Pensando noutras cousas

Compos e Choco pecharon a tempada en San Lázaro nun partido onde se amosou que non había nada en xogo. Os nosos, pensando na promoción de ascenso, xogaron a medio gas permitindo máis do normal a un contrario que non perdoou nas dúas máis claras que tiveron. Enfrontamento onde non se amosou todo o poderío dun equipo onde houbo tres baixas moi importantes no once titular e ao que volveu Diego Rey despois de varias semanas fóra dos terreos de xogo. 


Botamos unha soneca? 
Se o ritmo do partido non foi o que se pode dicir alto, case máis dun partido amigable, menos o foi no primeiro tempo. Corenta e cinco minutos sen moito que contar nos que o Choco arrincou de mala maneira, cun troco obrigado cando nin se chegara aos oito minutos, arranxando a tarde minutos despois poñéndose por diante. Un gol dende os once metros de Gabi Misa logo dun penalti feito por Lucas sobre Chiqui. 
O gol visitante tampouco fixo que os nosos se meteran no partido, facéndose coa posesión do esférico pero sen provocar ninguna oportunidade de perigo ata superar a media hora de xogo, cando Rubén probou sorte dende unha banda sen haber un rematador que finalizase a xogada. Non obstante, a mellor oportunidade dos nosos no primeiro tempo chegou no engadido cunha dobre ocasión que salvou o porteiro redondelán evitando o empate. 

Algo mellor. 
A segunda metade arrincou cun guión semellante ao da primeira. O Choco volveu marcar antes dos dez minutos, nesta ocasión con gol de Chiqui petando a pelota nun defensa e enganando a Lucas, e pelota para un Compos que agora si aumentou algo a intensidade grazas aos trocos e á xente que busca o seu sitio no once titular de cara ao que se ven. 
A pelota pasou a ser totalmente para o Compos, que xogou sen presión nin intensidade por primeira vez en moito tempo, descansando un pouco para facer frente a unha semana que pode ser histórica. Aínda así, Tomás, que non perdeu a cara ao partido en ningún momento, tentou meter ao equipo no partido cun gol, aproveitando un erro da defensa e facendo un auténtico golazo cunha definición perfecta. 
Vinte minutos máis por diante nos que os nosos non puideron sacar un empate que mantería a boa xeira branquiazul de cara á promoción. Ademais, a peor nova do encontro foi a posible lesión de Diego Rey, que tivo que deixar o campo sen poder sequera camiñar. 

Mañá luns pola tarde haberá o sorteo da promoción no que coñeceremos o noso rival na pelexa polo ascenso á Segunda B.

ALIÑACIÓN: Lucas; Sergio, Cardeñosa (Samu, min. 46), Uña, Naveira; Mon, Ube; Róber (Diego Rey, min. 57), Rubén (Alberto, min. 51), Tomás; e Sobrido. 
CARTÓNS: Amarelo para Cardeñosa. 
GOLES: 0-1 15' Gabi Misa, 0-2 54' Chiqui, 1-2 72' Tomás. 
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario