Só queda un pasiño! O Compos é virtualmente Campión do grupo I da Terceira división, premio do que lle separa só un punto para que sexa matemático. O equipo santiagués, que superou ao Villalonga, aumentou ata os seis puntos a diferenza con respecto ao Bergantiños, que non puido gañar na Lomba nun partido con emoción ata o final. O Racing Vilalbés, pola súa parte, está a piques de pechar a súa clasificación para a promoción de ascenso mentres que o Arosa pasa a depender de si mesmo. O Alondras segue sen perder ollo deses postos privilexiados mentres que Somozas e Barco quedaron practicamente sen opcións de pelexar polo ascenso.
Case na man.
A falta de 180 minutos para o final do campionato regular, só un punto separa ao Compos do obxectivo final. Un premio tan merecido coma desexado despois de nove anos, cando o equipo rematou líder na mesma categoría ascendendo na promoción diante do Atlético Monzón aragonés. Isto conseguiuse grazas ao triunfo claro diante dun Villalonga xa descendido, ademais da gran tempada feita polos nosos. Rubén e Primo anotaron os dous goles nun equipo cun once moi diferente ao que adoita sacar o adestrador branquiazul.
Quen perdeu case tódalas súas opcións de gañar a liga, tería que gañar os dous partidos que restan ata o final e que o Compos non puntúe máis, é o Bergantiños. O equipo carballés non puido facerse cos tres puntos na Lomba de Vilagarcía, xogando boa parte da segunda metade con dez, mais si foi quen de empatar logo do gol de Javi Pazos. Nacho anotou o gol visitante co que adiou a festa de San Lázaro a dez minutos do final e facendo caer un posto aos vilagarciáns.
Restando opcións.
Os outros dous postos están aínda sen dono e cinco equipos pelexan por eles, con dous deles case sen opcións de asaltalos nas dúas xornadas que quedan. Ademais, o Racing Vilalbés volve á terceira posición mentres que o Arosa segue dependendo de si mesmo malia non conseguir os tres puntos ante o Bergantiños.
O Racing Vilalbés, de novo terceiro clasificado, superou na Magdalena a un Silva que só conseguiu catro vitorias no que vai de segunda volta. Sergio Arias e Antonio López puxeron aos lugueses moi preto da promoción na primeira metade.
Xa fóra dos postos privilexiados, pero aínda con opcións de pelexar polo ascenso, atopamos ao Alondras. O equipo cangués chega ao treito final despois de superar ao Céltiga nun partido que non se definiu ata o engadido. Jonas por partida dobre, encamiñou o triunfo dos visitantes mentres que Nico e o ex branquiazul Angelo igualaron o resultado ao final do tempo regulamentario para os da Illa. Un final que tivo unha nova sorpresa co gol de Alex Rey para mandar tres novos puntos cara o Morrazo.
Un que perdeu case tódalas opcións, ademais do partido, foi o Somozas. O equipo da Ferrolterra, que chegaba moi vivo nesta guerra, perdeu unha dura batalla en Pardiñas fronte ao Ourense CF. Un partido no que se adiantaron os visitantes grazas a un gol de Víctor Monteiro, que igualou Quique Cubas antes do tempo de lecer. Na segunda metade, Renan Zanelli, que menos de cinco minutos despois foi expulsado, pechou a vitoria ourensá nun campo sempre difícil e no que houbo ata tres expulsados ao final dos noventa minutos.
E pechamos a xornada do martes cun novo triunfo dun Barco que tampouco depende de si mesmo para entrar nos catro primeiros e que este domingo podería pechar a súa presenza na Terceira un ano máis. Un triunfo, cuarto nesta segunda parte do campionato, diante dun Noia que non conta coa mesma sorte, preto de pechar un novo descenso de categoría. Ivi Vales, David Álvarez por partida dobre e Tato anotaron para golear a un Noia que buscou a vida cun gol de Nando.
Todo en xogo.
Chega unha fin de semana onde estará todo en xogo. Este domingo, na penúltima xornada do campionato poden pecharse moitas cousas. Un campión e, posiblemente, outro descenso, ademais dalgún equipo que pode quedar sen ningunha opción de estar na promoción de ascenso. Tamén hai que lembrar que estamos ante a primeira das dúas xornadas con horario unificado que temos por diante.
O título pódese pechar oficialmente este domingo no Municipal de Espiñedo. Alí, un Arenteiro que espera aos arrastres recibirá ao que, antes ou despois, será campión da categoría. O Compos, que só precisa un punto para asegurar o primeiro posto, comezará a preparar xa a promoción de ascenso nunha saída que se antolla complicada.
Quen parece que non terá ningunha oportunidad nin nada en xogo, pensando xa no que se ven en dúas fins de semana, é o Bergantiños. Co segundo posto asegurado e sen oportunidade de facerse cun primeiro posto xa con dono, os carballeses terán un derbi esta fin de semana na que será a súa última saída antes da promoción. Visitarán o Municipal de Laracha para visitar a un equipo xa salvado se todo vai como ata o de agora.
Un triunfo serviría para asegurar a súa presenza na promoción de ascenso. Falamos dun Racing Vilalbés que tamén terá que traballar lonxe da súa afección. Os lugueses terán que visitar ao Ribadumia que só ten en xogo mellorar a súa clasificación, xa salvado. A Senra podería ser unha festa.
Os participantes galegos poden quedar confirmados esta mesma fin de semana dependendo do que pase no Morrazo. Alondras e Arosa, quinto e cuarto, estarán cara a cara nun partido no que os visitantes poden sentenzar a súa clasificación mentres que un triunfo local mantería a ámbolos dous conxuntos con posibilidades na última xornada.
Só un empate no encontro antes citado mantería con vida a un Somozas que terá que verse as caras ante un Negreira que certificará o seu descenso de categoría o domingo no García Calvo. Un partido difícil para os dous equipos e que pode rematar con malas novas para os dous.
Outro que tampouco depende de si mesmo é o Barco. Neste caso, os valdeorreses terán que visitar o campo de Oira para un derbi importante, aínda que sen nada en xogo. O Ourense, salvado, e o Barco, que depende do que fagan tanto Vilalbés coma Arosa, todo apunta a que pasarán un novo curso na Terceira galega.
A todo o anterior hai que engadir que Barbadás, ante o Choco, Noia, diante do Céltiga, e Cultural Areas, que visitará ao Villalonga, terán que pelexar con todo para non ser equipo de Preferente o vindeiro domingo pola noite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario