Tres días

Día de Liga de Campións e o Compos pode saír da penúltima cita en San Lázaro como tal. Con só dous días para preparar o partido e sen tempo para descansar, o cadro dirixido por Yago Iglesias buscará selar o primeiro posto, algo para o que depende do que pase na Lomba, ou ben deixar encamiñado o obxectivo definitivo que, se todo vai como ata o de agora, asinaríase no Carballiño o vindeiro domingo. Nesta ocasión, diante estará un Villalonga que pode certificar o seu descenso aínda gañando, dependendo de outros equipos.


O descenso, case unha realidade.
A día de hoxe, o Villalonga é o equipo que peor ten a salvación. O equipo sanxenxino non depende de si mesmo xa que tería que gañar os tres partidos que ten por diante, que perdan todo os catro equipos que ten por enriba na táboa, que ascenda polo menos un equipo á Segunda B e que non descenda outro. Unha milagre sería a única posibilidade para que os homes de Luis Oliveira poidan manter unha categoría que se lle quedou un pouco grande este curso.
O pechacancelas da categoría con 24 puntos, a 8 dun Noia que arestora marca os postos de descenso, asinou un total de 5 vitorias, 3 delas a domicilio, 9 empates e 21 derrotas. Un rival que chega como o equipo menos goleador da categoría, con 24 goles a favor, e o terceiro que máis recibe, con 60, superado por Noia e Cultural Areas.
Os seus números, con pouca importancia, melloran cando falamos dos seus partidos a domicilio. E é que lonxe de San Pedro, os celestes conseguiron mellores resultados ca na casa. 3 triunfos, fronte a Noia, Negreira e Boiro, e 5 empates, todos eles con goles, entre os que destacar o 1-1 conseguido tanto en Calabagueiros coma en Vilagarcía. Ademais, 9 derrotas sendo o mellor equipo a domicilio dos catro que ocupan postos de descenso.
A nivel individual, hai que destacar o gran traballo que está a facer Aarón. O dianteiro cangués é con diferenza o máximo goleador do equipo con 11 tantos no seu casilleiro seguido por varios compañeiros que sumaron 2 no que vai de tempada. Non obstante, o goleador celeste parece que non poderá estar en San Lázaro logo de saír mancado fronte ao Barbadás este sábado pasado.

Ceo e inferno.
É certo que non dependemos de nós mesmos para conseguilo xa, habería que agardar por un esvarón do Bergantiños, pero este domingo pódese dar en San Lázaro case ás 20 horas un caso un tanto curioso. O Compos podería certificar o primeiro posto de cara á promoción de ascenso a dúas xornadas para o final, algo que só se daría se o Arosa gaña aos carballeses na Lomba, mentres que o Villalonga tería que gañar e agardar un pleno de derrotas do resto de equipos que pelexan por salvarse para non ser oficialmente equipo de Preferente con aínda 180 minutos por xogarse.

Seguindo os seus camiños.
A pasada xornada foi de confirmación para os dous equipos. O Compos, ao que non se lle están a dar ben os equipos da zona baixa, conseguiu un triunfo 'in extremis' no García Calvo. Unha vitoria tan complicada como celebrada e que mantivo aos nosos a catro puntos do Bergantiños.
Por outro lado, o Villalonga chega de perder pola mínima ante un Barbadás que quere seguir con vida. Un encontro complicado para o conxunto ourensán que se amosou un pouco superior grazas ao gol de Martín no primeiro tempo pechando a fin de semana a un punto dos postos de permanencia.

Emoción prometida.
Ao longo da historia, Compos e Villalonga confirmaron unha igualdade sobre o verde que se demostra con resultados. Un emparellamento difícil e que, en Santiago, nos deixou 2 vitorias locais, 2 empates e 1 derrota nos últimos 30 anos. Hai que engadir que só un deses encontros se decantou dun lado por máis dun gol de diferenza, o que rematou por 2-0 a prol dos nosos grazas aos goles de Kolman e, como non, Joselu. Ademais, 1-0 para os nosos no ano 89 e dous empates, un sen goles e outro a un, que non deixaron contentos a ninguén.
Da única derrota branquiazul hai que falar a parte. Foi a pasada tempada e o Villalonga gañou cun gol de Pablo Mota nun partido moi estraño. Un xogo que destacou por unha acción de Santi mandando fóra un balón cando o tiña todo para marcar logo de ver laiándose a Iván Parada e no que os nosos non foron quen de marcar malia xogar contra un porteiro mancado máis de sesenta minutos.
En canto á primeira volta, máis emoción e igualdade. Un partido gañado polos nosos malia comezar perdendo por mor dun gol de Javier Míguez antes dos dez minutos. Mon asinou o empate segundos antes do tempo de lecer e Primo pechou a remontada logo do paso por vestiarios.

O cansazo pode marcar as baixas.
Co só Diego Rey no parte de baixas por lesión, Yago terá que confeccionar unha convocatoria marcada polos xogadores cansados logo do encontro da pasada fin de semana no García Calvo. Mon, Sergio e Rubén, que non estiveron en Negreira, poderían ser as novidades da lista.

Martes pola tarde.
Coma se dun partido de Liga de Campións se tratase, o Compos terá que traballar duro este martes. Un partido para o que San Lázaro abrirá as súas portas ás 18 horas e para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para maiores de 18 anos, 5 para rapaces de entre 17 e 13 anos e de balde para menores de 12 anos. Ademais, os estudantes da USC terán 2x1 nas entradas presentando o carné universitario.
Quen por contra non poida ir ao partido poderá seguilo a través das redes sociais da Curva Branquiazul, Twitter e Facebook, ademais do perfil oficial do clube en Twitter. Tamén se poderá escoitar en directo por 'Esedé Radio', na web do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario