Que o Compos sexa campión de liga é cuestión de tempo. O cadro de Yago Iglesias sumou outros tres puntos diante dun Villalonga que se despide da categoría deixando unha boa imaxe en San Lázaro, dando a cara diante dun líder que, durante cinco minutos, tivo o primeiro posto na man. E é que os nosos encadearon un novo triunfo importante fronte a un rival que nin sequera puxo en problemas a Lorenzo.
O xusto na primeira parte.
Cun once moi diferente ao que saltou no García Calvo o pasado sábado, coa entrada de Lorenzo baixo paus seis meses despois, o Compos non tardou en demostrar o seu estilo de xogo sobre o campo e as súas intencións. Diante, un Villalonga que saiu coa única intención de evitar unha goleada e saír á contra.
O guión, tinguido de branco e azul, foi o habitual. Balón para os nosos, dominio en campo contrario e varios intentos, sen sorte, de superar ao gardamallas. Non obstante, a diferenza do segundo tempo ante o Negreira, as oportunidades chegaron con máis facilidade con boas internadas tanto de Primo coma de Alex Ares incluindo un penalti sobre o cántabro non sinalado.
Erros á hora de poñer en apuros ao porteiro sanxenxino sucedéronse durante os primeiros corenta e cinco minutos, con imprecisións diante, fronte a un rival que non deixou case ocos cun muro defensivo formado por cinco homes.
O gol, tan esperado como merecido, chegou cun erro dos celestes. Balón solto na área co que se fai Rubén gañando en velocidade aos zagueiros e non perdoa cun disparo cruzado raso que engana ao porteiro. Un bo gol do vilagarcián para poñer o primeiro no marcador, co que se chegou ao tempo de lecer.
Máis tranquilidade na segunda metade.
Se o primeiro tempo foi tranquilo, o segundo non quedou atrás coa única diferenza de que chegaba máis información dende Vilagarcía. En San Lázaro, o Compos saltou de novo con intencións de atopar o camiño ao gol e Primo, que marcou nos cinco últimos partidos en San Lázaro, non perdoou na mellor que tivo, con asistencia de Rubén incluida.
Co segundo gol baixou máis aínda a intensidade e Marcos, gardamallas visitante, gañou importancia parando as escasas ocasións dos nosos que foron entre os tres paus. A parte, pouco que contar de corenta e cinco minutos con escasas interrupcións e todo definido.
Tarde de transistores.
Co traballo feito, era o momento dos teléfonos móbiles. Para ser campións, habería que esperar un pequeno favor dende Vilagarcía. Ese favor, estivo moi preto xa que o Arosa, a quince minutos para o final, adiantouse grazas a un gol de Javi Pazos. Non obstante, a ledicia durou catro minutos, os que tardou o Bergantiños en empatar.
O resultado da Lomba deixa aos nosos a un punto do campionato, que se podería conseguir o vindeiro domingo na penúltima xornada do campionato no Carballiño, ante o Arenteiro.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Cardeñosa, Casas, Sergio; Ube (Alberto, min. 59), Mon; Tomás (Santi, min. 75), Alex Ares (Róber, min. 75), Rubén; e Primo.
CARTÓNS: Amarelos para Ube e Tomás.
GOLES: 1-0 36' Rubén, 2-0 58' Primo.
CAMPO: San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario