladimir. O partido de volta, en terras aragonesas, rematou con derrota dos nosos pola mínima. E de novo camiño da Segunda B, nesta ocasión con tres eliminatorias por xogarse, atopamos a Ebro, San Juan e Cieza, en 2013, sen perder ningún dos seis partidos. 

Os filiais nunca son fáciles.
Na historia branquiazul cruzáronse moitos filiais en diferentes categorías do fútbol tanto galego coma español entre os que destacar aos dous antes citados na promoción de ascenso á Segunda división en 2002. Ademais, nestes cinco últimos anos visitaron San Lázaro outros catro filiais que non puxeron as cousas nada fáciles levándose, polo menos nunha ocasión, os tres puntos para a casa.
O Fabril, que a pasada campaña non deixou opción a un Compos sen ideas, é o mellor exemplo de filial ante o que nada se puido facer, nin na casa nin a domicilio. Ademais, é o precedente máis próximo con data do pasado curso. Tamén Celta B, que conseguiu 4 de 12 puntos posibles nas súas 4 últimas visitas a Santiago, Sporting B, con 4 de 9, e Valladolid B, con 3 de 6, deixaron o seu selo no mesmo campo onde anos antes caeron Valencia B e Barcelona B, cun equipo con xogadores coma Víctor Valdés ou Andrés Iniesta, que anos despois se convirtirían en lendas do primeiro equipo gañando todo o posible. 

Tranquilos.
O Compos xogou a derradeira xornada de liga sen intensidade nin presión permitindo un triunfo ao Choco co que rematar a tempada con algo máis de ledicia. Un encontro que comezou co 'pasillo' aos campións e se pechou con goles de Gabi e Óscar Castellano para os redondeláns e de Tomás para os nosos sen xogadores coma Alex Ares ou Primo, reservados para chegar sen problemas a esta promoción. Pola súa parte, a nova boa e mala ao mesmo tempo, foi a volta de Diego Rey aos terreos de xogo marchando do campo no engadido con problemas físicos.
Pola súa parte, o Espanyol B deixou opcións aos seus rivais no mesmo momento no que pecharon o campionato de xeito matemático, con oito partidos por diante. Non obstante, despois de cinco xornadas sen coñecer a vitoria, o filial catalán meteu de novo a directa e encadeou outros tres triunfos ante Santboià, Santfeliuenc e Pobla de Mafumet, ao que gañaron a pasada fin de semana grazas a un gol de Perea no comezo do encontro. Hai que engadir tamén que as tres vitorias foron pola mínima. 

San Lázaro é noso. 
Nunha tempada para a historia, a Esedé pechou un curso na casa ao alcance de moi poucos. Con 43 de 57 puntos posibles, Boiro, Barco, Bergantiños e Choco foron os únicos capaces de sacar os tres puntos de San Lázaro mentres que o Arosa sacou un punto insuficiente para pechar a tempada entre os catro primeiros. 
Pola súa parte, o Espanyol B asinou dous puntos menos a domicilio. 12 vitorias, empates ante Castelldefels, Santboià, Sant Andreu, Palamós e Figueres e dúas derrotas, ámbalas dúas no treito final do curso, contra Europa e L'Hospitalet. Hai que engadir tamén que nos últimos oito partidos non conseguiron marcar máis dun gol. 

Santi, a única baixa. 
Para este primeiro partido, Santi será baixa por unha torcedura no nocello. Sen sancionados e con Diego Rey xa recuperado, Yago Iglesias terá á súa disposición ao resto do equipo obrigado a facer tres descartes antes do partido. Un encontro que se encargará de impartir xustiza o colexiado asturiano Bermejo Ferrero. 
De cara á promoción, todos chegan limpos de amoestacións e as sancións chegarían a partir dos tres cartóns amarelos, aos que non chegaría ningún xogador do Compos de superar esta primeira eliminatoria. 

Empezar gañando. 
Unha parte moi importante desta ida, o domingo ás 17:30 horas, ten que ser o campo, a afección. San Lázaro ten que ser un inferno para o cadro visitante e para iso agárdase unha entrada á altura das circunstancias. Durante toda a semana, e ata o sábado ao mediodía, as entradas para aboados están dispoñibles na oficina a un prezo de 10 euros por persoa e de balde para menores de 18 anos. Por contra, os non aboados terán que pasar pola billeteira o día do partido para facer cunha das entradas a 15 euros para maiores de 18 anos ou 5 euros para rapaces de entre 17 e 13 anos. Ademais, os menores de 12 anos non pagan. 
Por contra, quen non poida achegarse ao campo, poderá seguilo en directo a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, así como na conta oficial do clube en Twitter. Tamén poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial, ou verse en directo na segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario