Queda todo para a volta

Compos e Espanyol B deixaron todo sobre o terreo de xogo de San Lázaro nun partido marcado polas pizarras. Moita táctica, moito fútbol no centro do campo e poucas ocasións, cos nosos indo de menos a máis e, por momentos, dominando con claridade en campo contrario. Sen goles, o mellor queda para a volta en terras catalás, onde os nosos conseguirían o ascenso gañando ou empatando con goles diante dun rival que demostrou non ser invencible. 


As defensas, o máis importante. 
Durante o primeiro tempo quedou máis que claro que esta eliminatoria vaino gañar a mellor defensa. Nos primeiros minutos de xogo quedou claro que a nosa é doutra categoría freando a un dos conxuntos máis fortes da Terceira división. Como mostra, o filial barcelonés só foi quen de poñer en perigo a portería defendida por Lucas nos primeiros corenta e cinco minutos nunha ocasión, cun disparo que saiu por un lado da porta.
Os primeiros minutos de dominio catalán pasaron a un treito do primeiro tempo con moito fútbol no centro do campo, sen achegamentos a ningunha das dúas áreas e cos nosos buscando facerse coa posesión da pelota, con algunha que outra complicación para saír coa pelota xogada ante as constantes interrupcións por faltas. 
A terceira parte do primeiro tempo, por dicilo dalgún xeito, foi de dominio branquiazul. O Compos tivo a pelota os quince últimos minutos en campo contrario mais sen poñer en perigo tampouco a portería contraria protagonizando Primo a xogada polémica caendo na área rival, un penalti máis que posible e que non sinalou un árbitro ao que se lle puido facer grande este partido. 

Máis do mesmo. 
A segunda metade comezou con outro posible penalti, nesta ocasión máis dubidoso, sobre Cardeñosa cando tentaba rematar un centro de Róber. Unha chegada dos nosos que se sucedeu doutra dos pericos que salvou Lucas no único man a man dos noventa minutos obrigando ao dianteiro a errar. 
As xogadas sucedéronse nos dous campos con máis interrupcións no centro do campo, tentando evitar calquera contra, en gran medida dos nosos, sen haber ocasións claras tampouco en ningunha das dúas porterías e chegando as mellores oportunidades na portería catalá en xogadas a balón parado con Primo incapaz de provocar perigo ante a insistencia dunha defensa que non deixou ningún oco. 
O mellor, para o final. Nunha serie de corners chegaron as oportunidades máis perigosas dos nosos con Cardeñosa como autor da última e máis clara dos noventa minutos. Un testarazo do central, importante tamén en labores ofensivas, que saiu por centímetros evitando que os nosos puideran marchar a terras catalás con algo positivo. 

Todo por decidirse.
A Ciutat Esportiva Dani Jarque será lugar dunha festa para un dos dous equipos e o lugar no que o outro terá que pensar rapidamente en xogar case un mes máis para acadar ese ascenso á Segunda B merecido para os dous equipos. Sant Adrià de Besòs, pobo entre Barcelona e Badalona onde se sitúa a cidade deportiva espanyolista, recibirá aos nosos o domingo ás 12 da mañá. 

ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Cardeñosa, Casas, Naveira; Samu (Alberto, min. 77), Ube (Mon, min. 66); Tomás (Sobrido, min. 87), Alex Ares, Róber; e Primo. 
CARTÓNS: Amarelos para Róber e Cardeñosa. 
GOLES: 0-0.
CAMPO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario